Terbutalina: "Os artistas non teñen falta de rir de si mesmos; teñen falta de tickets de consumicións"

Dominio Público Praza Pública

Al otomano se le va la mano é o novo disco de Terbutalina. E non pregunten por que se chama así, que nin eles mesmos o saben. O que si teñen claro é que seguen facendo música para pasalo ben. As súas respostas nesta entrevista son como as letras das súas cancións. Breves. Frescas. Divertidas. Baseadas nunha concepción da cultura, -palabra coa que non sabemos se se identificarían-, que nada ten que ver con poñerse intensos. E anuncian unha exclusiva: "Supoñemos que na primavera do ano que vén verá a luz o videoclip que fixemos para o anuncio da Xunta. Pagáronnos ben e aproveitamos para financiar a campaña de VOX en Galicia para as eleccións xerais". Aí queda.

No concerto de presentación do disco na Capitol e había moita xente. Regalastes moitos discos por levar camisa de flores? (Eu vin algunha que ben merecía un disco... ou dous)

Tivo moi boa acollida o asunto das camisas de flores. O día da festa de presentación distribuímos unha lotada de discos, así que todo o mundo contento. E si, había algúns modelos brutais.

Que lle dades ao público? E que lle dades á xente nova? (Porque había moita na Capitol).

Non o vemos como algo unidireccional, como se nós lle désemos algo á xente. Cando algo funciona, sobre todo cando se trata dunha festa, non é debido só a unha das partes. A xente ten ganas de festa e nós tamén, entón é normal que o pasemos todas e todos moi ben.

"A xente ten ganas de festa e nós tamén, entón é normal que o pasemos todas e todos moi ben"

Por que se chama Al otomano se le va la mano? De onde vén iso? Por que decidistes facer, por primeira vez, un disco físico?

Pode parecer mentira, pero realmente non sabemos en qué momento se nos ocorreu o título do disco, pero parecíanos o suficientemente estúpido como para escollelo. E sacamos en formato físico porque nos imos forrar e investilo todo en pastelitos. De todos os xeitos, mantemos a descarga libre e gratuíta en formato dixital... aínda que calquera día comezamos a cobrar 30 pavazos polo disco en dixital. Quen o sabe? Nós, polo menos, non. O futuro é un tema turbio. Hoxe pensas unha cousa, mañá espertas medio en bólas nos baños dunha gasolineira... Non se pode estar a todo, pero hai que ter educación e deixar todo recollido, na medida do posible.

"O futuro é un tema turbio. Hoxe pensas unha cousa, mañá espertas medio en bólas nos baños dunha gasolineira..."

Por que dicides que é un disco máis traballado que os anteriores? En que sentido?

Detivémonos un pouco máis en encontrar o son da banda. Nese sentido, boa parte da responsabilidade é de Tomás Ageitos, que ten capachos de paciencia e de saber facer para poder traducir conceptos artísticos en termos que animaliños coma nós poidamos entender. De todos os xeitos, sempre dicimos iso de “encontrar o son da banda” cando sacamos un disco... Nótase que non somos de moito traballar e que cando lle dedicamos un par de días a algo xa andamos anunciándollo a todo mundo. Vaia xente, non?

'Sudar sangre' foi o vídeo que serviu para comezar a dar a coñecer o disco. Un home que suda sangue de bailar cunhas zapatillas revoltosas. Escollestes este tema para o vídeo por algún motivo especial?

Escollémolo tras un longo proceso democrático que precisou de pactos, de moito diálogo e das formas propias da nova política. E cando isto non funcionou, colleu o cantante e dixo o que tiñamos que facer e todos achantamos. Se non lle facemos caso, non nos dá de comer. É un ditador, pero é o noso ditador e, como tal, querémolo. Se hai unha ditadura boa, é a súa. Hai ditaduras que non están tan mal, non? Se se basean en que todos o pasen ben, teñan sempre un bocadillo, un cigarro e unha latiña de birra... nós non lle vemos o mal.

"Hai ditaduras que non están tan mal, non? Se se basean en que todos o pasen ben, teñan sempre un bocadillo, un cigarro e unha latiña de birra"

"Vivimos, desde sempre, nuns tempos estúpidos e claustrofóbicos, nun país estúpido cun pobo aínda máis estúpido. Hai que ser o suficientemente incoherente para saír indemne e sorrinte de todo isto. O humor é, e será sempre, mellor que a coherencia, o compromiso, a evasión e o lambeconismo". Isto díxoo unha vez Samuel nunha entrevista. E a min faime pensar neste disco. É mellor o humor que poñerse intensos cando todo é moi absurdo, ou é que vos volvedes cada vez máis frívolos?

Non sabemos se é mellor ou non, pero sabemos que é máis divertido así e nós estamos nisto para divertirnos.

Falando de humor, tamén parece que rides de vós mesmos. Do rollo de ser "artistas". (E isto tamén me fai pensar en Inflamable de Samuel). En 'Artista' e 'Autopista', se cadra. Hai algo diso? Teñen os "artistas" galegos, en xeral, falta de rir de si mesmos?

Artista realmente era un tema que compuxemos para tocalo nas probas de son coa intención de poder obter algúns tickets máis da organización dos festis o das salas (true story). Os artistas non teñen falta de rir de si mesmos; teñen falta de tickets de consumicións. Ademais, nunca diríamos nada malo de ninguén da farándula así nunha entrevista. Somos máis de criticar ás costas da xente.

"Nunca diríamos nada malo de ninguén da farándula así nunha entrevista. Somos máis de criticar ás costas da xente"

En A muerte xa se notaba moito a rapidez e a brevidade. Temas breves, letras breves. Moito máis que a media. Non queredes aburrir?

Non é algo que busquemos intencionadamente. Cando compoñemos e vemos que unha parte nos aburre, xa a quitamos. De feito, imos subir todos os fragmentos de cancións que ao final non usamos a Ebay e a ver se lles sacamos algo.

Garage punk chamádeslle. Antes diciades que non perdiades tempo en poñerlle etiquetas. Por que aparecen as etiquetas na portada? Se cadra por desfacervos daquilo de gastro-punk?

É para facernos os chulos.

Houbo algún tema que me soou medio country. Ou polo menos moi americano. Pode ser ou son cousas miñas?

A nosas influenzas americanas redúcense ao MacAuto e as primeiras tempadas de Cosas de Casa, cando Steve Urkel aínda molaba, porque cando comezou a saír con Myra xa se politizou todo demasiado. Aínda que non estamos dicindo nada novo sobre a influenza que Cosas de Casa ten na nosa discografía: Picolo (vas de verde) era unha clara alegoría sobre a figura de Carl Winslow e Escachacunchas construíuse sobre un ritmo que Waldo Geraldo Faldo creara ao comezo do cuarto episodio da segunda tempada.

En Marchou sen min alguén pirou sen ti e non vai volver. En Aditamin 500 mg "eu quero ser o teu visio". En Mambo pedides mambo... Sodes máis de amor, de desamor, ou de sexo e drogas? (Como en Papa-ou-mama).

O amor é un mapache, dúas sandías e un paquete de Camel.

En Mala tinta alguén diche que tes mala pinta. En Miradas turbias as miradas turbias póñente dos nervios. Teñen orixe nalgo que vos dixeron, ou non sodes poetas "do real"? Quero dicir, as letras parten de situacións cotiás? E tedes algo de poetas, ou nada? (Algún de vós si) (Samuel di que pode haber tanta literatura na música como nun libro).

Sabes cando se xuntan dous para disfrazarse de cabalo e un fai da parte de diante e outro da parte de atrás? Pois nós somos os que nos subimos enriba.

En Griten alguén pide que suban o volume. En Se o sei non volvo alguén parece que se arrepinte da festa do día anterior. Canto ten o disco de reivindicación, ou polo menos de celebración, diso, da festa?

Desde o primeiro día que nos xuntamos no primeiro ensaio, todo o que facemos é unha reivindicación da festa, da carallada e do hihi-haha.

"Desde o primeiro día que nos xuntamos no primeiro ensaio, todo o que facemos é unha reivindicación da festa, da carallada e do hihi-haha"

Tivestes algún éxito nas xestións coa Xunta para que vos financiasen o vídeo como a Enrique Iglesias?

Si, supoñemos que na primavera do ano que vén verá a luz o videoclip que fixemos para o anuncio da Xunta. Pagáronnos ben e aproveitamos para financiar a campaña de VOX en Galicia para as eleccións xerais. Saíunos cada voto a quince euros e pico. Outra cagada investindo.

Algo máis?

Comer ben, beber mellor, darse bicos e rirse na puta cara da morte.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.