“Outros anos podíamos dicir que neste día celebrabamos a nosa festa, pero este ano eu non diría que esta é a nosa festa, diría unicamente que é o noso lugar de encontro. Onde imos tentar por unhas horas pasalo máis ou menos ben, vendo o que fixemos e o que lle podemos ensinar ao público. Porque o sector, que non deixa de ser un reflexo do país, está a pasalo moi mal, hai moitísimo paro”. Falamos con Antonio Mourelos, presidente da Academia Galega do Audiovisual, un día antes de que na Coruña se celebre a gala dos Premios Mestre Mateo, que será retransmitida en directo pola TVG a partir das 22 horas.
A gala, que se celebrará no Palexco, será conducida por Roberto Vilar. Nesta edición, segundo destacou o humorista, “quéreselles dar aos telespectadores o protagonismo do que poucas veces gozan”, e para iso a retransmisión contará coas intervencións en directo dunha familia, que dende a súa casa comentarán cómo ven a gala, qué lles parecen os premios e as intervencións dos premiados e premiadas.
"Calquera cousa que se faga por Pico nunca vai estar á altura do que el merecería", destaca Mourelos, "imos facer algo moi sinxelo, porque pensamos que é así como a el lle había gustar"
Mourelos tamén fixo fincapé na importancia do público: "a gala vai ser moi sinxela, porque non están os tempos para outra cousa. Vai ir dedicada ao máis importante que temos, ao público, dicíndolles: mentres sigades estando aí, vendo as nosas películas e series, haberá audiovisual galego, e haberá persoas que conten historias". Na gala haberá tamén "momentos moi emotivos", sobre todo o dedicado a Xosé Manuel Olveira Pico, falecido hai uns meses, como pasou na entrega dos María Casares, onde recibiu unha inesquecible ovación. "Calquera cousa que se faga por Pico nunca vai estar á altura do que el merecería", destaca Mourelos, "imos facer algo moi sinxelo, porque pensamos que é así como a el lle había gustar". O presidente da Academia tamén adianta que haberá tamén un recordo á celebración dos 25 anos da estrea das primeiras longas galegas: Sempre Xonxa, Urxa e Continental.
A situación do sector
Non foi un bo ano para o audiovisual galego, como para case todos os sectores da cultura. “O que hai é que o hai, máis ou menos imos existindo, pero a custa de moito esforzo e de moitos sacrificios”, destaca Mourelos, que salienta que “o sector necesita xa non digo unha aposta da administración, senón simplemente un mínimo de sentido e sensibilidade cun sector que está sendo desmantelado”.
“O sector necesita xa non digo unha aposta da administración, senón simplemente un mínimo de sentido e sensibilidade”
Mourelo sinalou especialmente os prexuízos causados polo incremento do IVE: “O IVE está a facer moitísimo dano. Non vou dicir que sexa o culpable de todos os malos, pero está claro que repercute moi negativamente. Que a TVG teña que abonar o IVE en producións nas que antes non tiña que facelo, repercute na TVG e, directamente, no sector”. E reclamou "unha maior aposta pola TVG". "Non creo" -dixo- "que haxa que cargar sobre ela a responsabilidade de que siga sendo o gran motor do audiovisual galego, pero é necesario que a TVG estea apoiando o audiovisual: o cinema e o audiovisual”.
Con todo, Mourelos chama atención sobre o feito de que a pesar da crise “hai cousas moi positivas, hai xente que está apostando por novos formatos, contando historias a través de webseries ou videoclips”, pero ao mesmo tempo reclamou que “non lles quitemos espazos e ocos á xente que está empezando, á xente que ten moitas ganas de contar cousas e de contar historias. Non lles podemos ir reducindo as súas opcións, para que fagan documentais ou webseries, porque teñen pouco custe. O futuro pasa por darlles ás novas xeracións espazos para crear”.
“Non lles quitemos espazos e ocos á xente que está empezando, á xente que ten moitas ganas de contar cousas e de contar historias"
Finalmente, en canto á situación específica da Academia Galega do Audiovisual, Mourelos subliñou que "teño poucas cousas que criticarlle á administración. O trato do Concello da Coruña, da Deputación, de AGADIC ou da Xunta é moi bo dende hai un tempo". E engadiu que "case teño máis cousas que reprocharlle ao sector, temos que facerlle ver a importancia de estar unidos e facer presión. Hoxe na gala haberá 900 persoas do sector e só 100 ou 150 forman parte da Academia".
Uns Mestre Mateo moi repartidos
As candidaturas están moi repartidas entre as distintas producións
A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer o pasado 24 de febreiro os nomes dos finalistas aos XII Premios Mestre Mateo. As candidaturas están moi repartidas entre as distintas producións, entre as que destacan os catro filmes nomeados na categoría de mellor longametraxe: El árbol magnético, Inevitable, Somos xente honrada e 9 ondas. Os filmes ou series con máis candidaturas son, no entanto, Somos xente honrada (13), Era Visto! (9), Luci (8), Salgadura (7), Inevitable (6), Encallados, Gran Hotel e Todos os Santos (5).
Por riba de todas destaca, iso si, a longametraxe Somos xente honrada, con 13 posibilidades de premio, entre elas nas categorías principais de mellor película, mellor dirección (Alejandro Marzoa), mellor guión (Miguel Ángel Blanca, Juan Cruz e Alejandro Marzoa), mellor actor protagonista (Miguel de Lira), mellor actor de reparto (Ricardo de Barreiro).
A gala servirá tamén para homenaxear a Manolo González, que recibirá o Premio Fernando Rey, o galardón de honra da Academia Galega do Audiovisual
A gala servirá tamén para homenaxear a Manolo González, que recibirá o Premio Fernando Rey, o galardón de honra da Academia Galega do Audiovisual, que hai unhas semanas denunciaba en Praza que "Non hai política audiovisual. E non creo que sexa unha cuestión ideolóxica, é ignorancia simplemente". Criticou tamén que "a industria nunca creu no propio país e nunca apostou polos actores e directores do país, nunca apostou polos proxectos de aquí" e chamou a atención sobre a necesidade de "tender pontes" entre o mundo do audiovisual e o mundo do ensino.