"Canto se bota de menos a Vidal Bolaño! Porque dende logo el non ía estar calado diante desta situación nin ía deixar de facer teatro. E se cadra sacaba o nariz de pallaso que lles di aos poderosos o que os demais calamos". Fala Belén Quintáns, unha das impulsoras da Asociación Roberto Vidal Bolaño que se presentará publicamente este marrtes ás oito da tarde no Teatro Principal de Compostela. Estamos no ano Vidal Bolaño, no que se lle dedica a celebración das Letras Galegas, e un ano ademais no que a lingua e cultura galegas e as artes escénicas se revolven contra os ataques e o trato inxusto recibido dende o Goberno galego.
A asociación leva meses traballando na súa posta en marcha, da man de Roi Vidal, Rubén Ruibal, Antón Dobao, Francisco Macías, Xosé Manuel Fernández Castro, Camilo Franco e a propia Belén Quintáns. Nesta segunda fase incorpóranse Antonio Durán “Morris”, o titiriteiro Jorge Rei, Antón Dobao, Luis Rei e Luciano Fernández -en representación do colectivo Land Rober de programadores culturais-, Roberto Pascual -xefe de estudos da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia-, Manuel Guede -director do CDG-, Laura Ponte e un representante da Federación Galega de Teatro Amateur. A asociación nomeará Presidente de Honra da Asociación ao estudoso do teatro e da obra de Roberto Vidal Bolaño Manuel Quintáns Suárez.
Ao longo deste ano 2013 organizará un festival de teatro afecionado, unha exposición itinerante, varias montaxes teatrais coproducidas e múltiples proxeccións audiovisuais
Ao longo deste ano 2013 organizará un festival de teatro afecionado, unha exposición itinerante, varias montaxes teatrais coproducidas e múltiples proxeccións audiovisuais. Pero un dos seus obxectivos será, como lembra Belén Quintáns, "que 2013 non mate a Vidal Bolaño por segunda vez: que haxa Vidal Bolaño no 2014 e no 2015 e que siga estando presente a súa obra". O outro gran obxectivo, engade, é que este ano sirva para poñer de relevo a súa dimensión autoral: "a prioridade é que o aspecto literario da súa obra teña o recoñecemento que se merece. Parece que en Galicia a literatura dramática está por debaixo da narrativa e da poesía. El cría que non, nós tamén pensamos que non e queremos que este ano se recoñeza o valor puramente literario que ten a súa obra".
“Queremos contribuír a fixar a figura do escritor. Os seus textos son literatura e literatura da boa”
No mesmo aspecto incide Antón Dobao: “queremos contribuír a fixar a figura do escritor. Os seus textos son literatura e literatura da boa”. Dobao engade outro reto: salientar a relación de Vidal Bolaño co audiovisual: “a súa dimensión audiovisual está un chisco frustrada. El tenta participar na creación dunha cultura audiovisual pero esta non cristaliza como cristaliza o teatro".
"El non ía estar calado"
"Todo o esforzo pola profesionalización da cultura e o teatro foi para atrás vinte anos. Roberto estaría soprendidisimo"
O Ano Vidal Bolaño vai ser un ano de reivindicación para a cultura galega e para as artes escénicas. "Cultura vai seguir habendo e tamén teatro. Pero todo o esforzo pola profesionalización da cultura e o teatro foi para atrás vinte anos. Roberto estaría soprendidisimo. Estamos volvendo aos tempos de actuar enriba de caixas de cervexa polo que nos dean", di Belén Quintáns. que pon como exemplo a montaxe que Teatro de Aqui estamos tentando facer de Criaturas: "é máis complicado do que foi hai doce anos”.
"Sempre foi evidente o seu compromiso cultural e politico, no senso máis amplo do termo", lembra Dobao, que salienta a coincidencia entre as homenaxe e o tempo que vivimos: "o teatro de Roberto está cheo de personaxes derrotados e de parias do mundo e vivimos nunha época na que o poder tenta que os parias sexan máis parias e máis derrotados".