Cada euro investido nas bibliotecas regresa á sociedade multiplicado por catro

Unha das bibliotecas municipais da Coruña © Concello da Coruña

A Consellería de Cultura deu a coñecer un estudo que cuantifica ese beneficio social das bibliotecas públicas e no que destaca o dato de que por cada euro investido nelas, a sociedade recibe case catro veces máis: 3,85 euros

En Galicia existen preto de bibliotecas de todo tipo, das que tres de cada catro son públicas. No ano 2022 máis de catro millóns de persoas visitaron as bibliotecas galegas, que contan con ao redor dun millón de usuarios inscritos -813.600 adultos e 161.100 menores de idade-. Os datos amosan a dimensión social duns espazos abertos á poboación, que achegan un gran número de servizos gratuítos e permiten o acceso á cultura e á información. Un lugar grazas ao que se poden ler libros e cómics, ver películas, escoitar música, conectarse a Internet ou, simplemente, contar cun espazo no que estudar ou pasar o tempo.

Este xoves a Consellería de Cultura deu a coñecer un estudo que cuantifica ese beneficio social das bibliotecas públicas e no que destaca o dato de que por cada euro investido nelas, a sociedade recibe case catro veces máis: 3,85 euros.

Os datos “demostran o valor e a rendibilidade deste servizo que non ten ningún custo para as persoas usuarias”, destacou o conselleiro de Cultura José López Campos

O dato do retorno do investimento baséase na técnica de asignación de prezos de mercado, determinando así o valor dos servizos comparándoos con outros análogos xa existentes polos que si se paga. Así, tivéronse en conta os servizos cuantificables susceptibles de ser traducidos en prezos, como son o préstamo de libros e outros materiais, o uso da sala de lectura, o valor do asesoramento bibliográfico por parte do persoal, a realización de actividades culturais e formativas e a utilización dos equipos informáticos. 

Ademais, o estudo engade unha valoración da media de satisfacción da cidadanía co servizo emprestado nas bibliotacas, que se sitúa en 8,7 puntos sobre 10. É a primeira vez que desde o Goberno Galego se realiza unha análise destas características para coñecer e mostrar a repercusión e percepción das prestacións das bibliotecas públicas, seguindo unha metodoloxía utilizada noutras comunidades autónomas.

O 36 por cento da poboación galega está inscrita como socio ou socia nalgunha das bibliotecas do país

Na presentación do informe, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou que os datos “demostran o valor e a rendibilidade deste servizo que non ten ningún custo para as persoas usuarias” e subliñou "a importancia de toda a actividade que aglutinan estes centros de carácter público e o que suporía para a poboación se foran de xestión privada, avaliando o seu grao de consideración sobre os mesmos”.

O seguinte paso para a Administración autonómica será "poñer a disposición do público unha ferramenta web para que calquera poida calcular o custo que terían algúns dos servizos se foran xestionados de maneira privada e tiveran que pagar por eles", sinala a Consellaría

Interior da Biblioteca Municipal de Ortigueira © Concello de Ortigueira

As bibliotecas galegas sumaron en 2022 máis de catro millóns de visitas, con máis de tres millóns de préstamos

O 36 por cento da poboación galega está inscrita como socio ou socia nalgunha das bibliotecas do país, unha dimensión social que non acadan nin clubs deportivos, nin partidos políticos nin ningunha outra agrupación. 

No ano 2022 -último con datos dispoñibles- estes usuarios e usuarias visitaron as bibliotecas máis de catro millóns de veces e levaron para as súas casas máis de tres millóns de préstamos, parte dos máis de 13 millóns de fondos diversos cos que contan as bibliotecas galegas, entre libros, discos de música, películas, publicacións periódicas e outros materiais

As estatísticas do Ministerio de Cultura tamén amosan a importancia doutros servizos emprestados por estes centros, coma o acceso a Internet de balde na propia sala de lectura da biblioteca, dispoñible en máis de 9 de cada 10 centros galegos ou a posibilidade de conectarse a través dunha rede wifi, en máis do 80% das bibliotecas.

Ademais dos seus fondos e da actividade cultural que promoven, as bibliotecas ofrecen outros servizos, comezando polo acceso de balde a Internet. 8 de cada 10 ofrecen wifi aos seus usuarios e usuarias

Este xoves a Consellaría de Cultura tamén achegou datos específicos sobre a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, integrada por 302 centros en todo o país. A Rede conta con 809.229 persoas usuarias, das cales 38.394 corresponden con novas inscricións, contabilizándose 3.305.169 visitas (46,3 por día) e poñendo a disposición da cidadanía 7.135.378 documentos.

En canto ao uso dos servizos bibliotecarios, o número de prestameiros activos foi de 138.581 persoas, o que significa que a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia foi utilizada para o préstamo de documentos polo 5,2% da poboación galega. En total, facilitáronse 1.971.519 materiais, dos que case o 90% son libros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.