Xa falta menos para que o videoxogo 'The Waylanders', desenvolvido polo estudio coruñés Gato Salvaje, estea dispoñible. Ambientado na Galicia celta e medieval, está previsto que esta superprodución, que conta cun orzamento de dous millóns de euros, chegue ás tendas no ano 2020. O equipo de Gato Salvaje estivo os últimos días na Gamescom de Colonia (Alemaña), a máis importante feira de videoxogos do mundo, amosando os avances da produción, xa moi avanzada.
Na feira Gamescom presentou o primeiro teaser cinemático do videoxogo e un gameplay que permite comprobar o aspecto que presentará finalmente
Ademais de presentar o primeiro teaser cinemático do videoxogo e un gameplay que permite comprobar o aspecto e a xogabilidade que presentará finalmente, Gato Salvaje deu conta das últimas incorporacións ao proxecto, con nomes de primeiro nivel, como Chris Avellone (Fallout, Star Wars: Jedi Fallen Order, Vampire: The Masquerade - Bloodlines 2) e Emily Grace Buck (The Walking Dead) no equipo de guion. E de Inon Zur (Fallout, gañador dun premio Emmy e nominado a 3 premios BAFTA) encargándose da banda sonora como Lead Music Artist do proxecto. O equipo xa contaba con autores de prestixio internacional como Mike Laidlaw.
O videoxogo prevé estar dispoñible en inglés, castelán e galego e baralla así mesmo a incorporación doutras lingua
The Waylanders é un xogo RPG de fantasía que inclúe referencias a lendas galegas e mitoloxía céltica e ao propio Camiño de Santiago, que os xogadores deben defender. As localizacións que aparecen no xogo están inspiradas en lugares existentes realmente en Galicia, dende castros e carballeiras, pasando pola Catedral de Santiago, a Torre de Hércules ou o Cabo Fisterra, froito do traballo de investigación e deseño que o equipo, no que traballan ata 38 persoas, vén levando a cabo nos últimos meses. O videoxogo prevé estar dispoñible en inglés, castelán e galego e baralla así mesmo a incorporación doutras linguas, como o francés e o alemán.
No desenvolvemento deste xogo a compañía incorporou creativos procedentes de empresas de todo o Estado e mesmo The Waylanders, que xa está a ser comparado con títulos como Dragon Age ou Neverwinter Nights 2, inclúe na súa construción o uso do sistema de captura de movementos de Xsens, para dotar de maior realismo ás accións dos personaxes.
The Waylanders viaxa entre dúas diferentes épocas, celta e medieval
The Waylanders viaxa entre dúas diferentes épocas, celta e medieval. "As eleccións que se fagan nun período de tempo teñen consecuencias no outro, de xeito que os xogadores sentirán o impacto das súas decisións de formas sorprendentes e impactantes", explican dende Gato Salvaje. Permite, ademais desenvolver 5 carreiras xogables, baseadas na mitoloxía celta, cunha completa personalización dos personaxes. O estudio destaca tamén o papel dos 'compañeiros de viaxe', cos que o xogador ou xogadora poderá "falar, descubrir en profundidade o seu pasado, realizar misións de lealdade e mesmo experimentar romances con eles".
Gato Salvaje presentou en 2010 o seu primeiro videoxogo, AR-K, que buscou lanzar a través de Kickstarter, algo que conseguiu finalmente en 2013, conseguindo máis de 100.000 euros nesa campaña de micromecenado. En 2014 presentou o segundo episodio do xogo e en 2015 chegou o terceiro, La Gran Evasión. No ano 2016 Gato Salvaje puxo en Stream o primeiro videoxogo en galego desta plataforma, Bullshot.