A terceira edición de TAC! ten como fío condutor a reflexión sobre o espazo público e a rexeneración dos centros urbanos
Vigo amenceu na mañá deste venres cunha enorme batea situada na céntrica Porta do Sol. Trátase do pavillón temporal ¡Qué faena(r)!, que ata o vindeiro 14 de xullo acollerá as actividades do TAC! Festival de Arquitectura Urbana, impulsado polo Ministerio de Vivenda coa colaboración da Fundación Arquia, o Concello de Vigo e o apoio do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. A terceira edición de TAC! ten como fío condutor a reflexión sobre o espazo público e a rexeneración dos centros urbanos.
Desde este sábado e ata o 14 de xullo a Porta do Sol e o pavillón ¡Qué faena(r)! acollerán un programa de actividades públicas, de entrada gratuíta. Este venres, despois do acto de inauguración oficial, inaugurarouse a exposición dos traballos máis destacados presentados á convocatoria aberta para o deseño do pavillón temporal desta edición do festival. Ademais, celebrouse unha mesa redonda entre os gañadores e finalistas do concurso e os produtores locais que colaboraron no proxecto.
Desde este sábado e ata o 14 de xullo a Porta do Sol de Vigo acollerá un programa de actividades
Durante o próximo mes Vigo e tamén San Fernando (Cádiz) acollerán un gran número de actividades: charlas, exposicións, obradoiros e mesmo concertos. O programa de actividades en Vigo pode consultarse nesta ligazón. Nas dúas primeiras edicións as cidades escollidas para a súa celebración foron Granada, València e Donosti.
O TAC! Festival de Arquitectura Urbana está impulsado polo Ministerio de Vivenda coa colaboración da Fundación Arquia, o Concello de Vigo e o apoio do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia
O proxecto gañador do pavillón foi ¡Qué faena(r)!, dos arquitectos Óscar Cruz García e Pablo Paradinas Sastre, e expón un encontro entre natureza e artificio, tradición e mediación a través da estrutura dunha batea, á que suma unha cuberta en forma de rede que alude ao sistema de pesca tradicional. A construción deste pavillón parte da reutilización de materiais considerados residuos e conta coa implicación de produtores locais.
Fran Millán e o seu equipo de Frouma Atlantic Wood construíron a plataforma con madeira das propias bateas e a deseñadora galega Amalia Puga, xunto á asociación de Redeiras “Atalaia” de A Guarda elaboraron a cuberta do pavillón. Ademais, para promover unha arquitectura de proximidade e sostible, unha vez rematado o festival, trasladarase o pavillón á Praia do Cocho a xeito de plataforma recreativa para alongar a súa vida útil e levar a cabo a recirculación dos seus materiais para contribuír á reciclaxe dos utensilios de pesca moitas veces abandonados no fondo mariño.