Paredes e muros da Coruña apareceron este verán decoradas cun teselado que representa a caveira de Xerión, símbolo da Coruña presente no escudo da cidade
Durante este verán, moitas paredes e muros da Coruña apareceron decoradas cun teselado que representa a caveira de Xerión, personaxe mitolóxica, monstro xigante antropomorfo que segundo a lenda foi vencido por Hércules, que cortou a súa cabeza e enterrouna ao pé do mar para sobre ela construír a Torre que leva o seu nome.
Coas dúas tibias cruzadas, ao xeito das bandeiras piratas, o Xerión é un dos símbolos da cidade xunto ao faro patrimonio da Humanidade. Está presente no escudo da Coruña e empregado desde por afeccionados deportivistas nos seus emblemas ata nunha acción artística (Voltou o Xerión) organizada pola Fundación Luís Seoane e avalada polo Concello hai xa dúas décadas, que incluíu unha decoración vexetal que aínda permanece á entrada da cidade. Tamén hai unha galería de arte co seu nome ou unha rúa na súa honra en Monte Alto.
Ben distinto é agora, cando o goberno local decidiu reitrar estas caveiras a modo de azulexos de píxeles dos locais de titularidade municipal ou de edificios protexidos, así como dalgunhas outras paredes, en cumprimento da ordenanza de limpeza. O Concello retíraas e o Xerión teima en voltar como fixera en 1999, aínda que daquela ao abeiro dunha campaña oficial.
O Concello decidiu retirar as caveiras malia o apoio de moita veciñanza que apoia esta acción artística anónima
A autoría desta iniciativa artística é descoñecida. Anónima e sen pistas. Pero desde hai unha semana, o autor pode ser calquera, logo de que a conta que as caveiras de Xerión teñen en Twitter (@xerionxerion) publicase un titorial para que calquera persoa interesada poida reunir as teselas, construír este símbolo da cidade e deixar a súa pegada nela. "O underground, literalmente, que sae de baixo a Torre", definiuse a iniciativa no primeiro chío da conta.
Na cidade, o debate parece virado claramente cara á Xerión. É moita a veciñanza que amosa o seu aprecio pola figura e ou seu desacordo coa retirada que se levou a cabo nalgúns puntos da Coruña. Especialmente naqueles onde a caveira foi suprimida pero mantense abundante cartelería ou pintadas.
Mentres, o Xerión segue aparecendo, por calquera barrio da cidade, en calquera esquina. Fuxindo da brigada de limpeza do Concello, impulsando a lenda do xigante derrotado por Hércules ao pé do Atlántico. Sen autor nin impulsor coñecido. Aumentando estoutra lenda.