"Tratar o público como persoas intelixentes produce o milagre de que as músicas 'difíciles' poden ser escoitadas por moita máis xente"

As Ataque Escampe están de aniversario © Praza Pública

As Ataque Escampe fan dez anos, pois aínda que o grupo comezou a ser coñecido a partir de 2007, dende o 2002 levou a cabo un proceso (aínda máis) underground e amateur de formación, no que se foi abrindo paso, até publicar a súa primeira maqueta: Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos (2007) e disco: Galicia es una mierda (2008). Despois chegarían A grande evasión (2009) e Violentos anos dez (2011), todos publicados en A Regueifa.

Esta noite, a partir das 22.00, celebrarano na Sala Moon de Compostela, cun concerto no que repasarán as súas cancións máis coñecidas de todas as épocas, coa axuda de "colaboradores" e teloneados por Vicky Polard e Fununcan. Aparcarán, pois, a promoción do seu álbum máis recente, gabado pola crítica, e mirarán cara ao pasado, que veñen repasando con humor no seu blog dende hai unhas semanas. Entre os proxectos máis inmediatos da banda está a participación na homenaxe aos Resentidos, para a que gravaron unha versión de Música Feliz, que fará parte do compilatorio A tribo toda baila

O decrecemento e a autoxestión son máis unha necesidade ou deben ser o modelo?

Decrecer significa autoxestionarse. Isto no sector musical significa traballar sen axencias de contratación, nin discográficas nin subvencións públicas. Os que queiran vivir da música, desta maneira téñeno difícil. Se tivésemos o hábito da autoxestión xa de antes, agora podería ser distinto. O problema é unha certa concepción da cultura de raíz posfranquista que fai que dependamos das institucións mesmo se non queremos, indirectamente. Estes tempos tan complicados poden ser a oportunidade de mudar as cousas ou a confirmación do naufraxio definitivo. Queremos pensar que pode ser, que vai ser, o primeiro. Cruzamos os dedos.

"Estes tempos tan complicados poden ser a oportunidade de mudar as cousas ou a confirmación do naufraxio definitivo"

Como é a vida para un grupo galego e en galego nestes tempos de crise e maioría absoluta do PP?

Regular, claro. Antes non era a hostia pero agora é peor, evidentemente. Fican as vías da pregunta anterior na medida en que se poidan aproveitar. En todo caso, hai un público real que é o que escoita os discos e vai aos concertos que permite que a vida dos grupos vaia tirando para diante.

Despois de dez anos e cambios de formación, de estilos..., atopastes o voso camiño?

O noso camiño é non ter camiño. Somos uns cowboys.

Que cambiou na vosa forma de ver a música nestes dez anos?

Antes eramos un pouco máis inocentes. Viñamos de vilas, eramos novos, internet non era o que é: o acceso á música dos nosos contemporáneos era necesariamente máis restrinxida. Fixabámonos máis nas letras. Agora temos, talvez, unha maior bagaxe musical que fai que os discos sexan máis ricos na medida do posíbel. En calquera caso estes dez anos foron unha fase de ensaio-erro. A nosa grande obra está por vir, ou iso esperamos.

"O noso camiño é non ter camiño. Somos uns cowboys"

Tocaríades na Cidade da Cultura?

Os Labregos do tempo dos Sputniks tocaron alí e doaron o seu caché á escola infantil A Semente. Nós poderiamos facer igual, chegado o caso. Así e todo, non creo que á Cidade da Cultura lle interesemos nós. Estamos tranquilos. 

Nas vosas cancións sempre houbo compromiso político. Como vedes iniciativas coma Fundación Robo e outras, coa intención de facer cancións declaradamente políticas?

Ben, pero hai que ir con moito coidado. Os textos declaradamente políticos poden ser un caldo de cultivo para o tópico. Á fin, o máis político que pode ter unha canción non é a letra ou a temática senón o contexto de produción.

Como vai ser esta festa de aniversario?

Moi entrañábel: vai haber moitos globos e moitas amigas botándonos unha man no escenario. Van tocar Fununcan e Vicky Polard e o Cineclube de Compostela vai proxectar os Fluxfilms. O cantante rompeu onte unha perna, así que vai cantar sentado como un vello bluesman e vai ser tamén un pouco raro todo, como debe ser.

Como é a vosa Música Feliz, que vides de gravar?

É triste e con reverb. Tomamos como referencia para o son o disco Rome de Danger Mouse e Daniele Luppi e o Let’s England Shake de PJ Harvey.

Que lle debedes a Reixa e Resentidos?

Supoño que a posibilidade de facer música con total liberdade (incluída a liberdade de ser en galego) e que a xente goste. Tratar o público como persoas intelixentes produce o milagre de que as músicas “difíciles” poden ser escoitadas e desfrutadas por moita máis xente da que parecería, porque, sorpresa, a maior parte do público son persoas intelixentes. Na época dos Resentidos todo estaba por facer e non debía ser tan difícil. Agora o problema é que moitas persoas cren que son menos intelixentes do que son.

"Na época dos Resentidos todo estaba por facer e non debía ser tan difícil. Agora o problema é que moitas persoas cren que son menos intelixentes do que son"

Do rock de serie B ao soul. Cal é a vindeira parada de AE?

Coqueteamos coa canción melódica italiana, a música rebétika e a banda sonora do spaghetti western. Pero ao final, como sempre, todo o mundo dirá que facemos pop.

Codia ou miolo?

Codia.

Porco ou tenreira?

Tenreira (de verdade estas preguntas son importantes para entender a nosa música?)

Maycar ou Ruta?

Ambos están botados a perder. Non hai onde ir nos anos dez.

Cartaz do concerto © Ataque Escampe

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.