Tosta: punto de encontro da diversidade lingüística da Europa atlántica

Cartaz do Festival Tosta Dominio Público Praza Pública

Rianxo acollerá os días 9, 10 e 11 de setembro un novo evento de Tostafestival itinerante que xa percorreu Irlanda (abril), Cornualles (xuño), Gales (xuño), Escocia (xullo) e Frisia (setembro), e que rematará en Euskadi (a partir do 23 deste mes, a conmemoración final do Día Europeo das Linguas) como parte do programa de Donostia Capital Europea da Cultura 2016Xurxo Souto, Quico Cadaval, Belém Tajes, a Banda Tosta con Mónica de Nut, Luned Rhys, Fran Amil e a tribo incomprensíbel, Oreka TX, Magin Blanco, Guadi Galego e De Vacas son algunhas das propostas que inclúe a cita galega.

O festival, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña e A Mesa Pola Normalización Lingüística, ademais do propio Concello de Rianxo, forma parte das celebracións das Festas de Guadalupe. O nome -Tosta- fai referencia a que a palabra está presente en moitas das linguas que se falan ao longo da costa atlántica europea, unha táboa de madeira empregada con diferentes usos na navegaciónA cita serve como mostra da diversidade lingüística e cultural na costa oeste do continente, contando con representantes de Irlanda, Cornualles, Frisia, Escocia e Gales, ademais de Euskadi e Galicia.

A cita serve como mostra da diversidade lingüística e cultural na costa oeste do continente, contando con representantes de Irlanda, Cornualles, Frisia, Escocia e Gales, ademais de Euskadi e Galicia

Ademais da música que achegan os artistas e grupos participantes, haberá contacontos, obradoiros que terán o mar e a vida mariñeira como protagonistas e, de forma moi destacada, a presentación (programada para o domingo pola tarde) da recompilación de Cantigas mariñeiras de Galicia e Irlanda elaborada por Belén Tajes. A música e docente foi seleccionada pola Deputación da Coruña para participar nunha residencia en Irlanda para levar a cabo este proxecto. Nos últimos meses varios artistas e creadores dos países participantes levaron a cabo intercambios, dando lugar á realización de iniciativas culturais e produtos que están vendo a luz neste momento. Por exemplo, a artista galesa Luned Rhys estivo en Galicia, desenvolvendo un traballo que tamén presentará en Rianxo

Cómpre salientar, igualmente, a actividade da banda Tosta, formada por artistas de todos os países participantes: Marit Talens (Frisia), Caoimhín Ó Fearghail (Irlanda), Gwilym Bowen Rhys (Gales), Mónica de Nut (Galicia), Bec Applebee (Cornualles), Rona Wilkie (Escocia), Harkaitz Martinez de San Vicente, Mikel Ugarte, Iñigo Egia, Mixel Ducau (Euskadi).

“Para plurilingües nós”, afirmou a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, na presentación dun festival que responde, entre outras cousas, á “necesidade de mirar o moito e bo que se está a facer en linguas minorizadas”. Destacou a intensa relación que a cultura galega mantivo historicamente coa Bretaña ou con Irlanda. "Trátase dunha clara defensa e reivindicación das linguas minorizadas, linguas que teñen moitos coñecementos detrás e que nos irmanan con moitos lugares nun encontro que produce unha maior vitalidade para todas”, sinalou ao tempo que fixo fincapé nos “contedores culturais que toman parte do escenario do festival, poñendo en destaque a mestura da idea de identidade e dunha cultura que vai de porto en porto como unha mercadoría, coa súa parte económica e comercial”.

"Trátase dunha clara defensa e reivindicación das linguas minorizadas, linguas que teñen moitos coñecementos detrás e que nos irmanan con moitos lugares nun encontro que produce unha maior vitalidade para todas”

A música Guadi Galego anunciou que o seu concerto de Rianxo será tamén o peche da xira do disco Lúas de outubro e agosto e mostrou a súa satisfacción por participar nun festival que pon en relevo a potencialidade das linguas minorizadas. Na presentación participou tamén o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños que agradeceu á organización que pensara na vila para acoller a cita. Pola súa parte, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, mostrou a súa satisfacción por participar nun proxecto que ten como obxectivo “visibilizar a diversidade lingüística e cultural”.

 

Cartaz do Festival Tosta Dominio Público Praza Pública
Presentación do festival, este luns en Compostela © A Mesa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.