“No futuro a autoridade que un museo pretenda […]
garantirase ao ter unha misión clara e distintiva ben executada
e unha conexión implacábel cos seus públicos
nunha atmosfera de confianza mutua.”
Harold Skramstad
O presente artigo ten por obxecto visibilizar a lentitude na transformación institucional dos museos e a necesidade de incitar ás institucións museísticas e aos profesionais dos museos para enfrontárense aos desafíos actuais, a xerar accións patrimoniais coas súas comunidades e a participar nos debates das colectividades nas que están implicados como mediadores. En definitiva, a ser “museos”, porque un museo que non está ao servizo das persoas non é un museo.
"O artigo ten por obxecto visibilizar a lentitude na transformación institucional dos museos e a necesidade de incitar ás institucións e aos profesionais para enfrontárense aos desafíos actuais"
Os espazos vedados a unha parte importante da sociedade durante anos, pasan a ser ocupados por colectivos diversos que, aos poucos, vanse visibilizando, empoderando e reclamando a pasaxe de estatuas de pedra a actores de carne e óso. Protagonistas das súas propias historias, en disposición de achegar as intrahistorias que definen os construtos histórico-temporais coa achega de todas as miradas.
Os profesionais que defendemos a Museoloxía Social ─Socio-museoloxía─, a museoloxía crítica, a alter museoloxía, somos conscientes de que a sociedade está en mudanza, en cambio continuo, e a definición de museo debe mudar, transformarse e evolucionar, á par desa sociedade. Ir cara a unha nova institución con responsabilidade social que incorpore á comunidade na construción do proceso museolóxico. Na procura do museo palabreiro (mediador), actor, que interveña na xeración de procesos de comunicación comunitarios, procesos de empoderamento e de intervención social.
A socio-museoloxía ou alter museoloxía é hoxe un compromiso na busca dese novo modelo de museo que construímos entre todas e todos, dando un paso máis no concepto defendido por Pierre Mayrand: a Alter museoloxía. Atopámonos ante a innovación institucional: fronte a museos, espazos socio-afectivos que xeran cohesión social e xestionan a exploración do desenvolvemento sustentábel e a igualdade.
"Creamos e xeramos pensamento, custodiamos memoria colectiva, e, como relatores e medios de comunicación con credibilidade, temos unha grande responsabilidade no que decidimos contar e en como o contamos"
Dende o nacemento do MINOM, a Nova Museoloxía ou Museoloxía Social, para estar ao servizo da sociedade, tentouse a transformación integral da institución. O museo deixa de ser un espazo adaptado para se converter no lugar accesíbel a calquera voz. Un papel activo na comunidade e unha responsabilidade social que non se pode eludir. Creamos e xeramos pensamento, custodiamos memoria colectiva, memoria social, e, como relatores e medios de comunicación con credibilidade, como espazos de consumo cultural recoñecido e lexitimado socialmente, temos unha grande responsabilidade no que decidimos contar e en como o contamos. Non se trata de empatía senón de escoitar cos cinco sentidos, permitindo que o outro ou a outra sexan, á vez, narrador/a e narración do seu propio discurso. O conflito xorde da homoxeneidade que non deixa ser nin permite o heteroxéneo, impoñendo a través do discurso oficial e oficialista un poder que non empodera. Por iso é necesario traballar dende cinco liñas: etnia, clase, xénero, discapacidade e diálogo intercultural: as cinco liñas de desigualdade máis evidentes dentro do discurso de calquera institución.
Dicía José Luis Sampedro que a vida medra nas fronteiras, e estamos logo para advertir desoutras voces que xorden na marxe dos folios e que alteran a pauta de escritura. Os museos deixaron fóra á comunidade, non contemplaron a desigualdade, non lle puxeron rostro ao outro e á outra. Atrincheiráronse no seu propio discurso convencidos de que se traballaban por e para a comunidade podíanse chamar a si mesmos comunitarios. E esqueceron facelo “coa” comunidade. Por iso, a resposta é que o museo se converta nun espazo de reivindicación de narrativas relegadas. Débense amosar os microdiscursos incorporando ás e os suxeitos das historias, mostrar o papel público e privado das mulleres a través dun percorrido entre as nosas coleccións, ao redor de cinco áreas temáticas: obras realizadas por mulleres, discursos e modelos de feminidade, traballos e saberes das mulleres, rupturas, transgresións, ausencias e silencios, e mulleres ante a adversidade. Só coñecendo e interpretando o noso patrimonio desentrañaremos as claves históricas das desigualdades.
Unha ollada cara atrás amosa os fitos para seguir na museoloxía social, a máis de 48 anos da Declaración da Mesa de Santiago de Chile (DMS), en 1972, que expuxo a reflexión e crítica permanente sobre o rol e a importancia social dos museos, ou o Artigo 27 da Declaración dos Dereitos Humanos: “Toda persoa ten dereito a tomar parte libremente na vida cultural da comunidade, a gozar das artes e a participar no progreso científico e nos beneficios que del resulten”. Ou, sen ir máis lonxe, a propia definición do ICOM: o museo é unha institución sen fins de lucro ao servizo da sociedade.
"A cohesión social devén da alegría de sabernos diversos e de felicitarnos por iso. Debemos desfacer os discursos hexemónicos e guerrear palabra a palabra, dende a fronteira dos mil linguaxes, un discurso novo"
Dende o nacemento do MINOM moitos profesionais demostraron a necesidade dun museo responsábel, o que só é posíbel se é concibido coma un rol cívico e político explorando o pasado, iluminando o presente, imaxinando o futuro. Entendemos os museos como institucións funcionando en rede que negocian novos significados culturais, a procura de alternativas ao modelo construído, e que contan con profesionais encargados de introducir aos diversos grupos sociais. Museos accesíbeis para todas as persoas. Museos cun discurso en continua transformación, que calquera poida reescribir. Facémolo dende a celebración do conflito, entendéndoo como o nacemento dunha discordancia que redefine os conceptos de sempre. Cremos que a cohesión social devén da alegría de sabernos diversos e de felicitarnos por iso. Debemos desfacer os discursos hexemónicos e guerrear palabra a palabra, dende a fronteira dos mil linguaxes, un discurso novo.
Dende a Rede Museística Provincial de Lugo reivindicamos, dende hai 19 anos, a necesidade dun museo accesíbel en arquitectura física e do pensamento, que redefina o concepto de arte situándoo na idea de alteridade proposta por Lévinas (1993) e desenvolvida, entre outros, por Ortega (2013, 2016). Innovar non é só crear individualmente da nada algo para mostrar a un público determinado. Consiste en xerar patrimonio común valorizando cada proceso creativo conxunto, no lugar e o momento da súa creación: tecer entre todas/os o fío invisíbel da comunidade xerando lugares de sabedoría compartida con linguaxes accesíbeis globalmente.
Esta necesidade reconceptualizadora enmárcase no paradigma do pensamento posmoderno que introduce cambios na coordenadas físico-temporais, nos discursos filosóficos centristas, nas interpretacións globais do mundo e nos suxeitos creativos. Dende esta perspectiva obsérvase como o Museo deixa de ser só un espazo expositivo, para se converter nun lugar socio-afectivo, casa común da expresión humana. Debemos establecer a co-creación comunitaria e o partenariado social, provocando a sinerxía entre as diferentes institucións e suxeitos, que garanta o fluxo entre a idea e a súa concreción.
Repensar o concepto de accesibilidade universal
Antes, na sociedade moderna, tempo e espazo se concretaban nunhas coordenadas posíbeis e abarcábeis ao paso humano, mais a posmodernidade, caracterizada polo desenvolvemento tecnolóxico, des-localizou ao ser humano ao achegalo a realidades antes inabarcábeis e agora próximas (Vidal 1 e Vidal 2, 2006). Neste contexto, a comunidade global faise cada vez máis presente no noso mundo e, en consecuencia, xorden outras necesidades como a de empatizar cos procesos que non sempre comprendemos, que nos interpelan e aos que debemos responder (Ortega, 2013 e 2016).
"O Museo deixa de ser só un espazo expositivo, para se converter nun lugar socio-afectivo, casa común da expresión humana"
Non se trata pois de gañar ou incorporar públicos, antes excluídos e agora posíbeis, senón de sermos lugares de creación onde comunitariamente pasemos, á vez, de espectadores a pensadores, creadores e xestores de iniciativa. Evidentemente, isto supón afrontar riscos, dialogar con outros alleos, crear linguaxes comúns e accesíbeis, saír á rúa para observar a expresión artística que alí sucede, repensar os espazos, para que nazan as iniciativas creadoras, e xerar un patrimonio distinto que, despois, vai valorarse ou non, mais que existe e é per se.
A palabra como tecido colaborativo
Nesta nova alter-museoloxía a palabra entendida non só coma ponte comunicativa senón como simple expresión, é clave. Xa non é necesario posuír unha habilidade ou destreza artística espacial para poder dicir a través da linguaxe o que sentimos e o que nos une ou desune na idea, na emoción, no concepto. A linguaxe é unha ferramenta común ao xénero humano, que constrúe a realidade, tipifica o mundo que habitamos, nos permite expresar a emoción, e iguálanos ao redor dun código ético, o da alteridade, que, sen primar unha voz sobre outra, recoñece a todas nunha sorte de discurso nado da diverxencia e do debate. “Somos seres da linguaxe, construímonos con el e pode actuar sobre nós porque somos vulnerábeis” (Butler, 2009).
"Non se trata pois de gañar ou incorporar públicos, antes excluídos e agora posíbeis, senón de sermos lugares de creación onde comunitariamente pasemos, á vez, de espectadores a creadores"
Ao decidir que a non comunicación non existe, e mirar máis aló do que roxe e brama, os novos museos dan cabida ao todos-todas que latexa na contorna, e que é arte en canto debuxa e move no aire a expresión humana, que dá vida á paisaxe, á cidade, ao barrio, e que inclúe non só o evidente e o politicamente correcto senón tamén a voz das persoas desconformes, diferentes, renegadas, afastadas, incomunicadas, discapacitadas, solitarias.
Diciamos ao principio desta comunicación que a sociedade posmoderna cambiara as coordenadas temporais e físicas, alterando á vez a orde social ao desenfocar todos os límites, empezando polas fronteiras existentes entre as disciplinas, de tal forma que o acto de crear o artístico se transformou. Con todo, a principal transformación que debuxa a posmodernidade é, principalmente, a ruptura cos grandes discursos e as verdades modernas. No pensamento posmoderno, á vez que o obxecto de estudo é substituído polo suxeito que estuda, a suposta obxectividade investigadora dá paso á subxectividade do/a investigador/a como motor que empuxa toda investigación. Así, desta nova realidade, nace outro xeito de entender o mundo que deriva nunha des-hexemonía do discurso, xa que, como sinala Foucault, o pensamento posmoderno caracterízase por “un descentramento que non deixa privilexio a ningún centro”.
"Un novo museo chegou para quedar, un museo traballando e pensando no común, un museo no que ninguén quede fóra"
Conclusión
O museo foi a institución privilexiada dunha clase determinada, o espazo onde se conservou o coñecemento e a historia “oficial”, e, aínda que isto mudou debe mudar aínda máis. Temos por diante o reto de reformular a institución en clave de diversidade e igualdade. A renovación do pensamento e da práctica museolóxica iniciada por Henry Riviere e André Desvalles, a alter museoloxía de Pierre Mayard, marcáronnos o camiño. Debemos profundar na idea dun museo expandido, aberto, flexíbel, dinámico e accesíbel á expresión humana: aspiramos a traballar en rede en contornas compartidas. Un novo museo chegou para quedar, un museo traballando e pensando no común, un museo no que ninguén quede fóra.