"Unha muller non podía tocar música. Só un pouquiño para adornar o seu currículo e casar ben"

Eugenia Osterberger © Ouvirmos

Eugenia Osterberger (Santiago de Compostela 1852 - Niza 1932) foi unha compositora galega que traballou a cabalo dos séculos XIX e XX contribuíndo de forma singular á creación dunha música galega académica de raíz popular, creando ducias composicións para piano solista así como cancións ou melodías galegas para voz e piano. Ademais, participou de forma activa na vida cultural e social da Coruña e Compostela, cun contacto moi estreito con Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova, Canuto Berea ou Filomena Dato e foi académica correspondente da Real Academia Galega desde a súa fundación. Porén, hoxe en día é toda unha descoñecida, mesmo nos ámbitos estritamente musicais. 

Nos últimos anos investigadoras como Rosario Martínez ou Beatriz López Suevos veñen traballando na recuperación das súas obras -non documentadas ata agora na súa meirande parte- e fomentando a súa difusión e recoñecemento. Recentemente publicaron o libro-CD Eugenia Osterberger. A compositora galega da Belle Époque (1852-1932), que percorre a súa vida, analiza a súa obra e permite escoitar 15 das súas pezas de orixe máis popular, coa propia López Suevos ao piano e a voz de Susana de Lorenzo. Ademais, este martes ás 20 horas a Real Academia Galega de Belas Artes acollerá un concerto de presentación.

Naceu en Compostela, filla dun gravador e litógrafo alsaciano que chegara a Galicia para traballar con Enrique Luard Falconier e acabou instalándose aquí, casando cunha muller coruñesa. Xa dende moi pequena, Eugenia Osterberger desenvolveu a súa paixón pola música e aos nove anos tivo o seu primeiro piano, mercado na tenda de Canuto Berea, director de orquestra e futuro alcalde da Coruña. Mantivo correspondencia con Berea ao longo da súa vida, chegando a pedirlle anos máis tarde que lle alugase un piano (do que nese momento carecía) porque sen o instrumento ela sentíase “corpo sen alma, espírito sen alimento”.

"Eugenia Osterberger contribuíu de forma singular á creación dunha música galega de raíz popular. É a única compositora galega da Belle Epoque"

Osterberger nunca perdeu esta paixón pola música, a pesar do seu matrimonio con François Saunier, director da Fábrica de Gas da Coruña, de quen tomou o seu apelido e co que tivo sete fillos (máis outros dous que o home tiña dun matrimonio anterior, pois Saunier era viúvo). Nos anos seguintes seguiu compoñendo pezas, moi inspiradas polos estilos máis de moda no continente europeo, máis buscando nas letras a raíz popular e tradicional galega, e relacionouse con algunhas das figuras intelectuais máis importantes da Galicia do momento e do propio galeguismo. Ata que en 1908 marcha a Francia e perde contacto con Galicia.

"Eugenia Osterberger contribuíu de forma singular á creación dunha música galega de raíz popular. É a única compositora galega da Belle Epoque", destaca a investigadora Rosario Martínez, que a sitúa á altura de Juan Montes ou Chané e subliña o descoñecemento que hoxe en día se ten da súa obra en Galicia. "Unha muller tiña todas as dificultades do mundo para poder desenvolver con certa profesionalidade unha actividade artística. Visto coa perspectiva dos anos, o que facía ten un mérito enorme. Foi unha heroína", destaca.

"Cando alguén investiga a obra dunha muller lévalle moitísimo máis tempo e esforzo, porque están ocultas, invisibilizadas"

"Cando publicamos os primeiros traballos sobre ela, en 2013, apenas a coñecía ninguén", di Martínez, que recoñece que "eu dei con ela cando estaba recollendo materiais para a miña tese de doutoramento sobre Sofía Casanova". "Creo que en parte a culpa do descoñecemento a ten o seu apelido paterno -Osterberger- e o apelido do seu home -Saunier-. Tomárona por unha muller que pasaba por aquí, pero que non era de aquí", comenta. "Outro problema foi que ela nunca se puido dedicar de forma profesional á música. Tivo que criar nove fillos, e ademais isto de ser compositora ou intérprete musical non era decoroso para unha muller", di. "Unha muller non tiña que pintar nin que tocar música máis que un pouquiño, para adornar o seu currículo e casar ben", engade.

Rosario Martínez salienta as dificultades que todo investigador ou investigadora atopa á hora de estudar unha figura histórica feminina: "Cando alguén investiga a obra dunha muller lévalle moitísimo máis tempo e esforzo, porque están ocultas, invisibilizadas. O decoro da época impedía que aparecesen nos xornais, certos periódicos seguramente nin recollían determinadas producións artísticas feitas por mulleres, por se ofendían as grandes familias locais. A ver quen era o valente que publicaba estas actividades nun diario ou nun libro!". "Así é moito máis difícil dende o presente investigar o que certas mulleres fixeron", di.

"Unha persoa que dende Galicia facía obras que estaban á altura da mellor música do continente naquela altura forzosamente ten que ter un lugar na historia da nosa cultura. E máis tratándose dunha muller, porque non temos tantas"

Martínez reclama un maior recoñecemento para Eugenia Osterberger: "unha persoa que dende Galicia facía obras de arte que estaban á altura da mellor música do continente naquela altura forzosamente ten que ter un lugar na historia da nosa música e da nosa cultura. E máis tratándose dunha muller, porque non temos tantas". E destaca que a súa dimensión pode aínda crecer. Neste momento apenas de coñecen unhas poucas ducias de composicións realizadas por Osterberger, pero tendo en conta que unha das pezas leva o título de opus 158, a súa produción puido ser moi abondosa. "Cando publicamos as primeiras informacións sobre ela, aínda non coñeciamos moitas das obras das que agora si damos conta no libro. Antes só tiñamos as partituras que podiamos achar en fontes galegas, pero nos últimos anos estivemos investigando en arquivos franceses, atopando moitas máis", explica a investigadora.

 

Música culta de raíz popular

"Foi capaz de comprender e asumir ese proxecto que construíron outros intelectuais galegos do momento. Soubo entender ese obxectivo e secundouno co que sabía facer: a composición musical"

Nunhas décadas nas que se estaba a construír a moderna identidade nacional galega (en paralelo con procesos semellantes en toda Europa), Eugenia Osterberger "foi capaz de comprender e asumir ese proxecto que construíron outros intelectuais galegos do momento. Soubo entender ese obxectivo e secundouno co que sabía facer: a composición musical", destaca Rosario Martínez. "Por iso ela nas súas composicións preferiu empregar as letras de poetas que escribían en galego, como Filomena Dato, Juan Armada, Manuel Lois... e transformalas en pezas musicais. Ou recorreu ao cancioneiro de Pérez Ballesteros para utilizar as cancións populares. Facía o mesmo que se estaba facendo en Alemaña co lied: elevar a un nivel culto o que era popular, dándolle unha nova categoría á cultura popular", explica. Tamén se integrou na Sociedade do Folklore galego, que presidía Pardo Bazán e na que participaban outros intelectuais.

Coincidiu no tempo cunha xeración de mulleres galegas moi activas e que abriron camiño en moitos ámbitos, dende a propia Pardo Bazán a Sofía Casanova, pasando por Fanny Garrido ou Filomena Dato, seguindo o ronsel de Juana de Vega, Concepción Arenal ou Rosalía de Castro. E viviu tamén nun momento doce para a creación musical en Galicia, coas figuras de Canuto Berea, Marcial del Adalid, Juan Montes, Xosé Castro Chané, José Baldomir ou Pascual Veiga.

"Facía o mesmo que se estaba facendo en Alemaña co lied: elevar a un nivel culto o que era popular, dándolle unha nova categoría á cultura popular"

"Eugenia Osterberger estaba en contacto cos novos movementos musicais que estaban de moda en Europa. Algunha das súas pezas non lle teñen nada que envexar a algunha das composicións de Fauré", salienta Rosario Martínez, que sinala que "o seu estilo foi cambiando a medida que evolucionaban os estilos e os gustos estéticos nas primeiras décadas do século XX. E colaborando deste xeito coa onda intelectual que pretendía revalorizar e dignificar a cultura galega". "Co seu traballo, hoxe aínda en parte descoñecido, contribuíu notablemente á consolidación da melodía galega, xénero inherente ao noso acervo musical", conclúe.

Imaxe do concerto celebrado hai dous anos no Museo de Belas Artes da Coruña © Casa-Museo Emilia Pardo Bazán
Portada do libro-cd © Ouvirmos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.