Un pecio con séculos de antigüidade, desfeito ante a inacción da Xunta

Esta imaxe, tirada hai cinco días, amosa elementos que a acción das mareas e as ondas xa fixo desaparecer © Sociedade Cultural Columba

Hai unhas semanas membros da Sociedade Cultural Columba deron conta da aparición na praia de Santa Comba, en Ferrol, dos restos dunha embarcación que os constantes temporais e as fortes ondas deste inverno desenterraron da area e deixaron ao descuberto. Segundo os responsables desta asociación, que dende 1997 realiza investigacións históricas sobre a zona de Covas, e traballa pola protección e restauración do patrimonio cultural, o pecio xa emerxera noutras tres ocasións. De inmediato solicitáronlle a Patrimonio que realizase unha investigación para valorar a importancia do achado e procedese á súa protección, algo que polo se agora non fixo, e tampouco o Concello de Ferrol. 

Coincidindo coa recente aparición na zona duns restos humanos, aínda non identificados, e que poderían ter uns 30 anos de antigüidade, técnicos da Xunta aproveitaron para tirar tamén imaxes do barco. E as últimas novas, segundo Columba, é que a Xunta estaría valorando o custe económico dunha intervención no pecio para protexer os restos. Porén, a medida que van pasando os días ondas e mareas van pouco a pouco desfacendo a embarcación, cuxa orixe e antigüidade non puideron ser aínda datados con certeza.

O pecio ten 12,5 metros de eslora por 3 de manga e, segundo Columba, a ausencia de cravos metálicos corroboraría que se trata dun barco moi antigo. O tema chegou mesmo a foros especializados en naufraxios e mesmo chegou a barallarse a posibilidade de que se tratase dunha embarcación vikinga. Porén, o Museo de barcos vikingos de Oslo, xa respondeu a unha consulta neste senso, recoñecendo a súa antigüidade pero descartando que o achado teña esta orixe. Segundo os expertos noruegueses, trátase dunha embarcación típica de augas do Mediterráneo e da parte sur da costa atlántica. A maior parte das opinións apuntan a que a embarcación, certamente antiga, podería corresponder a unha "época post-medieval".

A Sociedade Cultural Columba xa expresou a súa "preocupación" polo deterioro dos restos e lamentou a ausencia de medidas para garantir a súa conservación. 

Restos da embarcación, na praia de Santa Comba © Sociedade Cultural Columba
Restos da embarcación, na praia de Santa Comba © Sociedade Cultural Columba
Restos da embarcación, na praia de Santa Comba © Sociedade Cultural Columba

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.