Un documental recupera a historia do que pode ser o primeiro documento en galego-portugués coñecido, o Pacto de Irmãos

Detalle dunha das imaxes de Pacto de Irmãos © Pacto de Irmãos

Un pacto de defensa mutua e non agresión entre dous nobres miñotos, o Pacto entre Gomes Pais e Ramiro Pais da Silva, conservado entre os fondos documentais da Mitra Arquiepiscopal de Braga e actualmente depositado no Arquivo Nacional da Torre do Tombo, en Lisboa, podería ser o primeiro documento en romance galego-portugués coñecido. Máis antigo que o Testamento de Afonso II, escrito en Coimbra e datado no 1214, e a Noticia do Torto, situado segundo as hipóteses cronolóxicas dos expertos entre 1213 e 1216.

O profesor José Antonio Souto Cabo redescrubiu o Pacto de Irmãos na Torre do Lombo no 1999

Así o cre o profesor José Antonio Souto Cabo, que redescubriu o Pacto de Irmãos na Torre do Lombo no 1999. Desde entón e, tras realizar a pertinente análise do mesmo, deu conta do seu achado en distintas publicacións científicas. Mais desde hai uns días a historia deste documento, o seu contexto e as súa repercusión poden aprenderse a través do documental ‘Pacto de Irmãos. Os primórdios da língua escrita’, realizado por Rafael Janeiro a proposta da Associaçom Galega da Língua (Agal), coa colaboración das editoras Axóuxere e Através, da Deputación da Coruña, a Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares, a Universidade de Santiago e a cooperativa gráfica Sacauntos.

O Pacto de Irmãos non leva data, mais diversos indicios conducen a deducir que podería ser o máis vello dos documentos en galego-portugués ata agora encontrados. Do outro lado do mesmo permaniño foi escrito outro texto que si leva data, 15 de abril de 1175. E como o Pacto establece que a súa vixencia será de dous anos, presúmese que tería sido escrito antes de 1175, para nese ano ser reutilizado o mesmo soporte.

A paleógrafa portuguesa Maria José Azevedo Santos é unha das expertas que colaboran no documental © Pacto de Irmaos

“Tudo leva a pensar que o pergaminho que serviu de suporte iria ser reaproveitado, uma vez nalizado o acordo, o que teria provocando o desaparecimento do Pacto. No entanto, o modo como veio a ser reutilizado foi a causa que possibilitou a sua sobrevivência. Com efeito, contrariando a prática habitual, o verso da pele (lado do pelo) serviu para nele lavrar o texto de uma compra-venda efetuada em 15 de abril de 1175, o qual nos fornece o limite ad quem. Parece lícito pensar que só após ter expirado aquele prazo é que o pergaminho foi reutilizado, o que poderia colocar esse limite no mês de abril de 1173. Porém, datamos o texto c. 1174 ou, de qualquer modo, antes de 15 de abril de 1175, já que não sabemos se houve rutura prematura do compromisso”, explica Souto nun artigo publicado nunha monografía da Revista Galega de Filoloxía.

Mais o documental ‘Pacto de Irmãos. Os primórdios da língua escrita’, vai máis alá da historia deste texto, a cuxo cálculo sobre a súa datación axudaron tamén a análise sobre o tipo de letra ou a investigación sobre os personaxes que nel son aludidos, que permitiu situalos perto da actual Valença. ‘Pacto de Irmãos’ sinala tamén, por exemplo, a partir deste texto, o moi probábel continuum xa non só lingüístico senón tamén social e cultural aos dous lados dunha fronteira política xa establecida polo rei Afonso Enriques.

O documental vai máis alá da historia deste texto; sinala tamén a moi probábel continuidade lingüística, social e cultural aos dous lados da fronteira xa establecida polo rei Afonso Enriques

“Tiña claro que quería ir máis alá do aspecto filolóxico”, indica Rafael Janeiro. O documental inclúe, de feito, o que se podería considerar unha segunda parte na que se reflexiona sobre a relación coa escrita na sociedade actual poñéndoa en perspectiva a partir da comparación coa Idade Media: os ritmos, a escrita como experiencia, a relación entre o dominio da mesma e o poder… Para esta segunda parte, o equipo encargado de realización do documental -na produción implicáronse Eduardo Maragoto, Valentim Fagim e Graciela Lois, e no roteiro Sabela Fernández e José Ramón Pichel, realizando tamén Roberto Abuín unha importante achega a nivel conceptual- contou, entre outras, coas voces dous coñecidos escritores: Lídia Jorge e Rui Zink.

O documental presenta, polo demais, unha narrativa clásica, en canto á súa estrutura, -concibida para a divulgación- e armada sobre as entrevistas, tras unha introdución histórica apoiada na infografía que presenta o contexto político e xeográfico dos primeiros documentos en galego-portugués, cando o romance se vai abrindo paso na escrita en detrimento do latín como lingua de cultura.

O relato vai conducindo ao que, cara ao final, resume en poucas palabras o crítico Isaac Lourido: a fortaleza dun continuum social, cultural e lingüístico que traspasaba aquilo que o Estado nos di que é “o Outro”

Tal como explica no documental a catedrática de Filoloxía Románica Mercedes Brea, diversas recomendacións eclesiásticas instan a usar o romance, a lingua que o pobo comprendía. Boa parte da argumentación do filme érguese, porén, arredor das entrevistas coa paleógrafa portuguesa Maria José Azevedo Santos e co profesor José Antonio Souto Cabo. A profesora María Isabel Morán, da área de Filoloxía galega da USC, analiza pola súa banda a importancia dos máis antigos textos literarios galego-portugueses, coma a cantiga de Joan Soares de Pavia de 1196.

Rafael Janeiro conseguiu tamén, como el mesmo explica, que o documental tivese un “arrecendo a atmosfera medieval” cunha moi acertada escolla das localizacións -en Santiago, Coimbra, Lisboa, Braga e San Millán de Suso (La Rioja)- e da música, interpretada por Paulina Ceremużyńska, Zofia Dowgiałło, Fernando Reyes e Carlos Castro. As voces en off -de Carlos Quiroga- contribúen notablemente a enfiar un relato que vai conducindo ao que, cara ao final, resume en poucas palabras o crítico Isaac Lourido: a fortaleza dun continuum social, cultural e lingüístico que traspasaba aquilo que o Estado nos di que é “o Outro”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.