'Teño un museo': O Museo do Pobo Galego procura máis "raíces" entre a cidadanía

Beramendi, Noriega e Viz, na presentación da campaña © Concello de Santiago

Neste 2017 o Museo do Pobo Galego está de cuadraxésimo aniversario. Aínda que foi creado como institución en 1976 foi ao ano seguinte cando inaugurou as súas primeiras salas no convento de San Domingos de Bonaval grazas a unha cesión do Concello de Santiago. Como fundación que é sostense grazas ás achegas das persoas e institucións que forman parte do seu padroado e tamén coa colaboración das súas socias e socios, "raíces" da institución entre a cidadanía que o Museo procura ampliar a través dunha campaña que vén desenvolvendo dende mediados de 2016 e que no inicio de 2017 aposta por relanzar.

'Teño un museo' nace cun obxectivo ben claro: ampliar o número de persoas socias. Canta máis xente se implique no seu mantemento "máis forte" será e "máis independencia" terá. Os muros de Bonaval custodian fondos "cun enorme valor simbólico e histórico", pero "non poucos tamén cun grande valor económico", explican. "Pertencen á cidadanía e están depositados non só nas mans das profesionais e da dirección do Museo do Pobo, senón nas daquelas persoas que o sosteñen". E cantas máis poidan achegar dende 30 euros ao ano, mellor. É por iso que agora procuran "estender" a campaña a "toda a sociedade".

O Museo do Pobo Galego celebra neste 2017 o cuadraxésimo aniversario da inauguración das súas primeiras salas

A imaxe da campaña, debullada este luns polo presidente do padroado do Museo do Pobo, o historiador Justo Beramendi, son as propias socios e socios retratados pola cámara de Tino Viz ante as súas pezas favoritas do Museo do Pobo. Trátase, explicou Beramendi en rolda de prensa na casa do Concello de Santiago, de amosar que "o conxunto dos socios segue a ser fundamental" non só porque "contribúen ao sostemento económico", senón tamén porque "están encadrados e imbricados nos órganos de representación e goberno da nosa estrutura e teñen autonomía de acción".

É posible colaborar co Museo do Pobo dende 30 euros ao ano

Este modelo, afirma, "vén dando froito s continuos e importantes para a empresa do ben común". O máis recente é esta campaña, "que vai in crescendo e que acompañará durante 2017 a celebración do aniversario da inauguración das primeiras salas". Na campaña, subliña Beramendi, implícase tamén o Concello compostelán dende a súa condición de patrón institucional da fundación, como reflexo da "importancia" que o consistorio da capital veu tendo "durante os 40 anos de existencia" do Museo.

"O Concello non se pode poñer de perfil ante iniciativas coma esta", agregou durante a presentación do alcalde santiagués, Martiño Noriega, que aplaude que o modelo de socias e socios permita que "cada persoa asociada sexa dona e responsable" dunha entidade "que pretende ser o museo de todas e todos os galegos". Entre as persoas que poñen imaxe a esta campaña figuran rostros máis coñecidos como a mestra Antía Cal ou o xornalista Fran P. Lorenzo e, xunto a eles, socias e socios do Museo procedentes de distintos ámbitos. Todas as imaxes amósanse na web da campaña.

Unha das imaxes da campaña do Museo do Pobo Galego Dominio Público Museo do Pobo Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.