"De momento quero seguir gozando co que faga", di Iria Aldegunde, autora da novela gráfica 'Memorias dun neno labrego'. Adaptar esta historia vai máis alá do profesional, todo comezou cando tiña once anos, segundo ela mesma conta
"Alégrome de que gustase, era un dos maiores medos que tiña ao ser un libro tan respectado e querido", conta Iria Aldegunde (Santiago de Compostela, 2000), a autora da adaptación á novela gráfica de Memorias dun neno labrego, a novela capital de Xosé Neira Vilas. Fernando Redondo, sobriño do autor e presidente da Fundación Neira Vilas, transmitiulle á compostelá que ao seu tío teríalle gustado ver este cómic que agora edita Galaxia rematado.
Graduada en Filoloxía Inglesa e formada como historietista no Garaxe Hermético de Pontevedra, Aldegunde continúa a formarse pensando na posibilidade de dar clase e mais no eido da ilustración porque confesa que a súa cabeza está chea de ideas de guións para outros cómics, mais non ten présa, a calidade do seu traballo é o que máis lle importa. "De momento quero seguir gozando co que faga", afirma. Adaptar esta historia vai máis alá do profesional, todo comezou cando tiña once anos, segundo ela mesma conta en conversa con Praza.
Sentiu moita responsabilidade por adaptar esta historia á novela gráfica?
Si, é que foi un gran reto para min porque é un libro que quero moito. Non tería feito isto se non me gustase. Outro dos meus libros favoritos son Os Miserables, pero con Memorias dun neno labrego sinto un enganche emocional distinto.
"Os clásicos galegos non se revisitaron moito, paréceme un erro"
Como chegou Memorias dun neno labrego as súas mans por primeira vez?
Fora unha lectura obrigatoria para a escola, que lin tanto na escola coma na casa para preguntarlle aos meus pais que significaban certas palabras porque a edición que tiña era anterior á normativa actual do galego. Había cousas que non se expresaban igual e eu podía preguntar aos meus pais, os dous profesores de galego, na casa. Aí tiña once anos, despois lino un par de veces máis pola miña conta e volvéronmo mandar ler no instituto. A cousa é que ningunha desas veces me resultou unha carga, sempre tiña a ilusión de lelo de novo. Comecei a lelo coa idade de Balbino e retomeino tamén con vinte anos, coa de Eladia. Foi aí cando pensei en levar a historia á novela gráfica. Pensei, como non se adaptou isto antes?
Quizá foi por un excesivo respecto?
Penso que ese pode ser un dos principais motivos, aínda que no ano 2011 Cándido Pazó fixo un monólogo teatral que chamou Memoria das Memorias dun neno labrego no que xa adaptaba a historia. A verdade é que os clásicos galegos non se revisitaron moito, e iso paréceme un erro. Hai excepcións, agora acábase de reimprimir Cinza, de Manel Cráneo, baseada na novela A nosa cinza, de Xavier Alcalá; e A Esmorga tivo dúas adaptacións audiovisuais.
"Tiña a meu pai, que é o neno labrego (como o meu avó) e tiña a meu irmán que me indicaba cousas como que non podía poñer unha pega voando de noite"
Transmitíronlle na casa o cariño por esta historia de Neira Vilas?
Si, falei moito dela co meu avó. Este foi o primeiro cómic que el tivo nas mans. O meu outro avó era amigo de Neira Vilas, de feito eu coñecino porque fomos á súa casa cando se celebraba o 50 aniversario da novela e asinounos o libro a meu irmán e mais a min. Lembro que me pareceu unha persoa moi amable e sosegada.
O seu irmán, con quen compartiu a experiencia de coñecer o autor, foille de axuda agora?
Sobre todo desde un punto de vista histórico. Tiña a meu pai, que é o neno labrego (como o meu avó) ademais de filólogo; e tiña a meu irmán que me indicaba cousas como que non podía poñer unha pega voando de noite porque é unha ave diúrna ou que un determinado muro non se facía aínda na época na que sucede a historia.
As gardas do libro leva unhas ilustracións a lapis que identifican cada unha das ferramentas de labranza que empregan os distintos personaxes da historia, por que quixo engadir estes debuxos máis descritivos?
Pensei que un bo modo de facer unha pequena explicación gráfica da historia sen avanzar nada, a modo de resumo teórico do que quería facer co tebeo: amosar visualmente o que aparecía no libro. De feito, os que aparecen neses debuxos cos ferramentas son os meus avós. O meu avó ao que lle levei estes días o cómic e a miña avoa, que tristemente faleceu mentres o facía e xa non se puido ver.
"Que o cómic esperte a curiosidade sobre a novela para min é unha alegría"
Este é o seu primeiro cómic en solitario, por que quixo estrearse coa historia de Balbino en lugar de outras máis contemporáneas?
Ao estudar Filoloxía, aínda que sexa Filoloxía Inglesa, creo que tiven sempre máis contacto con clásicos. En xeral, leo moito doutros tempos, tanto me leo a cantiga da ermida de San Simión, que é unha das miñas preferidas despois da Beowulf, pasando por Confesións dunha máscara [de Yukio Mishima] ata Gazafellos 2, de Fon Barreiro. O que pasa cos clásicos é que tes asegurada unha calidade, tamén é que o traballo fin de grao centreino nas diferenzas da adaptación da novela de Paul Auster A cidade de cristal ao cómic por Paul Karasik e David Mazzuchelli. Entón, xa tiña unha base teórica sobre as adaptacións.
En que momento decide iniciar o proxecto e como o consegue?
Foi a partir do verán de 2021, cando comecei cos primeiros bosquexos, que pensei en presentarlle a idea á Editorial Galaxia, que é a que ten os Dereitos da novela, para probar. Fixen un pequeno guión e algunhas das páxinas, e fun con Kiko da Silva a reunirme con Francisco Castro, daquela director de Galaxia. Por fortuna dixéronme que si, aínda que tiñan que consultalo coa familia e a Fundación Neira Vilas, que tamén accederon. E a partir de aí xa me metín de cheo co proxecto.
Formouse no Garaxe Hermético en Pontevedra, que papel xogaron a escola e Kiko da Silva en que se lanzara con esta adaptación?
Cando comecei o cómic estaba cursando o último ano, tanto el como o resto do profesorado –e tamén compañeiros e familia, porque nun cómic tratas de consultar con moitas persoas xa que poden ver erros que ti xa non ves– sempre me foron guiando. Tiven un apoio inmenso de todas estas persoas.
"Comprendo a ese neno labrego que non ten amigos porque o meu irmán e mais eu cando eramos pequenos eramos os únicos que iamos visitar os meus avós á aldea"
Cre que a xente da súa xeración que non lera a novela de Neira Vilas pode achegarse á historia agora co seu cómic?
Si, xa teño amizades que leron a historia por primeira vez no cómic e me dixeron que agora lerían a novela para comparar e ter a historia completa. Que o cómic esperte a curiosidade sobre a novela para min é unha alegría.
Como foron as escollas para adaptar o texto da novela ás viñetas?
Tiña moitos capítulos claros, sobre todo tendo en mente o tema principal sobre o que quería enfocar a historia: a soidade. Eu necesitaba un fío condutor de toda a historia porque a novela orixinal son capítulos centrados nun tema ou nunha anécdota, e para o cómic precisas ordenar doutra maneira e que haxa unha temática principal aínda que tamén haxa subtramas.
Collín as historias que me viñan mellor tendo en conta ese fío condutor e houbo algún capítulo que tiven que cortar –con moita dor porque é dos meus favoritos– pero non lle conviña ao cómic. Non podemos esquecer que isto é unha adaptación da historia, non pode estar todo o que se conta na novela. O bo das adaptacións é que segundo quen as faga son diferentes, eu puxen o foco na soidade pero outra persoa podería centrarse nas desigualdades sociais e económicas. Eu quería centrarme nese mundo interior de Balbino.
Por que?
Porque me identifico máis. Ao final, eu son unha persoa de clase media, non son unha nena labrega nos anos corenta, pero creo que todos pasamos por ese tipo de momentos de soidade, de non ter amigos ou incluso de buylling, co que se podería comparar hoxe en día. Todo iso son temas universais e é o que sinto máis preto de min. Comprendo a ese neno labrego que non ten amigos porque o meu irmán e mais eu cando eramos pequenos eramos os únicos que iamos visitar os meus avós á aldea. E o meu pai, cando era pequeno, só tiña á súa irmá e a un veciño da súa idade.
Tamén me permitín licenzas como alongar os silencios en determinados momentos, con distintas viñetas, para ter espazo para o que se quere dicir e non se pode e insistir na pena ou na carraxe.
"Os cómics son o meu método de comunicarme desde pequena"
Como foi a parte gráfica? Tivo que adaptar o seu estilo á historia?
Desde o comezo pensei que era preciso un estilo realista nos debuxos, pero despois funo levando máis cara ao meu. De feito, unha das miñas inspiracións máis importantes foi Carlos Giménez –autor de Paracuellos– e finalmente tiven que afastarme un pouco del. Así, cheguei a un híbrido que xa considero meu: persoas cunha anatomía bastante realista pero con orellas enormes (porque me gusta e punto), mans, pés e ollos tamén grandes.
Atopar a cara de certos personaxes resultoume moi pracenteiro. Para a do señor tiña a idea moi clara, tanto para a súa expresión como para o bigote fino que ten; igual que o señorito. Quizá porque os vía con máis rabia, pero eran os personaxes que máis claros tiña. Con Balbino sabía como quería a cor do pelo pero non o tiña todo tan claro. Balbino era para min máis sentimentos e os outros, máis imaxes. É curioso como podes ver de forma tan diferente.
E debuxar os utensilios de labranza?
Eu non son de aldea pero tiven moito contacto coa aldea na que medrou meu pai e alí aínda usamos a gadaña ás veces, entón sei facer certos traballos. Se non os soubese facer resultaríame máis difícil debuxalos. Hai que coñecer o que fas e se non podes, informarte o máximo. Neste caso axudoume moito o museo Casa do patrón en Lalín.
Pensa en seguir publicando cómics?
Si, si. Pero isto vai de buscarse traballos e sacar as castañas do lume. Os cómics son o meu método de comunicarme desde pequena. Se meu irmán tiña o don da labia, eu tiña o don de expresarme por debuxos e palabras.