Terra Máxica: A 'maxia' de que os concellos se unan para ofrecer programación cultural

Presentación de Terra Máxica, este mércores © Culturactiva

Seis concellos ourensáns -Allariz, A Rúa, Baños de Molgas, Barbadás, Verín e Viana do Bolo- uniron os seus esforzos para poñer en marcha Terra Máxica, un programa de espectáculos de maxia -a cargo de Fran Rei, o Mago Teto, Dani García e o Mago Paco- e de obradoiros formativos que percorrerá estas localidades entre o 1 e o 17 de abril. Moitos dos encontros e funcións celebraranse en asilos ou centros da terceira idade, "procurando achegarse a un público que non adoita asistir a espectáculos, e poñendo así a maxia ao alcance de todos e todas", destacan os seus organizadores.

"Terra Máxica nace da idea do traballo en rede e cooperativo na procura de suplir eivas na política cultural que administracións superiores non dan ou queren abranguer"

Ademais do interese da programación e do seu aspecto social, destaca o feito de que o festival sexa organizado de forma conxunta por estes concellos, un bo exemplo de colaboración entre entidades locais que é quen aforrar custes e de pasar por riba das dificultades que nestes tempos impón a limitación de recursos económicos. Levando así, ademais, a concellos de tamaño pequeno e mediano unha programación orixinal e variada, que moitas veces non chega a toda a cidadanía. "Terra Máxica nace da idea do traballo en rede e cooperativo entre un grupo de entidades municipais da provincia na procura de suplir eivas na política cultural que administracións superiores non dan ou queren abranguer. Terra Máxica ven a demostrar que unha outra forma de facer e organizarse a través da dinamización cultural e da formación é posíbel", destacan os seus impulsores.

"O que hai que facer é decidir cales son as prioridades dun concello. E nós consideramos que a cultura é prioritaria, polo que debemos facer un esforzo neste senso"

"Creo que Terra Máxica é un exemplo de que se se quere, pódese facer, de que é unha cuestión de vontade política", destaca a concelleira de Cultura de Allariz, Cristina Cid. "Moitas veces parece que unha acción depende estritamente de elementos orzamentarios, cando en realidade o que hai que facer é decidir cales son as prioridades dun concello. E nós consideramos que a cultura é prioritaria, polo que debemos facer un esforzo neste senso", di. "Moitas veces pensamos que a cultura é apenas ocio. Pero detrás dese ocio hai unhas industrias importantísimas, que son fundamentais para mover calquera país. É un sector que hai que atender e, en certo modo, mimar", engade.

"Botamos en falta o apoio doutras administracións, de xeito que este circuito e que este tipo de iniciativas ao final ten que partir dende os concellos. Debería haber algún ente que coordinase este tipo de políticas e que levase a cabo a súa promoción. Así o financiamento sería maior e isto podería chegar a máis concellos", sinala. "Nós quixemos unirnos para suplir esa falta de iniciativa por parte desas outras administracións", destaca, e apunta que estes seis concellos xa están traballando "noutras iniciativas", que non teñen por que restrinxirse só ao ámbito cultural. Cita, por exemplo, o caso de turismo "onde hai certos recursos aos que, se se traballa en rede, se lles pode tirar moito rendemento". "É unha cuestión de vontade, de querer traballar en conxunto para sacar máis proveito dos recursos que hai. Non hai que infrautilizalos", resume.

"É unha cuestión de vontade, de querer traballar en conxunto para sacar máis proveito dos recursos que hai"

As funcións (A historia de Brancaflor, de Fran Rei; Tolemaxias, do Mago Teto; Volta á Maxia, de Dani García; e Hocus Pocus, do Mago Paco) terán lugar os venres (Barbadás), sábados (Viana do Bolo, Verín e Baños de Molgas) e domingos (Allariz e A Rúa) a partir desta fin de semana. A programación completa pódese consultar na web terramaxica.gal

 

Presentación de Terra Máxica, este mércores © Culturactiva

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.