Vicente Risco na Valhalla

A despedida de Sir Lancelot e a Raíña Xenebra. 1874. Traballo fotográfico para a ilustración do libro 'Idilios do rei' (1859-1885) de Alfred Tennyson. © Julia Margaret Cameron / Getty's Open Content Program

As raíces do gusto musical de Vicente Risco trenzan gustos literarios, filosóficos e históricos. O seu sentir mittel-europeo ten presenza a través dos seus estudos de escritores, pensadores e mitoloxía nórdica, pero é particularmente na música romántica alemá coa súa capacidade expresiva onde Risco atopa o seu maior sentimento de liberdade.

Para comprender a profunda comuñón de Risco coa Música é precisa a referencia a Jean-Jacques Rousseau

Para comprender a profunda comuñón de Risco coa Música é precisa a referencia a Jean-Jacques Rousseau. O seu énfase no triunfo da Natureza sobre as convencións (a vinculación de almas afíns, a plenitude do ser humano no contacto co mundo natural) son ideas que nutren a Risco. A exploración das súas propias emocións impúlsao a coñecer diversas disciplinas artísticas, pois a Arte outórgalle o seu propio espazo persoal. Dende o seu punto de vista Rembrandt proxecta introspección cunha aura de sombras, de igual xeito que Rubens é unha estalido de luz, sons e alegría. Nas Vangardas, particularmente no Surrealismo, Risco ve posibilidades plásticas de sondar o subconsciente e os confíns da razón. Non é de estrañar que, desexando ampliar os seus coñecementos, Risco curse Historia da Arte (I e II), Paleografía, Prehistoria e Historia Antiga no curso 1932-1933 na Facultade de Filosofía e Letras en Santiago de Compostela.      

Se ben Risco fórmase na cultura francesa, a súa vista diríxese cara ás culturas centroeuropeas e do Norte de Europa, particularmente si estaban relacionadas ca era medieval. A inspiración está en tódolos ámbitos. Todo canto pode publicarse ao respecto é digno de interese, conservando recortes e páxinas de publicacións coma follas de 1906 relacionada cos torneos medievais e tardo medievais europeos. Risco realiza apuntes sobre artes decorativas (armaduras visigóticas, traxes da clase media cidadá francesa do século XIII, xoiaría de Suecia, Suíza e do sur de Alemaña, tapicería (“A Vista” do Ciclo A Dama e o Unicornio), arquitectura (Gótico) i escultura (gablete da portada central da Catedral de Reims).

Tamén aprende sobre a literatura de Islandia (Nordische Literaturgeschichte), baladas anglo escocesas e nórdicas, cantares franceses (lendas da época merovinxia), chanson de geste, crónicas de materia heroica (lendas dos longobardos, lendas de Saxonia, Guillerme o Conquistador, lendas danesas e guerras dos vándalos), temas de epopeas merovinxias, historiadores (Saxo Grammaticus), diplomática, epigrafía, lápidas e heráldica, literatos (Hartmann von Aue), figuras literarias (Sigfrido), obras (Heliand), mitoloxía de Islandia i Escandinavia (Beowulf) e xermánica (os Nibelungos, Lohengrin, Parsifal,Tannhäuser) e minnesänger (Walter von der Vogalweide). A contrapartida contemporánea é a forte presenza da filosofía romántica alemá. Georg Wilhelm Friedrich Hegel, Friedrich Schelling e Arthur Schopenhauer, os tres autores que Risco citaría na súa autobiografía (Vida Gallega, 1960), forman parte da atmosfera que conduce a Risco a entusiasmarse coa música xermana.   

É significativo que o abano de compositores se estenda dende o momento do Sturm und Drang (1767-1785) ata os seus propios días. Da música de Joseph Haydn a versatilidade estilística de Wolfgang Amadeus Mozart, da sutileza de Franz Schubert a transcendencia de pezas coma Also sprach Zarathustra (1896) de Richard Strauss. Pero ademais das melodías, a importancia destes músicos teñen un innegable sentimento romántico, ben polo seu legado na elevación da figura do músico, ben pola súa traxectoria creadora e persoal. Pero de todos eles destacan sobre todo dous artistas: Richard Wagner e Ludwig van Beethoven.

O cultivo de Wagner (1813-1883) non só inclúe o aprecio da súa música senón un  análise da mesma. Consérvase unha partitura manuscrita por Risco da ópera 'Parsifal'

O cultivo de Wagner (1813-1883) non só inclúe o aprecio da súa música senón un  análise da mesma. Consérvase unha partitura manuscrita por Risco da ópera Parsifal (1857-1882), na cal cada tonalidade está analizada segundo a súa connotación psicolóxica. Sobre a importancia de Wagner na evolución do significado de figuras lendarias, Risco anota: “Wagner ha simbolizado -acaso involuntariamente- la conversión del héroe en caballero, en el tipo de Parsifal. A exuberancia e cromatismo wagnerianos son unha proxección das historias que el lee e de feito, teñen unha presenza viva na súa vida. Os bosques polos que pasea son o perfecto fondo natural para o enigma e forza de Wagner e co seu fillo Antón, sendo neno, recrea os temas da tetraloxía de O anel do Nibelungo (O ouro do Rhin (1869), A valkiria (1870), Sigfrido (1876) e O ocaso dos deuses (1876) cando camiñan polas fragas de Castro Caldelas. Os bosques, para Risco, son a realidade na cal xéranse os mitos.

Na análise da ópera de Tristán e Isolda (composta en 1857-1859, estreada en 1865) Risco sinala nela a influencia dos relatos dos minnesänger, das lendas celtas antigas e do pensamento de Schopenhauer. Tamén dos poemas de amor de significado místico escritos por Omar Khayyam ou Absala. De igual xeito existen vínculos entre Tristán e Isolda  e a obra de teatro O bufón d´El rei (1928); coma na ópera de Wagner, a relación da Raíña Iolanda e o Cabaleiro Guindamor está inscrita no marco das historias de amor medievais, o que tamén responde os relatos de escritores que Risco estuda coma Chrétien de Troyes. Outra similitude é que existe un xogo de identidades pois se Tantris é Tristán, o auténtico nome de Guindamor é Tintagil de Kerganor. 

Tintagil responde o ideal de cabaleiro que estuda Risco de maneira profunda, non só en Wagner senón na Historia e na Literatura. As orixes do Cabaleiro -co Rei Arturo e o Emperador Carlomagno-, educación -coñecemento de idiomas estranxeiros, xogos de xadrez, música instrumental e vocal, poesía (galantería e platonismo), danzas de sociedade e cortesía-, vida -cerimonial, adoubement (arme coma cabaleiro), lexislación, privilexios, delitos, castigo-, influencia na figura do cortesán e diferenciación na cabalería (existe unha distinción entre a cabalería medieval e a renacentista, chamada Nova Cabaleiresca), son aspectos que aparecen filtrados na historia e individuación de Tintagil.  

O outro gran personaxe de O bufón d´El Rei é a Raíña Yolanda, o paradigma das raíñas formidábeis; a investigación de Risco das cultas “cortes de amor” ao estilo das da Provenza do século XII vese na caracterización de Yolanda. É retratada coma unha dama que medrou cos relatos de heroínas míticas coma a Raíña Xenebra e a Raíña Isolda. (Por este motivo nun artigo publicado en A Fouce (1 de Outono de 1933) coméntase que esta obra suma a “sinxela beleza das lendas celtas”). Ao igual que ambas raíñas Iolanda é descuberta. Isolda transfigúrase ante a contemplación de Tristán morto e falece sobre el (verklärung/liebestod). A derradeira visión de Yolanda non ten o lirismo de Wagner, pero é culminante debido a súa metamorfose ante o coñecemento da verdade por medio do duque Galehaut de Kerganor, o bufón do Rei, quen amándoa vingárase dela polo seu namoramento de Tintagil, irmán de Galehaut. Ela morrerá na prisión da torre, pero marca tamén o final de Galehaut.

É durante a súa viaxe a Centroeuropa en 1930 cando Risco visita en Bonn a casa-museo de Beethoven (1770-1827), compositor polo que sente auténtica adoración. Risco chámao “o Mestre”,

É durante a súa viaxe a Centroeuropa en 1930 cando Risco visita en Bonn a casa-museo de Beethoven (1770-1827), compositor polo que sente auténtica adoración. Risco chámao “o Mestre”, e o igual que con Wagner, goza tanto da súa música coma estudando as súas composicións. A enerxía da súa música, a súa actitude, a súa imaxe son elementos cos que Risco ve manifestada a súa propia adrenalina creativa, ledicia ou weltschmerz. Unha cita anotada por Risco da Obra en prosa de Beethoven (volume V), sinala que a función do son, coma ponte entre o exterior e a visión interior, é vital por ser “el único mensaje directo y simpático”. Resulta revelador que mentres asistía a un concerto, a orquestra estaba a punto de tocar obras de Beethoven e dirixíndose a súa familia díxolles “¡Calade que agora vai falar Deus!”.  

Mentres asistía a un concerto, a orquestra estaba a punto de tocar obras de Beethoven e dirixíndose a súa familia díxolles “¡Calade que agora vai falar Deus!”

A Música é en Risco unha incesante sucesión de sensacións, pero tamén respira en obras coma a Sinfonía Heroica (1802-1804) e a Sinfonía nº 9 (1818-1824) de Beethoven, o seu poder de celebración da Humanidade.

 

*Debo expresar o meu agradecemento a Real Academia Galega por permitirme o acceso a colección de manuscritos de Vicente Risco, así coma a súa orientación o respecto.

Vicente Risco e Díez Canedo xunto ao Bismarck-Nationaldenkmal, fronte ao Reichstag, 1930, Berlín Dominio Público Praza Pública
'Retrato de Ludwig van Beethoven'. 1804-1805. Joseph Willibrord Mähler. Técnica: Óleo sobre lenzo. © Beethoven Pasqualatihaus, Viena

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.