Toda unha xeración de ourensáns, sen Museo Arqueolóxico

Porta do Museo Arqueolóxico de Ourense © http://patrimoniogalego.net/

En xaneiro de 2002 pechaba as súas portas o Museo Arqueolóxico provincial de Ourense, para levar a cabo unha profunda remodelación das súas instalacións. Dende entón o espazo non volveu abrir as súas portas, aínda que o museo mantivo a súa actividade de investigación, catalogación e conservación, trasladando os seus servizos ao edificio Santa María de Europa, onde se almacenan a maioría das coleccións. A sala de exposicións San Francisco acolle así mesmo algunhas mostras (Escolma da escultura), conferencias e outras actividades do museo, que tamén desenvolve unha interesante actividade na rede. En calquera caso, o espazo permanece pechado e semella que así continuará.

O Museo permanece pechado, e así continuará, cando menos, ata mediados de 2018, pois está previsto o inicio dunhas obras cunha duración prevista de 39 meses

Porén, o Museo permanece pechado, e así continuará, cando menos, ata mediados de 2018, pois está previsto o inicio dunhas obras cunha duración prevista de 39 meses. A razón principal é que a partida económica máis importante para acometer esta actuación (de 3,5 millóns de euros) non chegará, precisamente, até ese ano 2018. Para o 2015, no entanto, só están orzamentados 150 mil euros. O director do Museo, Xulio Rodríguez, rexeitou en varias ocasións fixar unha data concreta para o remate das obras e para a posterior reapertura do espazo, que dependerán das asignacións orzamentarias anuais.

A situación levou ao inicio dunha petición online que reclama a reapertura do museo. A petición sinala que o museo é "un edificio referencial para a nosa cidade e a nosa Historia" e destaca que "a cidadanía e os nosos visitantes merecen un modelo compatible de investigación/consolidación patrimonial e de divulgación e promoción dos nosos recursos". "Os responsables destos 14 anos de secuestro, seguro que poden xustificar dende as súas posicións maiores períodos de espera; pero quizais merezamos outros discursos e outros xestores", engaden. Outras voces lembran a través das redes sociais que hai toda unha xeracións de ourensáns e ourensás, os máis novos e novas, que non tiveron a oportunidade de pasar polo museo, que si era unha visita habitual nas décadas anteriores, cunha grande importancia nas actividades dos centros de ensino.

"A cidadanía e os nosos visitantes merecen un modelo compatible de investigación/consolidación patrimonial e de divulgación e promoción dos nosos recursos"

Tamén o pleno muncipal do Concello de Ourense reclamou a reapertura, tras unha proposta do PSdeG-PSOE, e de igual xeito o Parlamento galego aprobou por unanimidade unha moción neste senso, presentada pola deputada do grupo Mixto Carmen Iglesias. Porén, meses máis tarde, o pasado mes de outubro os votos do PP botaron abaixo unha proposición presentada pola propia Carmen Iglesias para compatibilizar as obras de rehabilitación coa apertura para visitas do público. "Os ourensáns non podemos conformarnos con esta demora inaudita. Aínda menos nos actuais tempos, onde o desenvolvemento técnico e científico permite, con todas as garantías para os visitantes e os traballadores, compatibilizar diversos estudos arqueolóxicos", sinalaba

 

Máis de 150 anos de historia

O Museo ten unha longa historia, de 169 anos. Naceu por iniciativa da Comisión Provincial de Monumentos en 1845 no edificio do antigo Colexio dos Xesuítas da actual rúa Lamas Carvajal. Sete anos despois o centro foi desaloxado, dispersándose os seus fondos pola provincia.  En 1895 a Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Ourense decidiu a creación dun Museo Arqueolóxico Provincial, que nas décadas seguintes foi crecendo, e mudando varias veces a súa localización. Un incedio en 1927 case provoca a súa desaparición e forzou o seu traslado á súa actual localización nos anos trinta.

Porta do Museo Arqueolóxico de Ourense © http://patrimoniogalego.net/
Interior do museo © Ministerio de Cultura

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.