Un 'convivio' para dotar a cultura galega de "espazos colectivos"

Casa Museo de Manuel María © Fundación Manuel María

"A nós parécenos que actualmente se fai máis cultura galega do que se ve. E polo tanto faise moi necesario buscar espazos colectivos, nos que se lle poida mostrar a cultura que se fai á xente que a demanda e que ademais tamén é protagonista desa cultura". Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María, define deste xeito os obxectivos do Convivio da Cultura Galega, que se celebrará este sábado na Casa-Museo Manuel María e noutros espazos da vila de Outeiro de Rei, coma a carballeira de Santa Isabel. A música, o teatro, a proxección de audiovisuais, contacontos e a visita á propia Casa Museo ocuparán unha xornada para todos os públicos.

"A nós parécenos que actualmente se fai máis cultura galega do que se ve. E polo tanto faise moi necesario buscar espazos colectivos"

"Ademais do ámbito profesional, que é moi rico pero que dadas as circunstancias está moi danado, está tamén o ámbito da cultura de base, que ten expresións sorprendentemente orixinais, sorprendentemente ricas e de gran calidade. Pero teñen unha gran dificultade para ser coñecidas máis aló dos lindeiros estritos e pequerrechos do seu barrio ou cidade, ou da súa parroquia ou concello. Este espazo é unha forma de traspasar estas fronteiras para que todo o mundo poida ensinar o que fai e ao mesmo tempo poida aprender do que fan os demais", destaca Ansede.

O Convivio ten, polo tanto, un dobre obxectivo. Quere ser unha festa, pero tamén buscar servir como espazo de encontro entre artistas, entidades culturais e promotores, para incrementar o coñecemento recíproco e impulsar o desenvolvemento destas iniciativas. Resérvase un espazo dentro da festa para que as directivas e directivos destas entidades e a xente que quixer se reúna e poidan chegar a acordos para levar a cabo iniciativas culturais, dende expresións diferentes e cada un dende o seu ámbito, que conflúan nunha idea común. "Ao estar presentes, ademais do público xeral, persoas que son directivas de distintas entidades culturais, estamos convencidos de que vai propiciar o intercambio desas actividades feitas dende a base", sinala Ansede.

"Ao estar presentes, ademais do público xeral, persoas que son directivas de distintas entidades culturais, estamos convencidos de que vai propiciar o intercambio desas actividades feitas dende a base", sinala Ansede

O comezo está previsto para as 10:45 na praza do concello de Outeiro, onde as Bandas de Rábade-Begonte e Solfa de Santiago recibirán a todos os asistentes con dúas pezas conxuntas (máis de 50 instrumentistas). Xa no auditorio da Casa Museo desenvolveranse diferentes actividades, simultaneamente ás visitas por grupos á propia Casa. A xornada contempla, ademais, unha ofrenda a Manuel María no cemiterio de Outeiro onde descansan os seus restos.

Na paraxe natural da carballeira de Santa Isabel, ao pé do río Miño, actuarán as Bandas de música de Solfa (Santiago) e Rábade-Begonte, ademais do Coro de Solfa, para logo dar paso un xantar demorado con tempo para cantar, bailar e conversar e no que cada quen levará a súa comida. Non faltará a sesión de contacontos para nenos/as a cargo de FabalobaA xornada pecharase co concerto de Pepe Vaamonde Grupo ás 18:45 horas. Esta banda, con 12 anos de historia, é un referente na música folk galega, recoñecida pola forza do seu directo a a orixinalidade das súas composicións. O concerto do día 12 en Outeiro será un anticipo do que o grupo ofrecerá o día 17 no Festival de Ortigueira.

"A canteira é imprescindible e nós pretendemos fortalecer esa canteira", explica 

"Sen non hai pobo tampouco hai cultura. Se Galiza desaparece como un feito diferencial e como feito político, dificilmente pode haber cultura de noso", conclúe Ansede, que subliña que para que haxa cultura e permaneza no tempo "ten que haber iniciativas dende abaixo que despois cristalicen en accións máis elaboradas e que teñan unha expresión profesional". "Igual que se di que dificilmente hai elite se non hai canteira, na cultura é dobremente verdade. Dificilmente haberá bos músicos se non hai entidades de base que pulen por escolas de música. A canteira é imprescindible e nós pretendemos fortalecer esa canteira", explica.

Casa Museo de Manuel María © Fundación Manuel María

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.