Tres Pesos: "Agora a xente xa non canta. Hai moito máis acceso á música, pero como podes consumila, non participas dela"

Tres pesos, en concerto © Manuel A. Ferreiro

O Trío Tres Pesos (Felisa Segade, Estevo Lamas e José A. Ferreira) presenta o seu novo traballo, “De cando os animais cantaban”, un disco cociñado lentamente, que comezou a xestarse no ano 2017 e que ve finalmente a luz neste 2020 da pandemia, o que obrigará a adiar á primavera (cando menos) a súa xira de presentación. Un ano case sen concertos, sen baile, sen cancións. Un ano no que, por ese motivo, as cancións son máis necesarias ca nunca. 

"Nós falamos do canto como necesidade dende a perspectiva da música tradicional. Sempre se cantou para todo: nos labores, nas festas...."

“Nos tempos do alén, cando os animais falaban, as mulleres e os homes eran un máis no mundo dos paxaros... E, por iso, cando os homes e as mulleres se senten sós, tristes ou alegres cantan para revivir os tempos nos que eran libres coma os paxaros", podemos ler nun dos textos que acompañan ao álbum. "Nós falamos do canto como necesidade dende a perspectiva da música tradicional. Sempre se cantou para todo: nos labores, nas festas.... A xente cantaba a diario e chegaba a unha festa e a xente era a propia música da celebración, non había música contratada", explica José A. Ferreira (Pepe de Calo). 

"Lembro festas familiares nas que todo o mundo cantaba e iso agora estase perdendo"

"Eu lembro que meu pai sentaba aquí, na aldea de onde somos nós e que había unha pandeireta que a tornaban e coa que alguén tiña que facer ritmo mentres outros cantaban mentres outros querían bailar. Lembro festas familiares nas que todo o mundo cantaba e iso agora estase perdendo. Agora a xente xa non canta habitualmente, hai moito máis acceso á música, pero iso leva a que como podes consumila, xa non participas dela", destaca, engadindo que "nós reivindicamos que é moi distinto participar da música, formando parte activa dela, que simplemente ser un actor pasivo e escoitala". 

"Para nós é importante que as cancións soen en directo exactamente igual que no disco. Ás veces escoitamos discos que están moi ben pero que te decatas de que é imposible tocalos así en directo"

O disco, que inclúe unha ducia de cancións, preséntase cun adianto ("Perdín a miña monteira") que amosa a forza rítmica da música tradicional. Ao longo de máis de 40 minutos os Tres Pesos inclúen pandeiros, pandeiras, bombos, pandeiretas ou culleres, ás que acompañan do acordeón, o clarinete e a gaita. "O corpus é esa base rítimica, por riba vai a melodía e despois introducimos un arranxos harmónicos. Pode haber un momento no que hai tres voces cantando e pode haber tres ou catro percusión", apunta.

"Para nós é importante que as cancións soen en directo exactamente igual que no disco. Ás veces escoitamos discos que están moi ben pero que te decatas de que é imposible tocalos así en directo, porque están soando moitas máis cousas á vez do que os músicos poden interpretar nun momento dado", di.

José A. Ferreira (Pepe de Calo), Felisa Segade e Estevo Lamas ©

Os Tres Pesos inclúen pandeiros, pandeiras, bombos, pandeiretas ou culleres, ás que acompañan do acordeón, o clarinete e a gaita

"Comezamos a traballar sobre o disco hai case tres anos e a idea era facelo con calma, porque o primeiro traballo que publicamos non non atrevemos a chamarlle disco sequera, porque foi feito moi rápido para ter un produto na man que poder ensinar e comezar a mover o proxecto. Graváramolo na Radio Galega en tres ou catro días e quedounos un pouco o mal corpo de non facelo con máis pouso. Por iso este segundo traballo dende o principio decidíramos que queriamos facelo con calma e tendo moitas cancións, para poder escoller", explica Pepe de Calo.

O disco estaba para saír no mes de marzo, pero xusto entón chegou o coronavirus e obrigou a parar todo o proceso

O disco estaba para saír no mes de marzo, pero xusto entón chegou o coronavirus e obrigou a parar todo o proceso. O grupo decidiu adialo para setembro ou outubro, pero de novo a segunda onda da pandemia se interpuxo no seu camiño. "Aí decidimos comezar a presentalo nos medios, á espera da xira que tiñamos previsto facer". Esa xira chegará, en principio, na primavera. "Temos claro os lugares e os locais nos que queremos tocar, pero non temos pechadas datas, porque é moi difícil neste momento falar de datas concretas", sinala Pepe de Calo.

"Nos concertos levaremos o disco enteiro ao directo con algún temiña máis para redondealo, porque o álbum dura uns 40 ou 50 minutos. Queremos animar á xente a que veña, porque a xente percibe a música de forma distinta nos concertos, sobre todo en formato pequeno", di. "Tamén nós onde máis desfrutamos tocando é nos locais pequenos, onde está a xente máis cerca. Pero como agora é imposible, deixámolo para a primavera que vén, a ver se non hai unha terceira onda que nos bote abaixo a xira", conclúe.

Capa do disco 'De cando os animais cantaban' © Tres pesos
Os tres integrantes do Trío Tres Pesos ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.