Un espectáculo de Mercedes Peón celebrará os 10 anos da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade

Mercedes Peón aplica os esquemas creativos de 'Deixaas' á contorna natural da Torre ©

Mercedes Peón ofrecerá o próximo día 29 de xuño na contorna da Torre de Hércules un espectáculo musical exclusivo con motivo do décimo aniversario da elección deste monumento como Patrimonio da Humanidade. O concerto, organizado pola Concellería de Cultura da Coruña en colaboración co Consorcio de Turismo, será de entrada libre e estará deseñado especialmente pola instrumentista galega para esta data co fin de facer un discurso musical e artístico sobre o faro, a súa historia e a súa lenda. 

Peón aplicará á contorna da Torre os esquemas creativos do seu último traballo discográfico Deixaas, realizado con Mónica de Nut e Ana Fernández

O evento, titulado Achégate a min, comezará ás 23.30 horas e nel Peón aplicará á contorna natural da Torre de Hércules os esquemas creativos do seu último traballo discográfico Deixaas, realizado con Mónica de Nut e Ana Fernández.

O 27 de xuño de 2009 ás 18:27 horas a Torre de Hércules foi declarada Patrimonio da Humanidade, polo que se converteu no cuarto recoñecemento da UNESCO en Galicia xunto co Camiño de Santiago, a Muralla de Lugo e o Casco Vello de Santiago de Compostela

Torre de Hércules CC-BY-NC-ND P. Sole

O 27 de xuño de 2009 ás 18:27 horas a Torre de Hércules foi declarada Patrimonio da Humanidade

Inmediatamente antes do concerto terá lugar o espectáculo audiovisual Luz e son de Hércules, que se proxectará nas paredes do faro e que realizará un repaso sobre a historia e a mitoloxía do mesmo. A proxección nocturna terá unha duración de 15 minutos e fará un percorrido cronolóxico da historia do monumento. 

O programa de actividades completarase cun ciclo de conferencias que baixo o título A Torre da saudade abordarán o valor do monumento como testemuña das migracións humanas e da natureza. As charlas desenvolveranse entre o 23 de maio e o 6 de xuño na Biblioteca Municipal de Estudos Locais e estarán a cargo de distintos expertos. Exposicións, recreacións históricas, talleres para cativos ou representacións teatrais destinadas a todos os públicos completarán o programa do X Aniversario.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.