Unha fin de semana para gozar das embarcacións tradicionais en Combarro

Acto de presentación do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, este martes en Poio © Sole Rei

Combarro (Poio) acollerá entre o 29 de xuño e 2 de xullo a décimo terceira edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Participarán uns 150 barcos tradicionais chegados de toda Galicia pero tamén de Portugal ou do País Vasco. Haberá, de feito, unha gran presenza vasca, pois unha delegación daquel territorio seguirá moi de preto o desenvolvemento das catro xornadas do Encontro, co obxectivo de tomar ideas e tentar exportar o formato. Exposicións, obradoiros, recitais, presentacións de publicacións, andainas, actividades infantís e concertos servirán de complemento, en terra, á actividade que se desenvolva no mar.

Prevese que o evento atraia unhas 100.000 persoas

Prevese que o evento atraia unhas 100.000 persoas, que se achegarán a Combarro para gozar dunha completa programación, que lle debe moito ao importante traballo pola recuperación do patrimonio marítimo e fluvial e a súa divulgación realizado por todas as asociacións que integran Culturmar. O Encontro foi presentado este martes en Poio, pero xa o pasado sábado o Museo do Pobo Galego acolleu unha presentación. Alí, o edil de Turismo do Concello de Poio, Xosé Luís Martínez, destacou na súa intervención "a perfecta maridaxe entre o mar e un municipio que dende 1999 é de Interese Turístico Galego". De igual xeito, o responsable de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, salientou que, despois de trece edicións, “os Encontros son un referente a nivel galego, e deben selo tamén a nivel estatal e mesmo internacional”.

O Encontro, de periodicidade bienal e carácter itinerante por distintos portos de Galicia, é unha das manifestacións da cultura marítima máis importantes das que se celebran na Península Ibérica e, sen dúbida, a máis masiva polo número de embarcacións e tripulantes que participan. O evento consiste nunha gran concentración de embarcacións tradicionais, arredor de 150, que se exhibirán para desfrute do público visitante no porto de Combarro e desenvolverán navegacións de mañá e tarde pola ría de Pontevedra.

É unha das manifestacións da cultura marítima máis importantes das que se celebran na Península Ibérica

Ao mesmo tempo, nos espazos portuarios e nas prazas públicas da vila desenvolveranse diversas actividades culturais e de ocio dirixidas aos propios participantes e, sobre todo, á veciñanza e aos milleiros de visitantes: exposicións, obradoiros, mostras artísticas diversas e de artesanía, gastronomía, actuacións musicais etc. Estas actividades, que xiran maiormente arredor do patrimonio marítimo e a cultura mariñeira, están pensadas para un público de calquera idade e condición, salientando neste sentido os programas dirixidos ás persoas con discapacidades físicas e intelectuais, así como o Encontro Infantil, dedicado especialmente á infancia. 

 

Acto de presentación do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, este martes en Poio © Sole Rei
Detalle das actividades programadas © XIII Encontro de Embarcacións Tradionais de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.