O vídeo, de 30 minutos de duración, conversa coa lingüista Tamara Flores ou políticos locais como Antonio Bellanco ou Diego Moreno, que intercalan a súa visión coa de persoas propietarias de comercios ou veciñas dos Tres Lugaris
O Val de Xálima é unha pequena comarca de pouco máis de 250 quilómetros cadrados situada no noroeste de Estremadura coa particularidade de que nela se fala unha variedade lingüística galego-portuguesa (a Fala), produto da colonización do territorio realizada por persoas chegadas de Galicia no século XII. Está formada por tres poboacións (os Tres Lugares): San Martiño de Trebello, Valverde do Fresno e As Ellas, que suman algo máis de catro mil habitantes.
Hai unhas semanas Radiofusión Emisoras publicou un documental que afonda na realidade lingüística e social do Val de Xálima, realizado pola cooperativa audiovisual Xarda. O vídeo, de 30 minutos de duración, conversa coa lingüista Tamara Flores ou políticos locais como Antonio Bellanco ou Diego Moreno, que intercalan a súa visión coa de persoas propietarias de comercios ou veciñas dos Tres Lugaris, un “pequeno país” no noroeste de Estremadura, como o definen nas súas intervencións.
O documental, titulado Xálima, "non só se quere falar da existencia dunha lingua única —irmá da nosa propia— senón que tamén se busca presentar esta terra fronteiriza coas súas virtudes e cos problemas aos que se enfronta a día de hoxe"
O documental, titulado Xálima, "non só se quere falar da existencia dunha lingua única —irmá da nosa propia— senón que tamén se busca presentar esta terra fronteiriza coas súas virtudes e cos problemas aos que se enfronta a día de hoxe".
Os seus realizadores destacan que "para as persoas que non coñecen o Val do Xálima e a Fala, este pequeno documental é unha forma perfecta de achegarse ata el. Para as que si saben do que falamos, Xálima ten a peculiaridade de só falar con persoas nativas dos Tres Lugaris, o que nos plasma a realidade desde unha óptica máis próxima".
Nas súas investigacións, Xosé-Henrique Costas afirma a galeguidade das falas desta comarca, o valverdeiro, o lagarteiro e o mañego, variedade que, malia as diferenzas entre elas, constitúen un mesmo dialecto. Nesta entrevista destacaba que "comprobar en Estremadura o uso masivo da fala é ideal contra o autoodio dos galegos".