The Waylanders, o videoxogo desenvolvido polo estudio coruñés Gato Salvaje, avanza a bo ritmo. A produción verá a luz na primavera do ano 2020 e está a xerar unha grande expectación nos medios especializados do sector, feiras de videoxogos e entre o público consumidor. Vén de iniciar unha campaña en Kickstarter para facerse con un mínimo de 150.000 dólares de financiamento colectivo, un obxectivo que esperan acadar nun mes. A campaña, iniciada hai cinco días, recadou xa máis de 45.000 dólares dun total de 1.258 patrocinadores.
A partir de 25 dólares, as persoas que apoien o proxecto terán acceso á descarga do videoxogo para PC unha vez estea rematado e sexa público (xuño de 2020). Cunha achega algo superior (50 dólares), a descarga recibirase antes, cun acceso beta en abril de 2020, acompañada dalgúns complementos, como a súa banda sonora ou algúns dos seus deseños en formato dixital. Para achegas maiores hai tamén recompensas superiores, como elementos para o propio xogo (armaduras, armas...) así como miniaturas dos personaxes e outros elementos físicos (guías do xogo, mapas...). Finalmente, a partir de 225 dólares, as persoas que apoien o xogo obterán ademais outros agasallos exclusivos, como unha ilustración de Emma Ríos asinada pola autora ou un torque de prata. A recompensa maior obtense a partir da entrega de 10.000 dólares para o proxecto: a persoa que o faga poderá viaxar a Galicia, aloxarse durante dous días no interior dun castro reconstruído e visitar as localizacións do xogo.
The Waylanders é un xogo RPG de fantasía que inclúe referencias a lendas galegas e mitoloxía céltica e ao propio Camiño de Santiago, que os xogadores deben defender. O proxecto foi presentado o pasado mes de marzo na sede de Afundación, nun acto no que os responsables da compañía destacaron que o lanzamento podería servir para impulsar o sector de videoxogos en Galicia.
As localizacións que aparecen no xogo están inspiradas en localizacións existentes realmente en Galicia, dende castros e carballeiras, pasando pola Catedral de Santiago, a Torre de Hércules ou o Cabo Fisterra, froito do traballo de investigación e deseño que o equipo, no que traballan ata 38 persoas, vén levando a cabo nos últimos meses. O videoxogo prevé estar dispoñible en inglés, castelán e galego e baralla así mesmo a incorporación doutras linguas, como o francés e o alemán.
No desenvolvemento deste xogo, que o estudio quere lanzar nos mercados internacionais ao mesmo nivel, a compañía incorporou creativos procedentes de empresas de todo o Estado e mesmo autores de prestixio internacional como Mike Laidlaw. The Waylanders, que xa está a ser comparado con títulos como Dragon Age ou Neverwinter Nights 2, inclúe na súa construción o uso do sistema de captura de movementos de Xsens, para dotar de maior realismo ás accións dos personaxes.
Gato Salvaje presentou en 2010 o seu primeiro videoxogo, AR-K, que buscou lanzar a través de Kickstarter, algo que conseguiu finalmente en 2013, conseguindo máis de 100.000 euros nesa campaña de micromecenado. En 2014 presentou o segundo episodio do xogo e en 2015 chegou o terceiro, La Gran Evasión. No ano 2016 Gato Salvaje puxo en Stream o primeiro videoxogo en galego desta plataforma, Bullshot.
Parte do equipo de Gato Salvaje, que traballa no desenvolvemento de 'The Waylanders'