Visións en Unión Libre

Funky Austin © Lily Litvak

Unión libre. Cadernos de vida e culturas é unha revista de creación e pensamento, coordinada por Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, que combinou desde os seus inicios en 1996 a palabra coa imaxe (debuxo, gravado, collage, fotografía, fotograma), tanto incorporando novos valores (Sara Lamas ilustrou os seus dezaoito números) como exhumando e mesmo recuperando inéditos doutros artistas galegos (Luís Seoane, Compostela, Arcadio Romero Boelle, Isaac Díaz Pardo) e non galegos, pois incluíu tamén poemas visuais de Joan Brossa.

Nos seus variados monográficos trataron sobre temas transversais (mulleres, pacifismo, memoria histórica, celtismo, erotismo) e xéneros diversos (canción, cinema) autores das máis variadas procedencias (Chomsky, Valente, Gamoneda, Juan Goytisolo, Ana Hatherly, Sergio Lima, Kenneth White), incluída por suposto a galega (Luz Pozo Garza, María Lopo, Olga Novo, Santiago Lopo). Durante os seus primeiros quince anos foi publicada por Ediciós do Castro e desde hai tres pode verse nesta web.

Aínda que ao longo da súa existencia contou xa con abondosa presenza fotográfica arredor das pedras míticas de Luís Plácido, das xeometrías expresionistas de Eduardo Ochoa, dos retratos difuminados de Manuel Álvarez, da danza butoh de Regina Goerger ou das abstraccións oníricas de Natalia Regueiro, Unión Libre dedica todo un volume á fotografía no seu número 18, co que acaba de pechar o ano 2013, baixo o significativo título de Visións.
En efecto, prescindindo esta vez de profesionais ou artistas da arte fotográfica, este número deixa espazo ás visións persoais, subxectivas e vivenciadas de tres autores coñecidos pola súa obra poética e/ou ensaística: Tera Blanco de Saracho, Lily Litvak e Claudio Rodríguez Fer.

Tera Blanco de Saracho ofrece catro series heteroxéneas en tempos e lugares, baixo o título de Travellings, que percorren Europa cunha mirada detallista e minimalista

Tera Blanco de Saracho ofrece catro series heteroxéneas en tempos e lugares, baixo o título de Travellings, que percorren Europa cunha mirada detallista e minimalista, atenta a efémeros efectos ópticos e a escenas de vida cotiá. Así, desde Vigo a Estambul, pasando por Sarajevo, tal travelling atravesa grandes ceos e mares, pero tamén pequenas follas de árbore ou de caderno baixo un prisma poético, místico e ata naïf. Neste sentido, a autora compón secuencias encantadoras, como o tríptico dun pequeno avión e unha man en París ou o díptico dunha paisaxe celeste anteposta ao debuxo dun peixe, que sintonizan coa estrutura dos blogs persoais e coa estética cibernética do íntimo cunha particular tenrura cara a xente.

Pola súa parte, Lily Litvak convida a un excelente paseo pola cidade texana de Austin, na que reside, cidade que non casualmente ten como lema "Que Austin nunca deixe de ser rara". Ademais, introduce a súa colección, titulada Walking Around á maneira de Neruda, cun escrito que evoca, entre outras cousas, a presenza de Borges no lugar e como este gustaba de tocar o Capitolio que a mesma autora retrata. Pero o que predomina neste conxunto son os belos amenceres e parques a beira do Río Colorado, así como os murais e os anuncios do Austin máis alternativo e do seu colorista Barrio Mexicano. Agora ben, a captación frontal e a descrición panorámica non exclúen tampouco a busca da beleza no detalle, por exemplo, dunha floración intensamente púrpura.

Lily Litvak convida a un excelente paseo pola cidade texana de Austin, na que reside, cidade que non casualmente ten como lema "Que Austin nunca deixe de ser rara"

Claudio Rodríguez Fer, baixo o suxestivo título de Love & Liberty, presenta cinco series centradas en coñecidos rañaceos vistos dende abaixo, en emblemáticos edificios de formas escultóricas, en vangardistas esculturas públicas ao aire libre e en curiosos rótulos e sinais espallados pola urbe. De feito, o nome do conxunto provén dunha feliz instantánea na que puido captar un camión coa inscrición Liberty pasando á beira da escultura Love de Robert Indiana. A primeira serie, "Tendencia á oblicuidade", magnificamente executada en gris natural, subverte a chamada Freedom Tower do contorno One World Trade Center que está a punto de rematarse, anticipándose a segura conversión do edificio nun referente icónico mundial.

Visións, pois, poéticas, paisaxísticas e artísticas que conforman unha triloxía diversa e multiforme cargada de compromiso cos lugares, cos tempos e cos valores da apertura, da diversidade, do amor e da liberdade en espontánea unión libre.

Funky Austin © Lily Litvak
Sarajevo © Tera Blanco
Love & Liberty © Claudio Rodríguez Fer

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.