Un Día das Letras anovado?

Mesa redonda organizada pola Liga Estudantil Galega CC-BY Praza Pública

O Día da Letras celebra o seu 50 aniversario. Faino, ao igual que sucedera con Lois Pereiro cun autor, Roberto Vidal Bolaño, que permitirá que a celebración ao longo do ano teña unha gran presenza social e vaia máis aló dos actos institucionais concentrados na semana do 17 de maio. Porén, non todos os anos é así, e mesmo naquelas edicións que rexistran unha maior participación non se consegue que a celebración adquira unha verdadeira relevancia social.

"Que facemos coas letras galegas?", “Cómpre anovar a súa celebración?”, “Debe ser un día non laborable”. As Xornadas organizadas esta semana pola Liga Estudantil Galega dedicaron unha das súas mesas de debate a dialogar ao redor destas cuestións, coa participación de María do Cebreiro, de Manuel Bragado e de O Leo.

“Debemos conservar o obxectivo de potenciar libro e a cultura galega. Pero podemos anovar todo o demais”

Un dos temas sobre o que debateron os relatores foi o da escolla do autor ou autora homenaxeada cada ano, por exemplo sobre a obriga de que teñan que pasar dez anos dende a súa morte para que así se produza. María do Cebreiro quixo trazar novas liñas neste debate, lembrando que “non todos os mortos están mortos”, pois en moitos casos a súa actualidade é máxima a través da importancia da súa obra ou doutros factores. A profesora chamou a “facer un pacto” pois “ao igual que se fai un investimento na protección do patrimonio material, hai que reflexionar que capital cultural queremos conservar e cal non”. Neste “pacto social” o canon debe ser cuestionado e reconstruído “cun papel fundamental da escola na súa transmisión” e sendo conscientes de que “ás veces fálase contra o canon e contra a institución poñendo en valor outros criterios máis comerciais”. Para Leo, profesor e músico, “o problema é o ritual, eu non son fetichista. Es punki e vas visitar o papa e deixas de ser punki. O problema en Galicia esta no esencialismo, hai que dialogar co pasado porque somos os vivos os que podemos falar co pasado. As Letras son a festa dunha persoa viva porque está viva a súa obra”.

Manuel Bragado, director de Xerais, comezou a súa intervención salientando o “éxito” que constitúe o feito de levar 50 anos seguidos celebrando as Letras, para a seguir recoñecer que se fracasou no obxectivo de “contaxiar a sociedade dese entusiasmo”, como si se conseguiu, dixo, en Catalunya coa celebración do Sant Jordi. E concluíu: “debemos conservar o obxectivo de potenciar libro e a cultura galega. Pero podemos anovar todo o demais”. Entre outras cousas chamou a aproveitar a oportunidade que supón que o 17 de maio sexa tamén en todo o mundo o Día de internet.

“Forma parte da necesaria modernización da propia Academia o impulsar o relanzamento das Letras. Isto non pode ser unha festa de culturetas ou unha festa de nacionalistas”

Bragado non cuestionou que siga sendo a Academia da Lingua a responsable de escoller o autor ou autora homenaxeada e de potenciar as celebracións pero apuntou que “forma parte da necesaria modernización da propia Academia o impulsar o relanzamento das Letras. Isto non pode ser unha festa de culturetas ou unha festa de nacionalistas”. Neste senso Leo destacou que nos últimos anos a RAG deulle máis vitalidade á celebración: “Eu reconcilieime coas Letras con Lois Pereiro, de súpeto resucitou a Academia. De súpeto, vimos que podía servir para algo”. Bragado apuntou que se cadra “se poden modificar os criterios de elección, facéndoos menos ríxidos”. E apuntou que nos últimos anos as celebracións paralelas de Celso Emilio ou Rosalia están demostrando “que se poden facer celebracións moi exitosas con poucos medios e criterios distintos”.

En canto a se o 17 de maio debe ser laborable ou non, Bragado destacou a necesidade de que continúe a ser festivo: “se o ano que vén a Xunta decide que o feriado debe ser o 19 de marzo a maior parte da sociedade galega pensaría que xa non hai que celebrar as Letras”, e salientou a excepcionalidade da data por ser unha “festa nacional” e “laica”. Bragado afirmou que “en Catalunya importan menos estas cousas” porque “o importante é que sexa unha festa social, impulsada dende a sociedade civil”. Destacou que mentres que no Sant Jordi se venden o 20% de todos os libros en catalán de todo o ano, en Galicia hai librarías que nin abren ese dia. “As librarías deben gañar espazos públicos para o libro. En Coruña comezou a facerse en María Pita e en Santiago no Toural. Pero na miña cidade, en Vigo, o libro está ausente nas rúas”.

“Se o ano que vén a Xunta decide que o feriado debe ser o 19 de marzo a maior parte da sociedade galega pensaría que xa non hai que celebrar as Letras”

Bragado concluíu que “hai moito por facer”. Destacou que mentres que as vendas de libros en galego representan o 15% das vendas totais de libros en Galicia, a súa presenza nos escaparates das librarías fica moi lonxe desa cifra: “Comprobade se hai un libro en galego por cada cinco ou seis. Nin sequera somos visibles no que somos”. A este respecto Leo lembrou que “non hai normalidade na cultura galega. Por iso cando Feijoo corta a billa sabe que pode asfixiar o sector”. E apuntou o perigo de que as celebracións do 17 de maio dean “unha falsa impresión de que todo vai ben. O síndrome da portada en galego de La Voz”.

“A través do audiovisual galego estamos xerando valor engadido a nivel global, pero falta un recoñecemento interno”

Como conclusión María do Cebreiro demandou unha “ampliación” das Letras en todos os sentidos, tanto nas celebracións, para non concentralas na semana do 17, coma nas características dos homenaxeados: “non sei se lle acaería ben a denominación de Día das Artes, pero si quizais o de Día da Cultura, e aí entrarían a gastronomía ou a ciencia". Tamén reflexionou sobre o que pode achegar a cultura visual: “a través do audiovisual galego estamos xerando valor engadido a nivel global, pero falta un recoñecemento interno”.

Mesa redonda organizada pola Liga Estudantil Galega CC-BY Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.