Un castro en Barreiros é empregado como aparcadoiro para caravanas

Caravanas aparcadas sobre o Castro da Punta de San Pedro de Benquerencia © Monte da Esculca

O Castro da Punta de San Pedro de Benquerencia, no concello de Barreiros, está sendo empregado este verán como aparcadoiro de caravanas, segundo denuncian Mariña Patrimonio e Adega. O xacemento, situado entre as praias da Pasada e Arealonga, está incluído no catálogo das Normas Subsidiarias de Planeamento da localidade e a súa cualificación urbanística é de solo non urbanizable de protección patrimonial. As dúas entidades salientan que o uso que se lle está dando "non é compatible" con estas figuras de protección e denuncian que "esta práctica podería estar provocando danos no xacemento".

Mariña Patrimonio e Adega demandan que as administracións competentes "comproben se o uso que se está a dar no Castro da Punta de San Pedro é conforme á legalidade" e que, no caso de non selo, "se paralicen as actuacións contrarias a dereito nun ben patrimonial incluído no catálogo de bens protexidos polo planeamento urbanístico".

Neste castro, dunhas dúas hectáreas de superficie e que "conta cunha muralla e un foxo que o defenden de terra firme", foi levada a cabo un exploración en superficie nos anos noventa e alí atopáronse obxectos de bronce, unha fíbula de pedra, pesos, un buril e fusiolas, asi coma restos de cerámica local, cerámica común romana, anacos de ánfora e Terra Sigilatas. Datouse unha ocupación posterior ao século I d. C. Na web de Patrimoniogalego.net xa se advirte de que o seu estado de conservación (mesmo sen a presenza de vehículos) é "regular". Coméntase que o castro ocupa practicamente a totalidade do promontorio no que se asenta e que "non se descarta que parte del fora xa derrubado polo mar debido ao cambio do nivel da liña costeira que se orixina ao longo do tempo".

Mariña Patrimonio e Adega levan anos denunciando a desprotección e a destrución de numerosos xacementos no norte de Lugo, agresións que en moitos casos están relacionadas coa industria madeireira e a explotación sen control do eucalipto, pero que noutros tiveron como orixe a construción a A8, como sucedeu co castro da Roda.

 

Vehículos a carón das placas identificativas do castro © Monte da Esculca
Imaxe aérea do castro, sen vehículos © Humberto Palacios - Mariña Patrimonio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.