The Antics Roadshow: moito máis que pallasadas

The Antics Roadshow Dominio Público Praza Pública

Cinema na Praza analiza a segunda produción de Banksy, famoso graffiteiro inglés, que parece que non decepciona. Desta volta fai un repaso sobre as diferentes bromas e actos de protesta que se convertiron en iconas sociais. Mais, este show ambulante das pallasadas é algo máis que unha recompilación de vídeos graciosos.

Partindo dos disturbios de 2011 en Londres, a película ofrécenos unha viaxe ao pasado repasando o activismo dos últimos anos

Partindo dos disturbios de 2011 en Londres, a película ofrécenos unha viaxe ao pasado repasando o activismo dos últimos anos. Deter o xenocidio de Timor Este, probar a inocencia dun home encarcelado, cuestionar as fontes e métodos dos xornalistas ou presionar ás multinacionais máis crueis son só uns exemplos de todas as protestas que neste filme están recollidas. 48 minutos de imaxes tiradas de arquivos televisivos e diversas testemuñas dos activistas que buscan facer pensar ao espectador.

A simple vista, o documental parece unha mera exaltación do excéntrico e do vandalismo. Non se equivoquen, esa é só a capa superficial

A simple vista, o documental parece unha mera exaltación do excéntrico e do vandalismo. Non se equivoquen, esa é só a capa superficial. Cómpre o visionamento para comprender que non estamos falando de graffitis coas sinaturas de adolescentes ou de actos gratuítos, senón de adultos que buscan espertar á sociedade ante determinadas inxustizas. Un exemplo singular é o caso de seis mulleres inglesas que esnaquizaron un jet a martelazos. Ante o xenocidio que estaba a cometer Indonesia en Timor Este, estas mulleres armáronse con martelos, entraron nun hangar e esnacaron un jet que ía ser vendido ao país atacante. Meses máis tarde eran declaradas inocentes posto que o xuíz creu que “tiñan razóns morais para actuar desa forma”.
image

No 2010, Bansky revolucionaba os cines coa película Exit Through The Gift Shop. A disaster movie que conta a historia de Thierry Guetta e o seu ascenso/declive á fama despois de convertise nun “artista”. A película é un profundo debate sobre que é arte e quen é un artista… se é que existe unha definición clara para calquera desas cousas. Así mesmo, esta longametraxe tamén pretende abrir outro debate: vandalismo ou activismo? Excentricismo ou arte?

Durante todo o filme preséntasenos casos particulares e varios interrogantes. Será cada espectador o que tire as súas respostas

Este documental, dicía antes, non é un recompilación de vídeos graciosos, nin un panfleto activista: é un interrogante. Durante todo o filme preséntasenos casos particulares e varios interrogantes. Será cada espectador o que tire as súas respostas. Algunhas cuestións que, en tempos de recortes sociais e outros atropelos sociais, están (ou deberían) na mente de todos: hai motivos para protestar ou expresarse contra algo? Temos dereitos a tomar as rúas? Se o temos, a que estamos esperando?

The Antics Roadshow Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.