Vicente Montoto será homenaxeado nos María Casares

Vicente Montoto © AAAG

O actor, director e autor teatral ourensán Vicente Montoto será galardoado co Premio de Honra Marisa Soto na gala dos María Casares, que se celebrará o vindeiro 26 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Para a directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), encargada de outorgar este galardón, tres palabras definen a Montoto: "pioneiro, paixón e xenerosidade".

Para a directiva da AAAG, tres palabras definen a Montoto: "pioneiro, paixón e xenerosidade"

“Montoto é un pioneiro, forma parte dunha xeración que apostou dende o principio por facer un teatro do noso, feito en galego e profesionalizado”, destaca o presidente da AAAG, Avelino González, quen tamén subliña a “paixón” que amosou sempre en todas as facetas teatrais que desenvolveu ao longo da súa carreira e a súa “xenerosidade”. “É un compañeiro xeneroso tanto na escena coma fóra dela, axuda os compañeiras e as compañeiras e axudaba a todas as personaxes que interpretaba para que todo o traballo se desenvolvese coa mellor calidade para o público", engade.

Montoto unirase a Dorotea Bárcena, Maruxa Villanueva, Ana Romaní, Manuel Lourenzo, Pilar Pereira, a Sala Nasa ou Xosé Manuel Olveira Pico

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia creou o Premio de Honra Marisa Soto co obxectivo de distinguir a dedicación e a carreira de persoas ou entidades que, ao longo dos anos, impulsaron a dignidade e a profesionalización do sector escénico en Galicia. Montoto unirase á nómina de profesionais e colectivos teatrais que recibiron a citada mención dende a súa creación en 1997. Nesta lista de ilustres homenaxeados e homenaxeadas atópanse, entre outros, Dorotea Bárcena, Maruxa Villanueva, Ana Romaní, Manuel Lourenzo, Pilar Pereira, a Sala Nasa ou Xosé Manuel Olveira Pico.

 

55 anos de carreira

É un dos referentes do teatro en Galicia, ao que viu medrar dende unha situación de práctica invisibilidade até a profesionalización e consolidación do sector

Nacido en Untes (Ourense) en 1943, Vicente Montoto é un todoterreo no mundo do teatro. Intérprete, director e dramaturgo, é un dos referentes do teatro en Galicia, ao que viu medrar dende unha situación de práctica invisibilidade até a profesionalización e consolidación do sector. Un sector que Montoto defendeu tanto dende os escenarios coma dende o punto de vista das condicións laborais, xa que formou parte desa primeira xeración de profesionais pioneiros que asentou as bases do teatro profesional e desenvolveu un importante labor sindical ao ocupar distintas responsabilidades, por exemplo foi secretario xeral do Sindicato Galego do Espectáculo de Comisións Obreiras.

O seu primeiro traballo profesional na escena conseguiuno aos 16 anos na obra El octavo día, coa Compañía de Delia Garcés e Enrique Fava, dirixida por Jorge Petraglia. A obra estreouse en 1959 en Bos Aires, onde Montoto emigrara e onde se formaría como intérprete na Escola de Arte Dramática de Boyce Díaz Ulloque e no Instituto de Teatro da Universidade de Bos Aires. 

O seu traballo teatral -como actor, director e autor- estivo especialmente vencellado á compañía Uvegá Teatro

O seu traballo teatral -como actor, director e autor- estivo especialmente vencellado á compañía Uvegá Teatro, formación coa que estreou textos propios como Trínguilin Trángala (1988), Fedra Gómez (1989), Volve o cabaré (1992), Pa (1996), Zocos -escrita xunto a Manuel Lourenzo- (1999) ou Pallasos (2004), gran parte delas dirixidas por el e das que formou parte do elenco como actor. En Uvegá, ademais, adaptou textos como A casa dos espíritos de Isabel Allende ou O retrato de Dorian Gray, de Oscar Wilde, e dirixiu montaxes de autores como Vidal Bolaño, do que levou a escena Cochos en 1988; Álvaro Cunqueiro, do que dirixiu unha montaxe titulada A Elas e a Cunqueiro (1991), ou Strindberg, do que dirixiu A señorita Xulia no ano 2000.

No audiovisual, Montoto tamén labrou unha prolífica carreira traballando tanto no cine coma na televisión

A pegada do intérprete tamén se deixou notar ao longo das décadas no Centro Dramático Galego. Na unidade de teatro público, Montoto traballou en máis dunha ducia de montaxes. Entre elas destacan A Pousadeira, O mozo que chegou de lonxe, A noite vai coma un río, Nau de Amores, Viaxe e fin de don Frontán, A Lagarada, Hostia ou as monumentais O Incerto Señor don Hamlet e Xelmírez ou a gloria de Compostela.

No audiovisual, Montoto tamén labrou unha prolífica carreira traballando tanto no cine coma na televisión. Entre as fitas nas que participou destacan a fundacional Urxa (García Pinal/Piñeiro, 1989), La ley de la Frontera (Adolfo Aristaráin, 1995), Nena (Xavier Bermúdez, 1997), Heroína (Gerardo Herrero, 2008), A noite que deixou de chover (Alfonso Zarauza, 2008) ou A praia dos afogados (Gerardo Herrero, pendente de estrea). 

Vicente Montoto © AAAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.