Unha semana para 'mollarse' polo galego

Imaxe da presentación da campaña na praia de Tanxil en Rianxo CC-BY-NC-SA Certo Xornal

Este sábado repartíronse as camisolas da campaña Móllate polo galegoo concurso fotográfico para animar a mozos e mozas e a todos aqueles que así o queiran, a reflexionar sobre a importancia do idioma propio. Na praia de Tanxil foise xuntando xente interesada nesta iniciativa e incluso algunhas afoutas mulleres e valentes homes deron o último baño do verán coa camisola co lema da campaña.

Cada imaxe deberá ser orixinal e levar nela o lema Móllate polo galego coas posibles variantes Eu móllome polo galego, Móllome polo galego e similares. Nas imaxes pode verse a camisola ou o lema escrito con outros materiais pola autora ou autor da foto. Cada imaxe -pódese participar coas que se queira- debe ser enviada ao correo electrónico mollate@vitaminasparaogalego.gl. O prazo para enviar as imaxes remata o 29 de setembro.

Nas imaxes pode verse a camisola ou o lema escrito con outros materiais pola autora ou autor da foto

O primeiro premio será unha noite de aloxamento na casa rural A Pousadoira, de Callobre, en Miño (A Coruña) a convir no mes de outubro cos que rexentan este establecemento que tamén se molla polo galego. Unha oportunidade magnífica para coñecer, ou voltar a visitar, as impresionantes Fragas do Eume. O segundo premio é dun centro de ensino e academia de informática de Rianxo, Informática Castelao que doa un tablet por mollarse pola lingua propia de Galicia. O terceiro premio é cortesía do restaurante O Furancho de Rianxo, e consiste nunha cea para dúas persoas.

 

Vitaminas

A iniciativa, impulsada dende un inicio por Galicia Confidencial, Tempos Novos, Radiofusión, Praza Pública, Novas da Galiza, Val Miñor.info e Quepasanacosta, conta xa con 25 medios asociados, pois as devanditas cabeceiras se lles uniron con posterioridade Certo xornal dixital de Barbanza e Noia, Osil.info de Valdeorras, Crónica3 da Mariña Lucense, Radio Nordés (Cadena Ser Costa da Morte), Terra Chá.Xa, Crónicas da Comarca (Arzúa – Melide), a revista de surf SurfGZ, Cadernos de Comunicación e Análise; O periódico de Lalín e Comarca; Hermes e Atenea, xornal en galego de deporte e cultura; Disquecool, o medio de tendencias made in Galicia; o xornal De Luns a Venres; Cabozo, a rede social galega; a rede de blogues Vencello; Cartafol, a revista multimedia para Ipad; A Nova Peneira, o programa radiofónico Plástico Elástico e os mensuais Gaceta de Fene e Cerne, xornal da terra de Melide.

O obxectivo da campaña, en palabras dun dos seus principais impulsores, Henrique Sanfiz, director de Radiofusión, a rede de emisoras municipais de Galicia, é dobre: “sensibilizar sobre a necesidade de que haxa medios de comunicación en galego para garantir a transmisión interxeracional”, ademais da “procura de recursos económicos para axudar á supervivencia dos medios”.

Imaxe da presentación da campaña na praia de Tanxil en Rianxo CC-BY-NC-SA Certo Xornal
Imaxe da presentación da campaña na praia de Tanxil en Rianxo CC-BY-NC-SA Certo Xornal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.