O Executivo recoñeceu as propostas presentadas polos concellos de Ares, Ortigueira, Mañón, Oleiros, Sober, Ribadavia, Verín, Esgos, O Pereiro de Aguiar, Campo Lameiro, O Grove, Pazos de Borbén e Soutomaior
O Ministerio de Cultura e Deporte vén de premiar o traballo de 13 bibliotecas públicas municipais de Galicia na XXII edición dos Premios María Moliner. Estes galardóns, concedidos en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), buscan recoñecer proxectos e accións de animación á lectura postas en marcha por bibliotecas de concellos de menos de 50.000 habitantes.
O Executivo recoñeceu as propostas presentadas polos concellos de Ares, Ortigueira, Mañón, Oleiros, Sober, Ribadavia, Verín, Esgos, O Pereiro de Aguiar, Campo Lameiro, O Grove, Pazos de Borbén e Soutomaior. En total presentáronse en todo o Estado 547 proxectos dos que foron seleccionados 370, que poderán destinar a contía dos premios principalmente a compra de libros ou publicacións periódicas por parte das bibliotecas públicas.
Bibliotecas e proxectos premiados:
- Biblioteca Municipal de Ares: Unha biblioteca con historia
- Biblioteca Municipal de Ortigueira: A túa biblioteca
- Biblioteca Municipal do Barqueiro-Mañón: De Caión a Mogor: no curso do río Sor
- Biblioteca Central Rialeda-Oleiros: Oleiros, un escenario literario
- Biblioteca Municipal de Sober: Sober con la lectura 2022
- Biblioteca Municipal de Ribadavia: Biblioteca+Colexio: Super fomento lector
- Biblioteca Municipal de Verín: Voluntariado cultural
- Biblioteca Municipal de Esgos: A biblioteca está de moda
- Biblioteca Municipal do Pereiro de Aguiar: Que nada pare a lectura
- Biblioteca Municipal de O Grove: Biblioteca, punto e seguido
- Biblioteca Municipal Bibliopazos de Pazos de Borbén: Pazos tamén conta en igualdade
- Biblioteca Municipal Luis Seoane de Soutomaior: Unha biblioteca de clube
- Biblioteca Municipal Irmáns Ricoi de Campo Lameiro: Unindo letras…lemos!
Os proxectos premiados incluían obras de teatro, actividades de contacontos, clubes de lectura, exposicións bibliográficas e obradoiros
Os proxectos premiados incluían obras de teatro, actividades de contacontos, clubes de lectura, exposicións bibliográficas e obradoiros de todo tipo, nas que o libro e a lectura son protagonistas. Tamén se incide en varios deles na cultura local, promovendo o coñecemento da historia, a etnografía e as lendas e contos populares das súas respectivas zonas. En gran parte destas accións, así mesmo, as crianzas e a mocidade son os principais protagonistas, buscando promover a súa relación coas letras e co propio espazo das bibliotecas.
Está aberto o primeiro programa de animación á lectura do mundo rural, dotado con 250.000 euros
A Delegación do Goberno central en Galicia anuncia así mesmo que está aberto o primeiro programa de animación á lectura do mundo rural, dotado con 250.000 euros, dentro do novo Plan de Fomento da Lectura 2021-2024. O Plan, xestionado polo Ministerio de Cultura e Deporte, ten como obxectivo fomentar a lectura, as letras e o libro no mundo rural, apoiando gastos de equipamento ou investimentos de entidades que desenvolvan programas de animación á lectura, con especial valoración daqueles que se leven a cabo en localidades de menos de 5.000 habitantes