Un congreso pechará o 'Ano Paz Andrade' do 13 ao 15 de nadal

O Congreso terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra © RAG

O Ano Paz Andrade, isto é, o conxunto de actos destinados a lembrar o homenaxeado nas Letras Galegas, pecharanse coa celebración dun Congreso organizado pola Real Academia, como vén sendo habitual nos últimos nos. Nesta ocasión o encontro de estudo e debate celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra do 13 ao 15 de nadal.

En total serán 20 os relatorios que se poderán seguir nas tres xornadas do encontro

O congreso abrirase cunha conferencia inaugural a cargo do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, titulada “Paz Andrade na luz e na sombra”. En total serán 20 os relatorios que se poderán seguir nas tres xornadas do encontro. O primeiro dia falarán Tucho Calvo: “Unha mirada de futuro no século XX”, Luís Cochón: “Valentín, sempre ao seu aire”, Charo Portela: “Valentín Paz Andrade, con Pontevedra ao fondo”, Xan Carballa: “Os vellos galeguistas nunca morren”, Miguel Anxo Seixas: “Castelao á luz de Paz Andrade”, Manuel Rivas: “Paz Andrade: contra o cinismo” e Luís Bará: “Historia de dúas cidades: Valentín Paz Andrade e o xornalismo pontevedrés e vigués de preguerra”.

A segunda xornada contará coas intervencións de Gregorio Ferreiro Fente: “A oración da montaña: Valentín Paz Andrade, poeta na Guerra Civil” Ana Acuña: “Valentín Paz Andrade e a escola lírica pontevedresa“ Xesús Alonso Montero: “O poema «Na onde até Rianxo...»: dous antecedentes e uns escolios quizais pertinentes” Luís González Tosar: “América, estrela virxe. Achega á presenza de autores iberoamericanos na poesía de V.P.A.” Xosé Henrique Monteagudo Romero: “A lingua e as ideas lingüísticas de Valentín Paz Andrade” Camilo Nogueira Román:  “...os anceios mariñeiros de Galiza” Xavier Vence: “A persistente marxinación de Galiza e a tarefa económica de Valentín Paz Andrade” Xosé Manuel Beiras Torrado: “A Galicia como tarefa en Valentín Paz Andrade” Carlos Ramos Aguirre: “Paz Andrade ou a racionalidade disidente: por unha idea activa de Galicia” e Xusto Beramendi: “Paz Andrade no nacionalismo galego de entreguerras”.

Na terceira xornada do Congreso falarán X. L. Axeitos: “A Galicia do Galicia” Carlos Paulo Martínez Pereiro: “Valentín Paz Andrade, Guimarães Rosa e o achamento de certo Brasil” e Alfonso Álvarez Gándara: “O noso Valentín”. Pechará o encontro a conferencia de clausura de Darío Villanueva: “O Valle-Inclán de Valentín Paz Andrade”.

O Congreso terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.