O manga e, máis concretamente, Naruto, foi a estrela nas bibliotecas públicas da Xunta durante 2021. Cadrando co día das persoas usuarias, a Consellería de Cultura fixo públicos os principais indicadores das seis bibliotecas públicas dependentes da Xunta e o balance é claramente á alza, con máis de 700.000 préstamos que supoñen un crecemento superior ao 30% a respecto do ano 2020 -o primeiro marcado pola pandemia- e tamén cunha clara primacía do libro en castelán.
En todas estas bibliotecas o libro máis prestado foi en castelán e en cinco das seis, un volume de banda deseñada xaponesa. En catro (a González Garcés da Coruña, a Antonio Odriozola de Pontevedra, a Ánxel Casal de Santiago e a Juan Compañel de Vigo), a obra máis demandada foi Naruto, de Mashashi Kishimoto. En Lugo tamén triunfou o manga, pero no seu caso o máis prestado foi One piece, de Eiichiro Oda
Na única biblioteca na que o libro máis prestado non foi un volume de manga, foi tamén banda deseñada. Na biblioteca Nós, en Ourense, o libro máis solicitado durante o ano que veu de rematar foi Todo Mortadelo y Filemón. Este mesmo cómic, subliñan dende a biblioteca, foi tamén o que encabezou a solicitudes entre o público infantil e xuvenil.
As bibliotecas públicas da Xunta superaron os 700.000 préstamos en 2021, cun crecemento na contorna do 30% e cunha clara primacía dos libros en castelán nas listaxes dos máis solicitados
No que atinxe aos libros en galego, cada unha das seis bibliotecas tivo un como o máis demandado, pero con cifras moi inferiores ás dos títulos en castelán. En termos absolutos destacan dous libros infantís: a Biblioteca Básica Os Bolechas, de Pepe Carreiro, libro en galego máis prestado na biblioteca Ánxel Casal de Santiago (60 préstamos) e Leo e Bubela, do Colectivo Bubela, con 55 solicitudes na González Garcés da Coruña.
Tamén na contorna do medio cento de préstamos estivo o libro en galego máis demandado na biblioteca Juan Compañel de Vigo, Un lume azul, de Pedro Feijóo. Na biblioteca ourensá, o volume infantil Bo Camiño, Valentiño!, de Gracia Iglesias, foi o máis prestado en galego con 41 solicitudes. Na contorna da trintena estiveron O sol do verán, de Carlos Casares, con 35 solicitudes en Pontevedra, e Os nenos da varíola, de María Solar, prestado en 33 ocasións en Lugo.