Unha recreación en 3D revive as desaparecidas telleiras de Pantón

Modelo en 3D da Telleira de Baliñas © Segredos de Pantón

No Concello de Pantón chegaron a funcionar, ao igual que en toda a comarca de Lemos, varias fábricas de tellas: a Telleira da Casanova, a Telleira dos Veiga, a Telleira Baliña, a Telleira da Torre de Vilamirón, ou a Telleira da Bastida. Todas elas abandonaron a súa actividade hai bastantes décadas e, de feito, da maior parte non quedan nin sequera unha pedra en pé, e son apenas un recordo no imaxinario local, unha anotación en documentos históricos e na toponimia Porén, agora unha recreación en 3D da Telleira Baliña realizada polo colectivo  Segredos de Pantón vén de darlles nova vida, amosando como as súas estruturas e permitindo imaxinar o seu funcionamento e importancia.

Hai uns meses esta mesma entidade xa fora quen de recuperar a desaparecida Torre de Quitapesares cunha recreación en 3D. "Gustaríame que esta investigación non fique en algo puntual, senón que sería bo levala algo máis aló e recuperar unha parte da historia antiga de Pantón e da Ribeira Sacra", destacaba daquela Lucas Vázquez un dos integrantes do colectivo.

Na Telleira Baliña traballaban unhas 30 ou 40 persoas, a maioría procedentes de Portugal e da provincia de Pontevedra, que vivían nuns barracóns xunto á fábrica

Nesta nova investigación afondan nas telleiras da localidade, das que hai escasa información histórica en moitos casos. A que se coñece algo mellor é a Telleira Baliña, que comezou a funcionar a comezos do século XX (ao redor de 1907). Nela traballaban unhas 30 ou 40 persoas, a maioría procedentes de Portugal e da provincia de Pontevedra, que vivían nuns barracóns xunto á fábrica. A arxila procedía de explotacións próximas; a escasos metros atópase unha mina de arxila, aínda que tamén era transportada do Monte do Valiño, primeiro en carros tirados por bois e despois en camións que a traían. Unha vez na fábrica a arxila moíase cun muíño tirado por un cabalo, e despois comezouse a empregar un muíño eléctrico de gran potencia. 

Restos dunha das telleiras que quedan en pé © Segredos de Pantón

Os integrantes de Segredos de Pantón explican que dentro das instalacións "os operarios traballaban descalzos, xa que se ían con zapatos a arxila ía pegándose a eles, formando unha masa compacta". O traballo ía de marzo a outubro polas condicións climáticas necesarias para non ter excesiva humidade no ambiente. "A cocción era un proceso moi longo e moi importante. Cocíase unha vez ao mes, entre 8.000 e 10.000 pezas e antes de cocelo deixábase secar as pezas ao exterior durante un ou dous días. Despois, cocíanse durante 1 semana enteira, atizando día e noite o lume", explican, engadindo que "trala cocción deixábanse arrefriar as pezas durante dúas semanas e aínda así estaban quentes os ladrillos e as tellas".

A máis antiga é a Telleira da Bastida, do século XVIII

Sobre as restantes fábricas hai menos información, pero destaca a Telleira da Bastida, que data dos séculos XVIII e XIX. Esta estrutura atópase anexa á casa grande da Bastida (parroquia de Mañente). A fábrica de ladrillos estaba composta dun forno de base circular duns sete metros de altura, unha porta de acceso onde colocar as pezas de cerámica (tellas e ladrillos) dentro do forno e, finalmente, un acceso inferior onde se introducía a madeira para poder así quentar o forno.

O obxectivo de Segredos de Pantón é que as administracións traballen para a protección das dúas telleiras das que ser conservan restos, a dos Baliña e a da Bastida, e que sexan catalogadas como patrimonio industrial.

Outra imaxe do modelo en 3D da Telleira de Baliño © Segredos de Pantón
Restos dunha das telleiras que quedan en pé © Segredos de Pantón

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.