Volve o Asalto ao Castelo de Vimianzo, a gran festa irmandiña da Costa da Morte

O castelo de Vimianzo, preparando a edición 2022 do 'Asalto' © Asalto ao Castelo

A 25ª edición do Asalto ao Castelo de Vimianzo xa está en marcha. Como sucede este verán con moitas outras festas ao longo de toda Galicia, a celebración é moi esperada, despois de dous anos de ausencia, dende a edición de 2019. Xa esta fin de semana deron comezo as visitas guiadas ao castelo e tivo lugar a Ruta Teatral á Cruz do Loureiro e este luns 27 comezou a Semana Medieval e este martes 28 farao a Mostra de Artesanía en Vivo e os Pinchos Irmandiños.

Como sucede este verán con moitas outras festas ao longo de toda Galicia, a celebración é moi esperada, despois de dous anos de ausencia, dende a edición de 2019

Con todo, os días grandes da celebración chegarán este venres 1, sábado 2 e domingo 3 de xullo, con concertos, teatros, xogos e moitas máis actividades, ademais do momento máis importante: o Asalto. A programacióm completa pode consultarse neste enlace e aquí pode verse unha guía útil, con recomendacións sobre acceso, hospedaxe e outros consellos.

Concerto de Luar na Lubre nunha edición anterior do 'Asalto ao Castelo' © Asalto ao Castelo

A festa naceu no seo dunha asociación de amigos e pouco a pouco foi involucrando a toda vila de Vimianzo e a súa comarca

O Asalto ao Castelo de Vimianzo celébrase dende hai case trinta anos o primeiro sábado de xullo. A festa naceu no seo dunha asociación de amigos e pouco a pouco foi involucrando a toda vila de Vimianzo e a súa comarca. Con todo o espírito inicial segue vivo xunto ao Concello de Vimianzo as entidades organizadoras son Cherinkas, sen ánimo de lucro e formada por xentes da Terra de Soneira e Axvalso, a entidade que iniciou a festa. 

O Asalto inspírase na Gran Guerra Irmandiña que comezou en 1467 en toda Galicia, momento no que o pobo se ergueu contra o poder abusivo dos señores feudais. Trasladando estas revoltas ao presente, o Asalto ofrece un amplo abano de personaxes e situacións que dalgún xeito simbolizan as inxustizas do mundo moderno e mostran os problemas do mundo actual.

A programación

O sábado é o día grande da festa. Dende a mañá haberá unha grande animación nas rúas de Vimianzo e a praza do Concello acollerá unha Feira Artesanal, obradoiros infantís e xogos para todas as idades, que darán paso a partir das 17.30 horas ao Asaltiño

As citas máis importantes chegarán a partir do venres, coa organización da Cea Medieval no foxo do castelo e a Noite Meiga. Ademais, actuarán Cé Orquestra Pantasma, Monoulious Dop e A Banda da Balbina. 

O sábado é o día grande da festa. Dende a mañá haberá unha grande animación nas rúas de Vimianzo e a praza do Concello acollerá unha Feira Artesanal, obradoiros infantís e xogos para todas as idades, que darán paso a partir das 17.30 horas ao Asaltiño, pensado para que os máis pequenos e pequenas poidan gozar da celebración. Ademais, representarase unha 'Historia Dramatizada do Castelo'. A partir das oito da tarde será o momento do pregón e do izado da bandeira irmadiña, que precederá á actuación de Los Jinetes del Trópico. 

Unha edición anterior do 'Asalto ao Castelo' © Asalto ao Castelo

O sábado pola noite será a quenda dos concertos de CEA, Sés, Nativa, Talco e Tandub. Ao redor da medianoite, cando remate a actuación de Sés, chegará o momento do Asalto ao Castelo

Xa pola noite será a quenda dos concertos de CEA, Sés, Nativa, Talco e Tandub. Ao redor da medianoite, cando remate a actuación de Sés, chegará o momento do Asalto ao Castelo. A representación teatral supón o eixo da festa no que se encaixan os concertos da noite.

A representación adoita realizarse en clave de humor, surrealismo e retranca, e conta sempre coa participación activa do público. Os asistentes convértense en asaltantes e comparten escena coa persoa guerreira, meiga, defensores e todos aqueles personaxes que se vaian creando para cada edición en historias diferentes. Estes personaxes guían aos participantes nun percurso físico cara ao castelo, onde se realiza a toma simbólica do mesmo.

A representación adoita realizarse en clave de humor, surrealismo e retranca, e conta sempre coa participación activa do público

O espectador pasa a sentirse un irmandiño máis, levándoo a vivir unha aventura fascinante: deixarase hipnotizar pola meiga, usará fachos para alumear o camiño, levará un ariete para romper a porta da fortaleza, loitará contra os defensores con globos de auga como única arma e deixarase encantar por cada un dos feitos que acontezan. 

O domingo aínda haberá tempo para Visita Teatralizada ao Castelo, da man de Quinquilláns. E para a sesión vermú que amenizará Medio Quinhón.

Concerto nunha edición anterior do 'Asalto ao Castelo' © Asalto ao Castelo

Recentemente o Asalto ao Castelo conseguiu a súa catalogación como Festa de Interese Turístico de Galicia,

Este ano, a organización mellorou a zona de acampada, situada á sombra e á beira dun pequeno rego. De igual xeito, prégase "deixar o botellón para outro momento", consumindo nos locais da propia festa, para así colaborar co seu sostemento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.