The Lákazans: "En Santiago hai unha comunidade de blues bastante arraigada"

Dominio Público Praza Pública

E difícil poñelo en dúbida a estas alturas, mais en Galicia faise todo tipo de música. E estilos que hai 10 ou 20 anos eran escasos ou excepcionais foron volvéndose "normais". Mostra diso é e escena do blues e o soul, cada vez máis desenvolvida. The Lákazans son unha das bandas de referencia neste campo. Cun son cada vez máis seu, mesturan diversas músicas procedentes do folk americano. Distintas da música de raíz galega, mais nacidas de experiencias vitais e laborais non tan distintas. Porque, tal como di unha das dúas cantantes do grupo, Sabela, coa que falamos, no fondo somos todos bastante parecidos.

Como foi o concerto no ciclo Terra da fraternidade? Era a primeira vez que tocabades na Quintana?

Tocaramos unha vez, polo mercado da Estrela, pero nun formato pequeno. É a primeira vez que tocamos en formato grande. Foi moi ben. Había moita xente.

O voso é máis o directo, ademais…

Si, levamos xa bastante tempo e case podería dicir que os nosos ensaios son os directos, porque non ensaiamos moito. Tamén é porque é aí onde está a maxia. Hai bandas que soan moi ben nos discos pero no directo vénselles carencias. Outras son máis de directo, que é un pouco como se facía nos vellos tempos…

Definídesvos coma un grupo de amigos unidos pola paixón pola música. Levades un tempo: desde as orixes nas jams no Bloody Mary no 2010, despois no Miúdo…

Algúns de nós coñeciámonos de vivir en Boiro e logo a banda foi xurdindo. Primeiro foron Benja e Trilli, que facían jams, e ás veces Almudena cantaba con eles. Despois aparecemos Figui e eu… e pouco a pouco foise formalizando a banda. Fomos tomándoo máis en serio, no sentido de profesionalizarnos despois de ter empezando, simplemente, xuntándonos para tocar.

Que mudou con esa profesionalización?

Empezamos a tocar moito máis. Que entrase Fran Velo axudou, porque tiña moitos contactos en locais. O primeiro ano que estabamos xa coa formación actual, de sete persoas, chegamos a tocar todos os fins de semana. Os primeiros anos tes que facer así: se non te moves, non tocas, porque tocar é a maneira de que te coñezan. Así, ao principio móveste máis e, claro, por menos cartos. Ter a Patricia Hermida como manager tamén foi importante para que iso fose mellor.

"Os primeiros anos tes que facer así: se non te moves, non tocas, porque tocar é a maneira de que te coñezan"

Tocastes en Portugal e noutros países…

Tocamos unha vez en Portugal coa Bakin’ Blues Band. Fixemos unha minixira, primeiro fomos ao Grove e despois ao norte de Portugal. Tamén tocamos, por exemplo, en Dublín, onde fomos cunha formación pequena, de só baixo, harmonía, guitarra, percusión non completa e eu. Tocamos entre moitos grupos, no contexto dun mercado no que ademais é moi difícil entrar…

Falando diso, noutras comunidades do Estado se cadra hai máis tradición de blues e soul. En Galiza hai algúns músicos que se moven máis polo estranxeiro, coma Adrián Costa, pero tamén cada vez máis bandas que tocan por aquí…

En Santiago, en concreto, hai unha comunidade de blues bastante arraigada. Non sei, se cadra vén todo a raíz de Los Reyes del K.O. (Adrián Costa e Marcos Coll), pero en Santiago grupos galegos de blues hai un monte deles. Están The Fabulous Resaca Brothers, a Bakin’ Blues Band, Andhrea & the Black Cats… moitas bandas. Nós facemos máis ben fusión.

Tampouco hai moito festival nin outro tipo de eventos especializados. O blues adoita compartir espazo co jazz, por exemplo…

Niso cada vez a situación está mellor tamén. Cando fomos ao Fisterra Blues fixéronme a mesma pregunta. Antes movíaste por festivais de rock, que hai un monte deles, pero a tendencia era que se repetisen sempre os mesmos nomes, as mesmas bandas. E nós mesmos tocamos en festivais nos que, a verdade, quizais non pegabamos moito. Agora hai máis diversidade, xa non son sempre os mesmos, e ademais si hai algún festival especializado, coma o Vila Blues, en Vilagarcía, o Fisterra Blues ou o festival novo de Lugo, o Blues museum.

"Si hai algún festival especializado, coma o Vila Blues, en Vilagarcía, o Fisterra Blues ou o festival novo de Lugo, o Blues museum"

Ti es de familia de tradición musical. E os teus compañeiros?

Meu avó era Juan Bello Mallou, gaiteiro maior de Galicia. É moi coñecido por exemplo o pasodobre de Mallou, que rescatou el. E si, na miña familia hai bastante tradición musical: xente que estivo en Cantigas e Agarimos, por exemplo. Fran Velo viña de Herdeiros da Crus; Trilli pasara por outras formacións -Trilli e Figui tocaran xuntos antes-, os pais de Benja son afeccionados á música -o pai ten unha colección de vinilos xigante…-. O amor pola música tamén nos vén por aí, por tradición familiar...

Dicías antes que facedes fusión. É blues, soul, country, rock & roll…

É fun pouco fusión de todos. Os sete escoitamos diferentes tipos de música. Tamén temos gustos comúns, claro. Pero todos estamos abertos a escoitar o que escoitan os outros… Así sáenos un son particular, que non é só blues, nin só soul, nin só country… É fusión de todo o que achega cada un de nós. Di Benja de broma que se cadra somos músicos de swing frustrados, e quizais é verdade… (Ri).

"O que facemos é fusión de todo o que achega cada un de nós"

Houbo unha evolución nese aspecto?

Comezamos facendo versións, sobre todo de blues, que é o que máis escoitaba Benja. Ao entrar eu, que sei máis de soul, fomos meténdonos máis no soul… Fomos, así, evolucionando co que cada un de nós achegaba.

"Ao entrar eu, que sei máis de soul, fomos meténdonos máis no soul"

“Influencias” teredes infinitas, coma todos os músicos. Mais no voso disco hai un par de versións fáciles de identificar, unha con Elvis Presley e outra con David Bowie e Mick Jagger…

Si, pero as dúas son máis antigas. Hound Dog foi escrita por Jerry Leiber e Mike Stoller e Dancing in the street é de Martha and the Vandellas. A versión máis coñecida é a de The Mamas And The Papas.

E para ti que cantantes son referentes?

Hai moitas que me gustan, claro. Etta James, Imelda May, o rollo rockabilly en xeral, Aretha Franklin, Billie Holiday, Ella Fitzgerald… Mulleres nun mundo da música no que quedabas en segundo plano por ser muller. Mulleres fortes que aí estaban, malia todo, sobre todo no blues, que é un mundo bastante masculino.

Mulleres, coma Billie Holiday, que o pasaron mal. Nas cancións vosas hai como algo de pegada desa tradición de mulleres loitadoras. Queen of the Dirt, un dos vosos temas, é coma un símbolo dunha posible muller empoderada…

Como letrista levo as cousas, claro, un pouco ao meu terreo. Sempre falan algo de min, do que eu vivo. A letra que citas é, si, sobre unha muller forte á que lle gusta o sexo, coma aos homes, e no por iso ten que ser marcada cunha etiqueta como a que opón o machote e a muller “sucia”.

"As letras sempre falan algo de min, do que eu vivo"

O voso primeiro disco -antes sacarades un EP- é Homegrown. Por que o título?

Significa Colleita propia. Tiñamos un EP no que só un tema era noso. No disco, sete dos novos temas foron compostos por nós. Por iso o título. Agora estamos a preparar un terceiro disco.

Para cando? Como será?

Non sabemos para cando. A ver se o temos para final de ano. Vai ser son The Lákazans, desde logo. Vai soar a nós, quero dicir. E vai quedar chulo, iso seguro.

Na imaxe de capa pode verse unha nena cunha guitarra. E o primeiro tema é Little child, unha canción que convida unha nena -quizais- a non ter medo e tirar para adiante.

A nena é prima de Benja. Tívoa toda a tarde para facer a foto, e penso que se lle nota na cara que quere acabar dunha vez… (Ri). Little child xurdiu dunha vez que estiven con miña irmá, estando ela embarazada. Unha noite soñei coa letra, co tema, entón erguinme a escondidas, ás tantas da mañá, para gravala… Vai sobre un bebé, o seu futuro, e a idea de que, si, hai que tirar para adiante, sen deixar que a dor te derrube, por moitas miserias que haxa.

Four sixes to Beat, que é super country, é a historia de John Wesley Hardin… É como ir ao antigo sur de Estados Unidos…

Benja é normalmente quen nos pasa os riffs, que a min lévanme ao que quero contar. É unha historia do oeste americano. Despois de facer o tema souben que hai un disco de Bob Dylan que se chama Jhon Wesley Harding. Era un rapaz da época da guerra de secesión. Tivo a mala sorte de ter un enfrontamento cun rapaz negro, que acabou matando. Como era o tempo de Lincoln, da liberación dos escravos, caeulle unha pena moito máis dura da que tería noutras circunstancias. Acabou sendo un bandido que matou varias persoas. No cárcere estudou, fíxose avogado, e cando xa estaba fóra e rehabilitado matárono. Din que a súa última frase antes de morrer foi o que puxemos de título da canción.

Outros tres temas do disco, Dancing in the street, Don’t give that jazz e Wonderland Words teñen en común a celebración da propia música. Canto todo está mal, di Wonderland Words, tes a música…

Wonderland Words é un tema alegre, para subir cando te atopas mal, si. Porque cantas, bailas, desfrutas… Despois fala un pouco de Alicia no país das marabillas. En xeral, todo o disco ten un ton positivo. A música a min achegoume moitísimo. Era un momento no que acabara a carreira, non sabía que facer coa miña vida, estaba a crise e non había moitas expectativas de traballo… Se me chegan a dicir que ía ter o que teño, non o crería. Entón, claro, hai celebración diso, de desfrutar do que teño, do amor polo noso traballo, de atopar unha maneira de cantar, bailar, desafogar e quitarnos todos os males. Bo rollo puro.

"En xeral, todo o disco ten un ton positivo"

En Why Should I? unha persoa pregúntalle a outra por que escoitala despois de tela ferido. En Need me unha persoa queda soa e dille a outra que se a quere e a precisa ten que mudar de actitude… Son os dous temas nos que falades de afectos.

Why Should I? escribiuna Almudena e, si, fala de mal de amores. É un pedazo tema, para min o mellor do disco. Almudena escribe pouco, pero moi ben. Need me pode parecer un tema de amor, pero a raíz estivo en cando meu pai se puxo enfermo e estivo no hospital. O que lle digo é que se quere estar comigo, se me necesita, ten que coidarse para quedar con nós.

"Almudena escribe pouco, pero moi ben"

En Youtube poden verse moitas versións que facedes…

As versións sempre tentamos levalas ao noso terreo. Non son covers. Sempre facemos algo noso, distinto do orixinal.

Almudena e ti tedes voces moi distintas, mais quedan ben xuntas.

Figui é quen nos presenta nos concertos, e xa o explica el: The Lákazans ten unha morena e unha loira, e a morena, que son eu, é a voz negra, e a loira, que é Almudena, é a voz branca. E si, as nosas voces son distintas pero xúntanse dun xeito moi natural.

"As nosas voces son distintas pero xúntanse dun xeito moi natural"

Cal é o local co que máis vos identificades agora? O Miúdo pechou hai tempo, creo lembrar que por problemas coa normativa municipal para facer concertos.

En Santiago sempre nos tratan moi ben no Sonar, que é a nosa casa de Santiago. En Boiro é A Pousada das Ánimas, onde Suso loita pola música en directo nun Barbanza no que a música é moitas veces considerada pouco máis que un fío musical…

Asociados aos locais adoitan ir os públicos habituais…

Si, temos un público habitual, claro. Hai xente que coñecemos nos concertos, que nos segue. Porque saes á rúa, falas, ris… E son cada vez máis.

Almudena e ti facedes as letras. Como repartides o resto do traballo?

Benja é quen fai os riffs, normalmente. Pásanos a melodía a Almudena e a min, que facemos as letras. E despois traballamos xuntándonos todos, ou cunha gravación. Moitos temas comezan sendo unha cousa e acaban sendo outra.

Homegrown ten country, cousas máis blues… e algo de rock.

Queen of the Dirt é unha rumba-rock, como dicimos nós. Unha rumba, en realidade, pero rockeira. Wonderland Words é Boogie. Little Child é o noso son característico, de mestura de todo, Don’t give that jazz é rockabilly, Need me é soul… Hai variedade, pero é todo música clásica, dos anos 40 ou 50. Música de raíz americana, a que nace do blues, dos campos de algodón, do lavado de roupa no lavadoiro… Ao final somos todos o mesmo.

Porque é o folk americano. Música ligada ao traballo, á vida cotiá… Coma a nosa música tradicional. Folk e soul teñen algún outro significado especial para ti?

É música de raíz, si. A min, en realidade, gústame de todo. Teño outras formacións nas que fago música completamente diferente. Por exemplo, rancheiras e tangos. Escoito de todo: folk, soul, pop… Ben: reguetón non. (Ri).

Comentábame outro grupo noutra entrevista que a moita xente segue a resultarlle raro que un grupo galego faga algo que non sexa folk, bravú… Os tópicos. Se cadra a vós non vos pasa, por non cantar en galego.

Hai xente que nos di que deberiamos cantar en galego porque somos galegos. Eu na miña vida persoal falo normalmente castelán, pero nos concertos falo en galego. As nosas letras están en inglés non porque teñamos nada contra o galego, senón porque son as nosas influencias, o tipo de música que facemos… Ademais, para que discutir por iso. A nosa lingua é a música… O que nos move é a música, non ten que ser en ningunha lingua concreta.

"A nosa lingua é a música"

Referíame ao tema dos estilos. Que aínda a estas alturas haxa a quen lle resulte raro que se fagan certos tipos de música desde aquí.

O outro día fun ver a Andhrea & The Black Cats, -outra banda que ten Figui-, e escoitei como un mozo lle dicía a unha moza: ah, pero son de aquí! Fíxome graza. Iso pasa ás veces. Igual que haberá a quen lle resulte raro que Los Lobos, que son de Los Angeles, fagan rancheiras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.