Seis actrices. Seis actores. Alberto Ramos pediulles a unha ducia de traballadores e traballadores das artes escénicas unhas palabras sobre Roberto Vidal Bolaño, unha lembranza, o que del aprenderon. Así está conformado o elenco desta escena bolañesa que se representa nesta Praza-escenario. Uns destellos, uns simple trazos e un feixe de anécdotas para lembrar unha vez máis neste 2013 a dimensión artística e persoal dun referente para toda a profesión. Dende Dorotea Bárcena a Luís Iglesia, pasando por Ruben Ruibal, Belén Constenla, Morris ou Evaristo Calvo. Todos eles lembran o Roberto director, o Roberto camarada ou, en palabras de Pilar Pereira, o Roberto “xenio”.
Mira nesta ligazón a ducia dedicada a RVB
Dorotea Bárcena
“Con el perdeuse, mentres non se demostre o contrario, o gran dramaturgo de Galicia. O mellor autor de teatro de noso. Marchou moi novo e perdemos unha grandísima cantidade de historias que marcharon con el e que nunca nos contou. Foi unha perda, un roubo para o noso teatro perdelo tan pronto. Era un gran amigo meu e lembro os aspectos daquel Roberto juerguista, daquel Roberto dramaturgo. Lembro cando tiveramos ese enfrontamento tremendo co conselleiro Portomeñe. Eu estaba dirixindo no CDG e, por decreto, ese conselleiro tachouno, dicía que non podía traballar. Borrouno simplemente. Moito loitamos xuntos para que nunca máis pasaran esas cousas”.