Unha galería virtual permite 'pasear' pola Bienal de Pintura do Eixo Atlántico dende a casa

Captura de pantalla da galería virtual na que se pode visitar a XIV Bienal de Pintura do Eixo Atlántico © Eixo Atlántico

A Bienal pode visitarse a través da rede, nunha galería virtual na que se poden percorrer as 25 obras seleccionadas

A XIV Bienal de Pintura do Eixo Atlántico reúne 25 obras de artistas de Galicia e do Norte de Portugal, unha coidada escolma dos 104 traballos presentados. Inaugurouse no Vello Cárcere de Lugo o pasado mes de novembro e despois de percorrer varias cidades de Portugal (Braga en xaneiro, Bragança en febreiro, Maia en marzo) regresará a Galicia en maio para poder verse en Ribeira. Nos meses seguintes aínda se moverá por Felgueiras, Vila Real, Vila Nova de Gaia e Barcelos para rematar en Monforte de Lemos en outubro.

Pero, ademais, a Bienal pode visitarse a través da rede, nunha galería virtual na que se poden percorrer as 25 obras seleccionadas. Na Bienal Virtual cada unha das obras ten un globo de información do propio cadro, así como tamén do seu autor ou autora non só para coñecer máis en detalle a súa creación, senón tamén para facilitar o contacto do ou da artista.

1º Premio: 'O corpo da paisagem', de Ricardo Campos © Eixo Atlántico

A mostra foi inaugurada en Lugo en novembro. Despois de percorrer Braga, Bragança e Maia, regresará a Galicia en maio para poder verse en Ribeira e posteriormente estará en Monforte en outubro

Na inauguración da Bienal, o pasado 24 de novembro, entregáronse os tres premios desta edición. 1º Premio: O corpo da paisagem de Ricardo de Campos; 2º Premio: Dactilografia de um sonho de Margarida Gomes; e Premio Novos Talentos: Nem Uma Passa? de Gonçalo Ribeiro. Os galardóns inclúen unha recompensa económica de 4.000 euros para a mellor obra do certame, 2.000 euros para a segunda e 1.500 para o Premio Novos Talentos Luso-galaicos, categoría para para mozos e mozas artistas entre os 16 e os 25 anos de idade.

Estimular a creación artística e promover o intercambio cultural son os dous principais obxectivos desta iniciativa, que supera xa os 25 anos

Na inauguración da mostra en Braga, hai unhas semanas, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Mao, explicou que a Bienal de Pintura do Eixo Atlántico é "un evento único a nivel da Península Ibérica e mesmo a nivel transfronteirizo, que pon valor á creación artística de países. É unha referencia a nivel europeo". Pola súa banda, a presidenta do xurado da Bienal, Helena Mendes Pereira, dixo que a iniciativa "é relevante para a afirmación da Eurorrexión Portugal-Galicia". 

2º Premio: 'Dactilografia de um sonho', de Margarida Gomes © Eixo Atlántico

Para Ricardo Río, alcalde de Braga e ex-vicepresidente do Eixo Atlántico, "a cultura é a argamassa que mantén unido o territorio a que hoxe chamamos Eurorrexión"

Estimular a creación artística e promover o intercambio cultural son os dous principais obxectivos desta iniciativa, que supera xa os 25 anos. Para Ricardo Río, alcalde de Braga e ex-vicepresidente do Eixo Atlántico, "a cultura é a argamassa que mantén unido o territorio a que hoxe chamamos Eurorrexión", engadindo que, a través da XIV edición da Bienal de Pintura, constátase "a saúde da nosa creación pictórica, non soa polo elevado número de obras presentadas a concurso e pola calidade das mesmas, pero tamén polo que representa, un evento que hai máis de vinte e cinco anos xunta tanto os artistas que participan como o público que visita a exposición itinerante, que ao longo dun ano percorre parte das cidades do Eixo Atlántico".

O Xurado está formado por Helena Mendes Pereira, que o presidiu, e tamén Sara Pérez Bello, designada pola Xunta de Galicia, João Ribeiro da Silva, designado pola Direção Regional de Cultura do Norte de Portugal, Patrícia Oliveira, designada polo Instituto Português do Desporto e da Juventude e Tito Senna, gañador da XIII Bienal, secretariado por Marta Ferreira, do Eixo Atlántico.

Esta actividade está cofinanciada polo proxecto Fénix, no marco do programa Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027

Premio Novos Talentos: 'Nem Uma Passa?', de Gonçalo Ribeiro © Eixo Atlántico

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.