Xabier López e Antonio Fraga Allegue, premios Xerais de novela e literatura infantil

Xabier López e Antonio Manuel Fraga © Xerais

Xabier López López foi o galardoado co Premio Xerais de novela pola súa obra Cadeas na trixésima edición duns galardóns cuxa festa literaria volveuse celebrar no Auditorio da illa de San Simón, onde tamén se deu a coñecer o gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil, que recaeu en Antonio Manuel Fraga por O castañeiro de abril.

Un ano máis, á festa e ao acto literario-musical seguiulle unha merenda á que asistiron, entre outros, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia; ademais de escritores, editores, libreiros, bibliotecarios, profesores e colaboradores da editorial.

O xurado destaca 'Cadeas' por ser "unha novela de novelas, un baúl de historias"

Así, os membros do xurado do Premio Xerais de Novela, dotado con 15.000 euros, destacaron Cadeas por ser "unha novela de novelas, un baúl de historias que denotan, ante todo, unha prodixiosa capacidade para fabular, para recrear, para imaxinar". O ditame salienta que sexa unha obra "ateigada de personaxes magnificamente ben construídos, cruzada de referencias culturais e enraizada na tradición fabuladora da terra sobre a que escribe".

Xabier López (Bergondo, 1974) declarou a súa "inmensa satisfacción" por ver o seu nome emparellado co do premio Xerais e sinalou a súa  novela como "a máis arriscada e ambiciosa dende Doutor Deus". Ademais, debullou algúns dos temas da novela que aborda practicamente "o noso século XX enteiro". "Dende os naufraxios na Costa da Morte de finais do XIX ao turismo dos anos 80 e 90, pasando pola guerra de Cuba, de Marrocos ou de Sidi Ifni, ata á morte do Piloto, o noso último guerrilleiro, á altura do ano 65. Todo iso sen nos esquecer dos campos de concentración nazis, a aparición de figuras senlleiras coma Dieste ou Manuel Antonio (ou os seus dobres) e o horizonte da emigración como esperanza recurrente", sinalou.

"O castañeiro de abril' cumpre as tres condicións case máximas que un lector pode agardar dunha novela"

En canto á 28ª edición do Premio Merlín de literatura infantil, dotado con 10.000 euros, o xurado considerou que O castañeiro de abril "cumpre as tres condicións case máxicas que un lector ou lectora pode pode agardar dunha novela: lela dunha volta, atraída polo interese da súa trama; estar magnificamente escritas; e ser inesquecibles porque os seus personaxes quedan aboiando no seu maxín, querendo vivir alí por moito tempo".

Antonio Manuel Fraga (Pontedeume, 1976) confesou que cando vivía en Romanía, onde traballaba na construción dun parque eólico "as temperaturas baixo cero e a saudade" batéronlle forte e trouxéronlle de volta á terra, "onde a situación económica estragou novas posibilidades laborais". "Porén, a crise regaloume un tesouro chamado tempo, e comecei a escribir", asegurou.

O autor explicou o argumento dunha obra protagonizada por Baltasar, un neno cego que malvive no barrio máis gris da cidade baixo o cruel xugo das súas tías, as xemelgas Carabullo: "Eu son quen son, e nin eu mesmo coñezo o meu nome; mais nalgures, hai moito tempo, alguén se referiu a min como o castañeiro de abril; así se presenta un estraño vendedor a Baltasar, cuxa vida dará un xiro de cento oitenta graos cando coñece ao Castañeiro e devagar se verá envolto nunha avalancha de acontecementos que trastornan a vida do barrio", destaca Antonio Manuel Fraga.

Xabier DoCampo pide ás novas xeración que "fagan da lectura un acto de rebeldía"

Por outra banda, o escritor Xabier DoCampo, como mantedor literario da velada, defendeu no seu discurso a importancia da lectura e dos contos por ser "imprescindíbeis". "Non se pode vivir sen soñar porque non se pode vivir desasistido da palabra dos contos, das historias, veñan estas nas novelas, no teatro, no cinema, nos mesmos contos, quer escritos quer orais. Os contos apréndenos a escoitar, que é tanto como ter en conta ao outro e con el facer un treito do camiño", asegurou o autor, que convidou a "ler a nosa nación coma iso, coma unha nación" e que fixo un emocionante chamamento ás novas xeracións a "facer da lectura un acto de rebeldía, procurando unha nova luz no túnel escuro do futuro".

Para pechar o acto falou Manuel Bragado, director da editorial Xerais, que rematou as súas palabras reclamando nestes tempos de crise económica e austeridade a "maior atención para o mundo do libro e da cultura".

Xabier López e Antonio Manuel Fraga © Xerais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.