Nesta edición foron premiados proxectos de Ares, Carballo, Miño, Oleiros, Ortigueira, Ares, Verín, Barbadás, Cenlle, Esgos, Guitiriz, Sober, O Grove, Cambados, Soutomaior e Catoira
Os premios María Moliner que concede o Ministerio de Cultura en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) buscan recoñecer o labor das bibliotecas municipais en localidades de menos de 50.000 habitantes.
O concurso procura, concretamente, premiar bibliotecas que leven a cabo un proxecto que inclúa as accións de animación á lectura, a eficiencia e labor bibliotecaria, a integración social na súa comunidade, así como o uso das novas tecnoloxías. O obxectivo da campaña é, seguindo o ideal da propia María Moliner, que "calquera lector en calquera lugar poida conseguir o libro que lle interese".
Na edición 2013 dos galardóns foron premiadas as bibliotecas de 15 concellos galegos: 5 proxectos de municipios da provincia da Coruña (Ares, Carballo, Miño, Oleiros, Ortigueira e Ares), 4 na de Ourense (Verín, Barbadás, Cenlle e Esgos), 4 na de Pontevedra (O Grove, Cambados, Soutomaior e Catoira) e 2 na de Lugo (Guitiriz e Sober). O importe total co que foron galardoadas as bibliotecas de Galicia ascende a 41.580 euros a razón de 2.772 euros por biblioteca e proxecto.
O obxectivo da campaña é, seguindo o ideal da propia María Moliner, que "calquera lector en calquera lugar poida conseguir o libro que lle interese"
Os proxectos premiados incluían obras de teatro, actividades de contacontos, clubes de lectura, exposicións bibliográficas e obradoiros de todo tipo, nas que o libro e a lectura son protagonistas. Tamén se incide en varios deles na cultura local, promovendo o coñecemento da historia, a etnografía e as lendas e contos populares das súas respectivas zonas. En gran parte destas accións, así mesmo, as crianzas e a mocidade son os principais protagonistas, buscando promover a súa relación coas letras e co propio espazo das bibliotecas.
Proxectos premiados
- Ares, un mar de actividades (Ares)
- Libros de Carballo (Carballo)
- Biblioteca Concepción Arenal de Miño, preto de ti (Miño)
- Mergúllate na lectura (Oleiros)
- Biblioteca rural: tecendo redes e facendo camiños (Ortigueira)
- A Biblioteca como centro cultural. E mozos voluntarios para fomentar (Verín)
- A tartaruga Catalina viaxa ao mundo dos libros (Barbadás)
- Achégate, estamos aquí para ti (Cenlle)
- Mil maneiras de desfrutar lendo (Esgos)
- A Biblioteca Sen Parar ao teu alcance (Guitiriz)
- Sober coa Lectura (Sober)
- Unha biblioteca de libros e outras historias (O Grove)
- Queremos contar (Cambados)
- Biblioteca Inclusiva, Biblioteca aprendendo día a día (Soutomaior)
- Moito máis que letras (Catoira)