Xavier Queipo: "Os europeos temos un complexo de culpa histórico polo colonialismo que é algo exacerbado"

Dominio Público Praza Pública

A viaxe, a relación dos humanos coa natureza ou a construción do Outro volven, como alicerces principais, na última novela de Xavier Queipo, 'Os Kowa', na que un biólogo se une a unha expedición científica polo Amazonas despois dun fracaso amoroso. O secuestro, por parte da guerrilla, dos seus compañeiros, obrigarao a enfrontarse a unha experiencia extrema, a da loita pola sobrevivencia, que o transformará para sempre. O autor respondeu, coma sempre por correo electrónico desde Bruxelas, onde vive, as preguntas de Praza.

"Algún día contarás de que estás fuxindo", dille un amigo ao personaxe principal da novela. Que significa a viaxe para este personaxe?

As viaxes son sempre unha procura, as máis das veces produto da inestabilidade emocional. Precisamos algo que non temos, o que sexa: rachar coas rutinas, fuxir dunha situación incómoda, partir no ronsel dunha ilusión ou dunha quimera. Cada viaxe é diferente, pois responde a unha necesidade distinta. Mais como pano de fondo non hai que esquecer que no subconsciente está, sen dúbida, o noso pasado nómade. Esta personaxe, nese momento preciso, vai deixar atrás unha relación sentimental e aproveita a oportunidade dunha expedición internacional para saír desa situación.

O libro está dedicado, ademais de ás persoas que te estiman, “aos indios Kowa, se existisen”. Non sei se existen, pero a lectura da novela dá ganas de que existan. O que si parece é que a descrición que fas deles procede, quizais, da mestura de características de distintas tribos da Amazonía… Como xorden os Kowa, como traballaches para crealos?

Os indios Kowa non existen máis que na miña imaxinación, que ás veces baixo a aparencia de verosemellanza, inventa feitos e personaxes, e neste caso tribos, que nunca existiron nin existirán. Dende que os camiños da vida me afastaran do meu ideal xuvenil de explorador, lin moitas novelas de aventuras na selva, no océano Ártico, nas estepas rusas e nos mares da China ou das illas da Sonda. Fun creando así, unha cosmogonía propia e atemporal, que foi pousando durante anos sen número e aboiando aquí e alá en contos e novelas. Certo que hai tamén experiencias propias, mais estas restrínxense ao Atlántico Norte, o Océano Artico e as selvas do sudeste asiático. O demais son viaxes as cidades e vilas das costas do Atlántico, o Mediterráneo e o Mar Negro. Os Kowa, son pois produto das lecturas de antropoloxía cultural e novelas amazónicas dos moitos escritores que me precederan.

"Os Kowa son produto das lecturas de antropoloxía cultural e novelas amazónicas dos moitos escritores que me precederan"

A novela amosa varias semellanzas con outra novela túa, 'Malaria sentimental': un científico que marcha a outro país traballar nun proxecto, un secuestro no lugar de destino, un relato en primeira persoa… Parece o mesmo personaxe, porque fala ademais de cando estivo en Camboxa e foi secuestrado. Por que decides retomalo?

Coido que xa o dixen algures: se un escritor de novelas policiais ten por costume crear un personaxe que adoita ser un investigador privado, non vexo eu porque alguén que escribe novelas de aventuras non pode utilizar unha mesma personaxe. Endemais non é nada talmente orixinal, Tintín ou Corto Maltés, por exemplo, viven aventuras nos lugares máis dispares e ninguén atopa que iso sexa estraño.

Se cadra no noso sistema literario, por razóns de masa crítica de escritores e novelas, non sexa un fenómeno corrente, mais eu non o vexo como nada espacial. De feito xa estou escribindo novas aventuras do mesmo biólogo naturalista que o levarán outra vez a paisaxes afastadas. A personaxe é a mesma e fun eu o que din indicacións nesta novela para que así se soubera. Recupereino porque dende que escribín 'Malaria Sentimental' é un personaxe co que me sinto cómodo. Ademais agora teño amigos que fan ese traballo polas selvas do mundo e asesoranme no día a día da exploración do mato.

Aqueles para moitos “primitivos” indios, pensa o personaxe despois de volver da Amazonía, -que é o momento no que arranca a novela-, “tiñan pola natureza o amor que nós agochamos baixo un manto de vaidade”. A relación dos seres humanos coa natureza é un dos eixes deste libro, como o foi en anteriores obras túas. En que sentido está tratada aquí?

Eu fun ecoloxista dende sempre. Xa de neno, aínda de calzas curtas, era socio da WWF e loitaba por salvar o tigre se Siberia ou o lince ibérico. Xa na universidade, traballei na Sociedade Galega de Historia Natural e fun integrante do Grupo Ecoloxista Autónomo (GEA) e membro do Comité Antinuclear Galego. Aínda hoxe, no meu traballo de funcionario teño relación privilexiada cos representantes das organizacións non gubernamentais ambientalistas. Sen entrar en cuestións ideolóxicas, que non é o momento, non hai que esquecer que somos parte do macro-ecosistema Terra e que é nese sistema onde estabelecemos as nosas relacións. Polo noso ben temos que coidalo, pois da súa saúde depende a nosa. Aquí está tratada a natureza na súa relación con aqueles homes que viven nun certo equilibrio con ela, que se senten ameazados pola cobiza dos expoliadores, que desenvolveron resistencias e equilibrios que a civilización industrial destrúe sen piedade.

"Eu fun ecoloxista dende sempre. Xa de neno, aínda de calzas curtas, era socio da WWF"

Ademais, sae da selva “modificado” nos seus alicerces. 'Os Kowa' ten moito de libro de aventuras, se cadra, mais como bo libro de aventuras é, quizais tamén, un libro sobre como unha experiencia extrema pode transformar as persoas. Era un pouco o obxectivo xeral do libro?

Sempre que un fai unha longa viaxe, regresa “modificado” en maior ou menor grao. Ese é o suceso, por exemplo, do Camiño de Santiago, onde independentemente da espiritualidade de cadaquen ou da relixión que practique (ou non), un remata o camiño sentíndose diferente, pois cando na nosa vida pasamos varias semanas camiñando na compaña de descoñecidos, atravesando unha variedade de paisaxes que nin soñaramos que existían, sentindo os chuzos da neve ou os excesos da calor, durminos á la belle étolie ou compartimos unha fogueira de campamento con xentes de varias nacionalidades e culturas diferentes.

Se esa viaxe, como no caso de 'Os Kowa', fai que un se confronte a todas as dificultades fóra da zona de conforto -fóra do noso ecosistema-, entón é normal que non só o corpo como ente físico, senón tamén a psique reciba unha dose de estrés que xenere unha transformación. Mídese así a resiliencia -capacidade de soportar os cambios- dun organismo que, se como neste caso é un humano, implica tamén tensar a mente e, por tanto, arriscarse a un desequilibrio psicolóxico.

"Sempre que un fai unha longa viaxe, regresa “modificado” en maior ou menor grao"

O proxecto científico no que se implica é facer unha cartografía botánica do Alto Amazonas. E vano facer, el e os seus compañeiros, con axuda das forzas armadas de Colombia, Ecuador, Perú e Brasil. Como xorde a idea deste proxecto científico? -Algún soño non realizado, imaxes, ideas…-.

A idea vén das conversas que algunha vez tiven sobre os proxectos europeos de investigación, que adoitan ser proxectos anovadores e multidisciplinarios e ao mesmo tempo multinacionais. Aquí no ambiente onde eu vivo, a multinacionalidade vai de seu, tanto nos proxectos como na vida cotián. As imaxes proporcionoumas unha rapaza irlandesa que veraneou catro anos en Vigo cando era pre-adolescente, da que teño parte de culpa que sexa bióloga, que agora explora as selvas de Borneo e antes estivo traballando nos bosques de eucaliptos de Australia. Hai na recreación do proxecto, tamén, unha idea romántica do que puiden ser e non fun, pois a vida nos vai levando e, agás nalgúns casos excepcionais, nunca trazamos o camiño de antemán.

"Aquí no ambiente onde eu vivo, a multinacionalidade vai de seu"

O punto de arranque de toda a historia non deixa de ser o final dunha relación amorosa. Rosa, a muller que “ía dar estabilidade ao meu natural picafollas”, deixouno, e el segue só, “perseguendo quimeras e brindando con estraños”. Noutro lugar conta que foi educado para ser un mozo serio, responsable e cabal, para coartar as súas liberdades e inserirse no pensamento único. Cal é a súa relación con iso, coas convencións sociais, cos ciclos vitais predeterminados, coas normas, en fin, dun occidental de clase media? -Porque se cadra hai unha contradición entre buscar unha muller para ter "fillos loiros"tal como el o explica e rexeitar as convencións sobre a parella-.

Non sei se hai unha contradición, mais se a houbera non a vexo como algo negativo. As contradicións son o motor das nosas vidas, as que fan que avanzemos, que tomemos decisións, que sigamos pensándonos e repensándonos cada día. Ademais, citando a Bertrand Russell, que coido que non está de moda, a contradición entre realidade e desexo é a contradición principal nas sociedades de hoxe. Un pode ter unha idea romántica da estabilidade familiar, mais no camiño poden acontecer desvíos dese equilibrio, polas razóns que sexa, e, daquela, un atópase só e brindando con estraños como na canción de Chavela Vargas.

En realidade a vida non é senón un xogo entre enerxías confrontadas, e ás veces prodúcense procesos enerxéticos/ emocionais confluentes e daquela pódese acadar unha estabilidade no seo dunha familia e outras veces o equilibrio atópase nunha vida menos reglada. É como o viva o individuo, e, como neste caso, é unha personaxe, pois eu xogo con el a que teña contradiccións e que a intente resolvelas. El tamén o ve así e por iso nun momento cre atopar o seu lugar no mundo, e ten dúbidas de si seguir ou ficar.

"As contradicións son o motor das nosas vidas, as que fan que avanzemos"

Son secuestrados polos guerrilleiros. O personaxe o que pensa deles, polo menos nun primeiro momento, é que son como “bandidos”, por moitos ideais que teñan, por utópico que sexa o seu obxectivo, que cada vez lles queda máis lonxe. Fainos pensar nas FARC e noutras guerrillas semellantes. Mais supoño que a cousa é complexa. Coinciden, neste caso, as apreciacións do personaxe coas túas?

Hai, como dis, unha complexidade enorme no desenvolvemento das actividade das guerrillas de liberación. Eu non son quen de xustificalas nin de condenalas en abstracto. É necesario referirse a cada unha delas en particular.  Os métodos do secuestro, do maltrato e mesmo do asasinato -pénsese nos asasinatos de labregos por Sendero Luminoso ou polos para-militares en Nicaragua ou en Colombia- son métodos de vulgares salteadores de camiños, mírese por e como se queira. Por iso mesmo en casos concretos opino igual que o personaxe desta novela, ao 100%. Non estou falando da guerrilla contra o fascismo ou contra o franquismo, estou falando doutra cousa.

"Hai unha complexidade enorme no desenvolvemento das actividade das guerrillas de liberación. Eu non son quen de xustificalas nin de condenalas en abstracto"

O personaxe de Amaurí, o seringueiro, -o home que lle axuda na selva-, permite introducir varias cousas na historia, como a lembranza do propio oficio dos seringueiros ou as historias que el conta. Como construíches este personaxe?

Amaurí é se cadra o meu personaxe favorito. Así e todo, a construción dun personaxe non sempre é doada, nin tan sequera planificada ao completo. Non vou dicir esa vulgaridade de que os personaxes te van levando. Argumento falso como a mala moeda. O que si hai unha mestura de elementos como lecturas precedentes que falan de homes sos confrontados coa natureza -os contos de Francisco Coloane, 'Canaima' de Rómulo Gallegos, 'La Vorágine', de José Eustacio Rivero, entre outras-.

"Non vou dicir esa vulgaridade de que os personaxes te van levando. Argumento falso como a mala moeda"

Tamén soños, como aquel onde “vin” a cabaña e a curva do río, a chegada do seringueiro e a música no medio da selva. E logo ese português mal falado, con esquecementos e mesturas, propios dun home que non fala con ninguén e vai perdendo o comando da lingua propia. As historias que el intercala é un recurso estilùistico que xa avancei en 'Extramunde', cando o cego de Zas contaba historias á luz da fogueira e, coido eu, que consiste nunha continuidade con esa tradición galega –e non só- dos contadores de historias.

A memoria da colonización e a relación do home branco cos “indios” atravesa tamén toda a historia. O personaxe principal fai autocrítica do seu eurocentrismo ou brancocentrismo. E a relación co Outro é precisamente outro dos temas máis relevantes nas túas novelas. De que maneira quixeches enfocado en Os Kowa? O que queren os Kowa, pensa el, é que os deixen en paz… -É dicir, que sobraría tanto o seu ensalzamento como “bos salvaxes”, como o desprezo paternalista e colonial de consideralos “atrasados”-.

A colonización de Castela e Portugal en Sudamérica non foi nin mellor nin peor que a dos turcos en Anatolia, a dos mongoles na China ou a holandesa en Indonesia. As colonizacións son sempre violentas e insidiosas a un tempo. Mais é certo que os europeos temos un complexo de culpa histórico algo exacerbado. O da culpa ten moito que ver coa relixión e a herdanza que dela temos, pois disque xa nacemos cun pecado orixinal.

"Os bos salvaxes, no senso que se lle daba no século das Luces, tampouco creo que existan"

Do mesmo xeito que non me sinto manchado polo pecado orixinal de Adán e mais Eva -se estes existiron-, tampouco me sinto responsábel das accións de outros, e moito menos cando estas persoas tamén colonizaron á miña nación e viviron hai 500 anos ou máis. Os bos salvaxes, no senso que se lle daba no século das Luces, tampouco creo que existan. Non hai inocencia intrínseca nos humanos, independentemente da idade e da procedencia. Os nenos nunha gardería poden ser crueis con outros nenos e iso non é necesariamente un comportamento aprendido.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.