A Área de Lingua da Deputación da Coruña ultima a súa rede de grupos de conversa en lingua galega
Unha ferramenta "sinxela, pero moi poderosa" para lanzarse a falar en galego. É o que procuran ser os grupos de conversa en galego que van botar a andar na provincia da Coruña da man da área de Lingua da Deputación.
Baixo o título Falarmos Nós, a Biblioteca Provincial da entidade provincial coruñesa acolleu este 17 de xaneiro unha primeira xuntanza de traballo para activar o proxecto. Trátase, explican, dun "sistema interconectado de espazos" que "buscan fomentar o uso oral da lingua" entre persoas "que a coñecen, pero non a empregan habitualmente".
O albo da iniciativa, detallan, é a poboación que non precisa aprender dende cero o noso idioma, que mesmo o fala con certa fluidez. Pero que "por falta de apoio na súa contorna ou por estar aínda en proceso de aprendizaxe", caso de poboación chegada de fóra, precisa de "contornas seguras nas que perder o medo a falar".
O proxecto procura crear "contornas seguras" onde persoas que "por falta de apoio na súa contorna ou por estaren aínda en proceso de aprendizaxe" precisan "recuperar a confianza no uso do galego fóra de contextos formais ou académicos"
Contribuír a que estas persoas gañen ou "recuperen a confianza no uso do galego fóra de contextos formais ou académicos", explica a deputada de Lingua, Sol Agra, é un dos obxectivos principais. O plan pasa por chegar ata unha ducia de grupos dos que sete comezarán xa nunha primeira fase.
As sesións dos grupos de conversa, subliña Agra, non son "clases de lingua". "Non se impartirán contidos gramaticais nin lingüísticos, senón que se fomentará a práctica da conversa nun ambiente seguro e participativo". Poderá acudir quen xa sabe, tamén quen "conte cunha boa capacidade de comprensión e expresión básica". Do que se trata é de axudar a "incrementar o uso da lingua nas relacións cotiás, alén do propio ámbito do grupo de conversa.
A Área de Lingua resalta que, dende este "punto de partida", a rede de grupos de conversa "aspira a medrar progresivamente". Por iso estará aberta aos Servizos de Normalización Lingüística e bibliotecas dos concellos, así como a "entidades sociais, independentemente do seu ámbito de actuación".