Volumes de ilustres viaxes por Galicia para celebrar o Día do Libro

Fragmento da portada do libro de Portada do libro de Ambrosio de Morales. © RAG

"Como de Vögue dixo dos poetas rusos, Les poetes Russes no sont et ne seront jamais traduits, o mesmo acontece coa poesía de Galicia. Tanto o ruso como o galego están cheos de doces e tenros e diminutivos intraducibles infinitamente musicais e vivamente expresivos. Cando intentamos interpretalos nunha lingua estranxeira a súa música morre e as súas almas evapóranse". A comezos do século XX a británica Annette M. B. Meakin plasmou as súa visión do territorio e a poboación galega en Galicia: the Switzerland of Spain, un resumo en letra e imaxe da historia de Galicia, da súa literatura e mais do seu carácter. Neste 2017 é posible recuperar aquelas impresións na mostra organizada pola Real Academia Galega co gallo do Día do Libro.

O libro de Meakin sobre Galicia, cun capítulo sobre Rosalía, compleméntase nesta exposición da RAG, aberta ata o día 28 deste mes de abril con outro volume con sinatura doutra autora británica: Catherine Gasquoine Hartley, que poucos anos despois describiu Galicia, paisaxes e terra, pero tamén xente. E, nomeadamente, as mulleres do país. Non en van, no capítulo titulado 'Las gallegas: the women of Galicia', debulla a súa visión das "tres grandes mulleres galegas": Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán e a propia Rosalía.

Xunto ás viaxes por Galicia de visitantes ilustres nos primeiros anos do século XX esta mostra da RAG retrocede ata a segunda metade do XVIII, concretamente ata 1765, para amosar un libro editado nese ano, pero escrito no século anterior. Trátase da Viage de Ambrosio de Morales por orden del Rey D. Phelippe II a los Reynos de León, y Galicia y Principado de Asturias, un traballo elaborado "por encargo do monarca", explica a Academia" para "elaborar unhar elación dos santos, os sepulcros reais e os libros manuscritos custodiados nas catedrais e nos mosteiros". A intención non era só realizar un inventario, xa que parte dese valiosos volumes acabaron no mosteiro do Escorial.

O interese de frei Martín Sarmiento pola lexicografía, a toponimia e a botánica ou as escenas recollidas por Ruth Mathilda Anderson na viaxe realizada por Galicia nos anos 20 do século pasado están tamén presentes nunha exposición con obras variadas en canto a épocas e procedencias de quen as asinan. Entre elas a RAG destaca A corner of Spain (Londres, 1910), de Walter Wood; Northern Spain (Londres, 1906), do pintor Edgard T. A. Wigram; Impresiones de un viaje por Galicia (Vigo, 1910), de Mister Geissler; Por las Rías Bajas: (notas de viaje por Galicia), de Alfonso Pérez Nieva (A Coruña, 1900) ou La familia real en Galicia: 1900. Álbum Recuerdo (Pontevedra, 1900).

As persoas que visiten esta exposición na biblioteca da RAG levarán como lembranza un libro sobre Francisca Herrera Garrido escrito por Carlos Casares, autor homenaxeado no Día das Letras. A mostra pode visitarse de 9:00 a 14:45 horas e, de luns a xoves, tamén de 16:30 a 19:45 horas.

Unha palilleira, fotografada Ruth Matilda Anderson nos anos 20 do século pasado © RAG
Ilustración da lucense Praza do Campo no libro de Edgard Wigram © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.