"Cando tanta pantalla acabe por saturarnos, o teatro, coa sinxeleza do presente e do físico, seguirá aí"

Cándido Pazó dirixe unha nova adaptación de 'Memorias dun neno labrego' © Damián Miramemira

"Se me preguntan se me pesou máis a responsabilidade ou a alegría da oportunidade de abordar este texto, sempre digo que para min foi unha festa e continua a ser unha festa", asegura Cándido Pazó

No décimo aniversario do pasamento de Xosé Neira Vilas, Memorias dun neno labrego regresa aos escenarios nunha nova versión da man de Cándido Pazó, bo coñecedor desta historia, que xa representou nun monólogo teatral hai quince anos, e sobre a que puido conversar devagar co autor, de quen salienta a súa xenerosidade. A obra conta cun elenco de sete actores e actrices, Xúlio Abonjo, Mónica García, Santi Romay, Manuel Cortés, Ana Santos, Federico Pérez Rey e Iris Darriba, e coa música orixinal de Xosé Lois Romero.

Este texto evoca a memoria do noso pobo, tamén no contexto urbano de hoxe, que non está totalmente desconectado do rural. "Se me preguntan se me pesou máis a responsabilidade ou a alegría da oportunidade de abordar este texto, sempre digo que para min foi unha festa e continua a ser unha festa. Dou grazas por ter coñecido a Nera Vilas, que puxo sempre todas as facilidades. Na balanza pésame moitísimo máis o positivo de establecer esa comunicación comigo mesmo, cos meus pais e con vós, coa miña comunidade. A responsabilidade de que isto puidese decepcionar estaba aí, pero é ao que nos enfrontamos e o noso traballo é tratar de que non suceda", argumenta o director.

Trátase dunha coprodución entre o Centro Dramático Galego e Contraproducións e permanecerá ata o 25 de xaneiro no Salón Teatro de Santiago de Compostela antes de saír de xira polo país. As primeiras datas confirmadas son o 30 de xaneiro en Vimianzo e durante o mes de febreiro o día 1 en Nigrán, o 5 en Lugo, o 6 en Ribeira, o 7 en Vilalba, do 11 ao 15 de novo en Compostela, o 18 en Rianxo, o 19 en Monforte, o 20 no Barco de Valdeorras, o 21 en Carballo e o 27 en Vigo. Nos vindeiros meses a representación chegará tamén a Oleiros, Narón, Ourense, A Coruña e máis sitios por confirmar. 

'Memorias dun neno labrego' é unha coprodución do CDG con Contraproducións © Damián Miramemira

"Hoxe en día somos un país escarranchado, cun pé no asfalto, pero sempre un pé na terra. E iso nótase na emoción que suscita contar estas historias"

Había expectación pola montaxe, como demostran as primeiras catro funcións coas butacas cheas e o bo ritmo ao que se están a vender as entradas destas primeiras datas.

Contaba coa expectativa que Memorias dun neno labrego suxire e levanta entre os galegos e as galegas, porque é evidente. A xente está á espera, quere que estrees e queren estar aí; queren partillar contigo esa visita teatral a este texto. Isto é moi bonito e, ao mesmo tempo, tamén che dá unha responsabilidade engadida, porque efectivamente ante tanta expectación hai moitos máis ollos atentos a ver o que fas ou non fas. É como tocar algo, se se me permite, un puntiño sagrado. Trataremos de aproveitarnos desa circunstancia e de non decepcionar a ninguén.

É que este texto xa forma parte da nosa identidade, do que é ser galega ou galego.

Eu digo que en termos literarios é un clásico. E os clásicos hai que revisitalos e hai que relelos, desde a propia lectura ou desde outras artes, neste caso o teatro. Forma parte desa herdanza que, dalgunha maneira, todos os galegos, máis ou menos, sentimos que é a herdanza da terra. Que non é unha herdanza que só ten a persoa que directamente está manchada de terra, pois é tamén dos fillos, netos e bisnetos desa persoa.

En todo caso, somos escoitadores constantes de historias, de memoria. Hoxe en día somos un país escarranchado, cun pé no asfalto, pero sempre un pé na terra. E iso nótase na emoción que suscita contar estas historias.

"Quería traballar sobre a relación de Balbino coa memoria do pai, que é partícipe da súa traxedia final"

Tras adaptar a historia de Balbino nun monólogo, coincidindo co 50 aniversario da publicación da novela de Neira Vilas, que quixo facer nesta nova versión coral?

Dúas cousas. Unha, subliñar máis o que ten de memoria colectiva, de memoria que xa non é unicamente a memoria dun neno, mais a memoria dun pobo, dunha xente. Moitísimas persoas saben como comeza o libro, iso nótase. Pois eu quería rodear a Balbino doutros personaxes e salientar esa circunstancia do colectivo.

Por outra parte, quería traballar sobre a relación de Balbino coa memoria do pai, que é partícipe da súa traxedia final. E, en certo modo, con iso tamén quería situarme nunhas xeracións, entre as que está a miña, que tivemos esa relación cos nosos pais nas que tivemos que romper fórmulas de comunicación e crear outras. Todos sabemos que hoxe hai outra maneira de relacionarse entre pais e fillos, pero nos anos sesenta, cincuenta ou corenta (e de aí cara a atrás) eran relacións sempre moi duras, e moitas veces brutais. Estaban explicadas polas circunstancias, pode ser, pero tamén por un hábito.

Na obra non é que traballemos a figura do pai, nin entramos demasiado nela, pero si que contamos a historia desde a referencia de Balbino coa memoria do pai. Perdoa ou non perdoa o pai? Hai que perdoar ou non? Que é o perdón nesas circunstancias?

Que lle dixo Neira Vilas cando lle comentou que quería afondar neste enfoque? Que no fondo é un tema esencial das artes, a relación entre pais e fillos.

Pois concordaba en que hai moitos achegamentos posibles a este texto, e que este era un interesante. Hai que dicir que Neira Vilas era unha persoa moi aberta a que quen se achegase á súa obra puidese facelo con liberdade creativa, con liberdade de enfoque, e puidese aportar cousas novas. Para el, a súa obra era fermento e quen se achegase a ela faría un novo pan. Iso tíñao clarísimo. Non só aceptaba, por exemplo, na miña primeira versión, algúns pasaxes que non están no libro. Non é só que aceptara esas achegas, é que as porfillaba, despois era como se foran del. Nese sentido era moi fácil entenderse con el. Non era nada ciumento, non estaba ao pé da letra dos seus libros.

A obra represéntase ata o 25 de xaneiro en Santiago e terá unha ampla xira polo país © Damián Miramemira

"Temos un elenco co que nos entendemos moi ben e incluso divertímonos traballando"

Como se desenvolveu o traballo co elenco de actores e actrices?

Quixemos que houbera profesionais xa cunha traxectoria e tamén alguén que recollera esa testemuña para as xeracións novas. Todo nace dunhas probas de selección moi extensas, presentáronse a un primeiro filtro 273 persoas e de aí quedaron sete. O problema para min foi que había moita xente que podía facer este espectáculo, e que ademais quería facelo por razóns profesionais, emocionais ou polo apego que tiña do texto. Entón, digamos que é fácil dicirlle a alguén que consideras que non ten aptitudes para un papel, pero é difícil dicirlle a varias persoas que cres que si teñen esas aptitudes, pero que só podes escoller a unha. Doeu, mais finalmente temos un elenco co que nos entendemos moi ben e incluso divertímonos traballando.

E como é Xúlio Abonjo como Balbino?

Xúlio Abonjo mestura brillantez –fai un neno brillante e saltarín– e, ao mesmo tempo peso, profundidade. Está a emoción do que lle sucede a este neno, que é un neno cismón, que pensa e que arrastra moita reflexión, pero ao mesmo tempo non deixa de ser un neno que brinca e que xoga. E el ten esa capacidade de xogar a esas dúas caligrafías e mesturalas no mesmo personaxe. Ás veces parece un debuxo manga, porque case brinca, pero non deixa de transmitir moita emoción. Ademais, creo que o público está percibindo que sendo como é unha historia que ten moitos tintes dramáticos, ao mesmo tempo sempre é un xogo.

"Como Balbino, Xúlio Abonjo mestura brillantez e, ao mesmo tempo peso, profundidade"

Como pensa que esta historia interpela a xente nova de agora?

Interpélaa desde a memoria, somos fillos dunha Historia e explicámonos desde ela. A Historia non hai que mitificala, pero si coñecela. Por outro lado, na medida en que a historia fala de inxustizas, de soños que se poden cumprir ou non, de ilusións que se poden truncar, o que sucede é que as novas xeracións aprecian iso. Non é que se teñan que erguer ás catro da mañá para ir traballar no campo, son outras as súas vicisitudes, pero nesas vicisitudes poden tamén relacionar estes aspectos que nós tratamos na peza. Isto a xente nova de aquí, claro, hai outros lugares polo mundo adiante onde seguen existindo nenos e nenas labregas talmente como o Balbino.

Está vindo moita xente nova, e moitos nenos e nenas, e notamos que están atentos. Obviamente eles poñen o acento en momentos nos que nós non o poñemos, como pode ser a morte do canciño, porque nos tempos actuais isto se vive doutra maneira, cando seguramente no tempo de Balbino non era unha traxedia. Xogamos coa vantaxe de que moitos coñecen a obra e xa traballaron co libro nas aulas.

"Crear un universo xeral das artes é algo que me fascina"

Na súa experiencia, percibe que hai dificultades para levar as novas xeracións ao teatro?

Si, é difícil. Empiricamente falando, a media de idade do público que vai ao teatro debe estar nos cincuenta anos en Galicia, por España e por Portugal. Houbo intentos con espectáculos que tocan temas que apelan directamente á adolescencia, pero non é que estean funcionando. Gústenos ou non, hai uns hábitos de consumo para o tempo de lecer e o teatro é unha opción máis. Se temos que estudar ou traballar, ou temos que comer, non imos ao teatro, é normal. Na actualidade non son precisamente uns hábitos que traian a xente ás salas de teatro. Temos unha grande vantaxe, iso si, porque traballamos con material vivo, con presenza física e comunicación directa. E máis tarde ou máis cedo, o virtual vai acabar por saturar.

Cando xa non saibamos que é verdade e que é mentira, que sucedeu e que non sucedeu. Cando tanta pantalla –e non o digo porque teña nada contra as pantallas porque evidentemente eu tamén as utilizo– acabe por saturarnos, o teatro, con esa sinxeleza do presente, do físico e do directo, seguirá aí. Para escribir un texto pode haber unha intelixencia artificial, non digo que non, pero para representalo son actores vivos ou non será teatro.

Xúlio Abonjo, Mónica García, Santi Romay, Manuel Cortés, Ana Santos, Federico Pérez Rey e Iris Darriba forman o elenco © Damián Miramemira

Que lle pediría a esta versión de Memorias dun neno labrego? Que pouso quere que deixe a obra? Se non é cedo para preguntalo.

O que querería é que quede un pouso de emoción colectiva, de festa da memoria social e política. E que deixase esa idea de que nas artes ten que haber unha conversa, unha relación entre as distintas artes: un cadro pode inspirar unha obra de teatro, unha obra de teatro pode inspirar un cadro, unha canción pode inspirar un libro, un libro pode inspirar unha película e esa conversa entre as diferentes artes é moi interesante. Evidentemente, ninguén pode substituír a lectura de Memorias dun neno labrego por acudir ao teatro, son cousas distintas, tan distintas como que hai pasaxes aquí que non están no libro, e viceversa. Unha cousa non ten que ver coa outra, pero si que se teñen que interalimentar. Crear un universo xeral das artes é algo que me fascina.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.