A nova novela de Moncha Fuentes, O tradutor de sombras, é unha historia artellada arredor de Roque, un home intelixente e sensible que afoga as súas pantasmas en alcohol. Coma el, moitos outros personaxes do libro están atravesados pola dor que provoca o trastorno mental. A partir da historia da súa familia e doutras persoas relacionadas con ela asistimos a boa parte da historia política de Ourense e Vigo, desde a ruptura do Partido Galeguista no 1936 ata pouco antes da pandemia.
O tradutor de sombras artéllase a través da historia de Roque, unha persoa cun problema de adición e cun pasado con feridas non resoltas. Como xorde o personaxe de Roque?
Como a maioría dos personaxes das miñas novelas: da miña experiencia coa realidade, de lecturas múltiples e da miña propia autoanálise. Eu precisaba un personaxe un pouco devastado por algún acontecemento vital, bastante inseguro e que ao mesmo tempo fose culto e sensible. A súa obsesión polas palabras veu despois. Por iso o fixen tradutor. O tradutor literario case nunca se move nun terreo de firme de palabras transparentes. Máis ben móvese nun terreo de sombras e areas movedizas ao que precisa darlle luz. Roque ilumina os textos que traduce e asemade necesita sacar das sombras momentos da súa vida que permanecen ocultos.
“Roque ilumina os textos que traduce e asemade necesita sacar das sombras momentos da súa vida que permanecen ocultos”
Nada máis comezar a ler recoñécese o estilo da súa novela anterior. Monólogos interiores case sen puntos, por exemplo. Como foi o proceso de escrita desta novela e que quixo que mudase ou non mudase en canto a estilo respecto da anterior?
Os elementos comúns supoño que teñen que ver coa idiosincrasia do estilo. As diferenzas veñen determinadas pola diversidade das temáticas e dos personaxes elixidos que me esixiron un cambio de enfoque e de estrutura. A min paréceme que O tradutor de Sombras presenta unha estrutura bastante máis complexa e un maior número de personaxes. Iso foi o que me fixo decantarme polas voces en primeira persoa. Sempre. Tanto as voces dos protagonistas coma as dos que non o son.
Roque escribe unha especie de memorias para a súa terapia e mantén diálogos con distintas personaxes. Estes diálogos usan unha linguaxe ás veces tan filosófica que poden ser difíciles de crer -crer que sexan da linguaxe falada-. Supoño que non procuran a verosimilitude, senón dar conta dos pensamentos das personaxes… Que papel cumpren os diálogos ao respecto?
Desde logo O tradutor de sombras non é unha novela de diálogos pero iso non quere dicir que eu non procure neles a verosimilitude. O nivel do diálogo depende sempre dos personaxes que o manteñen. Pero o que si é certo e que, en efecto, son case sempre son unha porta de entrada á voz interior dos protagonistas.
A través destas personaxes vanse contando anacos da historia de Ourense e de Vigo. A historia da cidade tamén estaba moi presente na súa novela anterior. Que relevancia teñen para vostede estes anacos de historia nesta novela?
Creo que todas as personaxes d' O tradutor de sombras están atravesadas non só polas experiencias familiares e persoais senón tamén políticas que os rodearon. Como autora son incapaz de concibir o un sen o outro. O gran Darío Xohán Cabana ten falado das íntimas relacións entre Historia e Literatura . Eu humildemente creo que cultivo ambas nas miñas novelas.
“O gran Darío Xohán Cabana ten falado das íntimas relacións entre Historia e Literatura . Eu humildemente creo que cultivo ambas nas miñas novelas”
Parte desa historia é a transformación da psiquiatría -dos hospitais psiquiátricos- nas últimas décadas do século XX, parella aos cambios políticos. Como preparou esta parte en canto a documentación e que quixo salientar?
O certo é que pertenzo a unha xeración marcada por Freud e a psicanálise e logo pola antipsiquiatría dos anos setenta. E creo que hai unha historia da psiquiatría e da doenza mental en Galicia que está case sen contar. Eu visitei Conxo no ano 72 e as imaxes quedaron gravadas para sempre na miña memoria. Para Toén empreguei información sobre o doutor Manuel Cabaleiro que era o director na época que eu trato, e tamén algunha publicación do psiquiatra David Simón Lorda. A persoas desamparadas coma Simón Cibeira ou Inés Lostre coñecinas persoalmente. Coido que en O tradutor de sombras tratei de salientar a ferocidade da doenza mental e a urxente necesidade da súa atención.
É moi importante na historia tamén o avó, un home coidador cun pasado interesante na parte conservadora e antifascista do Partido Galeguista en Ourense. Como xorde este personaxe e como o preparou?
O avó, Nestor Corbal e seu neto, Roque, foron os primeiros personaxes que apareceron cando comecei a elaborar esta novela. Eu pretendía contar unha pequena historia do Partido Galeguista, vista desde dentro por un dos seus membros e escollín o personaxe de Néstor Corbal. Que fose da Dereita galeguista permitía explicar como algúns membros se marcharon do Partido e que, outros, tan anticomunistas e relixiosos coma eles permanecesen fieis ao Castelao e entrasen na Frente popular.
Hai unha ruptura, tamén, entre o avó e o seu fillo -o pai de Roque- e Roque e o seu pai -por falta de información sobre el no segundo caso-. O estado mental de Roque -a súa ansiedade- ten que ver bastante con iso. A novela é así, tamén, unha historia de historias que non se contan no seu día e de persoas ás que non nos achegamos como deberiamos. Por que?
Coido que levas razón no que dis. Pero creo que a ruptura se produce por motivos diferentes. A separación entre Arcadio psiquiatra e o seu pai ten motivacións políticas e ideolóxicas. A ruptura entre Roque e o seu pai vén imposta polas circunstancias. Circunstancias terribles que deixan a un neno de nove anos desnortado na vida e sen bagaxe suficiente para xestionar a situación. A relación entrañable, porén, entre Roque e o seu avó vai ser unha válvula de oxíxeno para os dous.
É tamén moi interesante a personaxe da nai. Unha muller culta e intelixente e con conciencia política, afastada do tópico de señora do médico. A novela ten algo, desta maneira, de crónica sociolóxica: unha familia urbana, culta e burguesa, que tamén existen na nosa historia -e presente-, e que tiveron un papel por exemplo no último franquismo. Algunha razón especial para retratar unha familia así?
A min interésame moito o personaxe de Camila Ferro. É unha supervivente. En realidade creo que todos os personaxes d'O tradutor de sombras o son. Cada un do seu propio naufraxio. Pero Camila Ferro tras quedar rota, nos momentos máis escuros da súa vida en que parece tocar fondo, é capaz de rexurdir cunha afouteza e unha dignidade incribles. Por outra banda, interesábame sinalar non só a marca de clase senón tamén o carácter urbano da maioría dos personaxes. Porque en Galicia, aínda que non o parece, somos moitas e moitos, os que non tivemos aldea.
“En Galicia, aínda que non o parece, somos moitas e moitos, os que non tivemos aldea”
Roque é, polo menos por momentos, bastante duro consigo mesmo. Moitas veces, porén, non resulta fácil empatizar con el -e máis doado facelo coa súa muller-. Como é Roque para vostede? Que relación lle gustaría que tivese co lector/a? En xeral, o libro presenta varios personaxes que sofren moito debido a trastornos mentais -da depresión ou a ansiedade a enfermidades moito peores-, e Roque é un deles.
En efecto, Roque é un personaxe complexo tocado por unha dor profunda que afecta a súa cotidianeidade. Afortunadamente, a literatura é polisémica e polo tanto é cada lector, en función da súa propia vida, o que establece as súas relacións cos distintos personaxes. Isto non impide que para min sexa un personaxe bastante conmovedor. Dáme a sensación de que Roque é tamén un supervivente pero que non dá acadado a terra firme. Permanece nunha táboa, no medio do océano en que o deixou a morte do pai.
“A min paréceme un pesadelo que de novo teñamos que estar a loitar por un dereito conquistado”
De fondo tamén está a defensa da sanidade pública, que é un tema moi de actualidade. Como é o fascismo. Quería que o lector fixese ese paralelismo coa actualidade despois de falarlle da historia de Galicia?
A defensa da sanidade pública emerxe da propia realidade social na que estamos a vivir. O certo é que na novela se fala dunha das moitísimas manifestacións que se levan feito en Galicia pola defensa da sanidade pública. Así que o paralelismo con momentos anteriores da nosa historia veume dado de forma natural. A min paréceme un pesadelo que de novo teñamos que estar a loitar por un dereito conquistado. Pero se non o facemos o deterioro continuará vertixinoso e iso supón o regreso a épocas de indefensión e abandono.