Xesús Ron: "Nunha democracia, cunha sociedade de consumo, a liberdade é mínima malia toda a exhortación a ela"

Un momento da obra © Matteo Bertolino

Eva Martínez e Antonio Formoso coñécense nunha sala de festas, Paraíso, en Muros, a finais dos 80. Esa mesma noite conciben unha filla. Despois casan como, naquel tempo e lugar, dificilmente podía ser doutra maneira. E así métense nunha dinámica que os vai arrastrando a unha vida que non escolleron. Emigración incluída. Disto arranca Eroski Paraíso, a nova obra da compañía Chévere, resultado dun proceso de investigación realizado en Muros a partir da transformación da discoteca Paraíso, aberta entre 1972 e 1990, nun supermercado. Falamos con Xesús Ron, director da obra, escrita por Manuel Cortés e interpretada por Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Cristina Iglesias e Fidel Vázquez.

Os personaxes foron construídos a partir dun proceso de documentación, con entrevistas, de varios meses. Como foi?

Desde o verán estivemos indo por alí, concertando entrevistas con xente que nos foi dicindo doutra xente. Falamos cun construtor de Muros que deseñou a nave orixinal na que estaría a sala de festas Paraíso. Tamén cun camareiro da primeira época. A segunda vez falamos con traballadoras do Eroski. Buscamos mulleres que tivesen lembranza da sala de festas. Despois falamos con Ageitos, o rotulista, e con Manolo Caamaño, un dos propietarios, e co seu cuñado, Tucho Carou. Foi a familia Carou a que montou a sala.

No faiado do Eroski había moitas cousas que foron da sala: vaixelas, arquivadores con datos, sofás… Para construír a personaxe de Patricia de Lorenzo falamos con mulleres que viviron o tempo da sala de festas tamén. Tampouco o restrinximos só a Muros. Miguel de Lira fixo investigación tamén en Mazaricos, porque o seu personaxe vén de Arcos. Para o personaxe de Cristina Iglesias, a filla, falamos con xente do cine. É unha estudante que pode representar o que aquí se chama Novo Cinema e que ten o seu xermolo nun mestrado de documental creativo da Pompeu Fabra. Por iso, na liña discursiva dela, están ideas como que hai que implicarse persoalmente no que vas contar, e por iso ela escolle contar a historia de seus pais.

O proceso é, entón, semellante ao de Citizen.

Si, o que pasa é que aquí non había unha historia inicial. A historia foise construíndo. Ao principio, só tiñamos a idea da sala de festas que se converte nun supermercado.

"A historia foise construíndo. Ao principio, só tiñamos a idea da sala de festas que se converte nun supermercado"

A filla fala de desarraigo vital. Vivira en Muros, varios lugares de Canarias, despois Barcelona… Pero non se refire só ao nomadismo constante…

Iso foi algo que xurdiu tamén nos ensaios. Cada vez iamos tendo máis claro que a historia tiña que contala a filla, non os pais. E ela faino a través dunha película sobre os seus pais. O desarraigo non é só pola emigración, por ter que moverse dun lado a outro desde pequena. Tamén ten unha dimensión lingüística. Ela recibe o idioma a través do pai e volve a Muros para facer a película sobre os pais e recuperar a lingua. A nai fala castelán, que é algo moi propio das vilas, como Muros e moitas outras. E perder a lingua supón perder parte da identidade.

Mais o desarraigo tamén é emocional e afectivo. Os pais están separados. Coñecéranse na sala de festas e tiveran unha filla porque se enrollaran ese mesmo día e ela quedara embarazada. Todo fora así, como por casualidade. E tiveran que casar porque era como tiña que ser nun pobo. Non houbera relación afectiva entre eles, nin noivado, nin se separaran tampouco, por iso, por un problema concreto. Por iso podían xuntarse tamén outra vez para facer a película da filla. O tema do desarraigo xorde tamén cando o personaxe de Miguel pensa en acabar a casa a medio facer.

En relación con iso, está a idea de que a vida decide por eles, polos pais. A filla comenta que nun supermercado non escolles o que mercas. É un xeito de dicir o mesmo. As escollas que non son, realmente, libres.

Si, iso está conectado coa historia vital que se conta. Había unha idea moi inicial, que era a pregunta de que significa que unha sala de festas acaba sendo un supermercado. A filla explica que non escollemos o que nos gusta, senón o que nos mandan, cando compramos. O que lles está a dicir realmente aos pais é que non tomaron eles as súas decisións. Que se deixaron levar. Porque é o que pasa. Nunha democracia, cunha sociedade de consumo, malia toda a exhortación á liberdade individual, en realidade é mínima, case inexistente.

De todas maneiras, é un teatro menos político que Citizen ou Eurozone. Se cadra se buscou máis a proximidade e tratar a política desde o cotián. Pero tampouco hai un discurso moi elaborado, nese sentido.

É un teatro político no sentido etimolóxico. O teatro é un lugar de encontro, que leva ao público un debate que dese xeito non queda no privado. Pero si quixemos desligarnos de partidos, Parlamentos… de cousas máis concretas. Quixemos retirarnos e mirar as persoas, a xente anónima. Queriamos que a xente se recoñeza nos personaxes, e que as reflexións máis políticas estivesen presentes, pero non en primeiro plano.

"Quixemos retirarnos e mirar as persoas, a xente anónima"

É máis ben como un pouso, con certa ambigüidade: sen ser o centro da obra. Tamén queriamos facer unha historia dunha aldea, dunha pequena vila. Os escenarios están cheos de nomes importantes, de xente nova, de ámbitos urbanos. Nós tamén fixemos iso, pero agora queremos outra cousa. O cal non significa que deixe de ter unha intencionalidade política. A preestrea foi en Donosti, e estivo ben ver como funcionaba alí a historia dunha vila para eles descoñecida e situada a 800 quilómetros.

Hai un momento cómico, con certo pouso televisivo, que marca o punto álxido. Funciona moi ben. Patricia e Miguel están moi ben en todo o espectáculo.

Nos ensaios non houbo risas con iso, non penses. Non tiñamos pensado iso. Comezamos a traballar desde un punto de vista máis serio, con tempos máis lentos. Pero sabiamos que o clímax da obra ía ser o momento de revivir o encontro dos pais na sala de festas. Mais non tiñamos ningún referente televisivo en canto a comedia. Sobre todo porque nós tratamos o tema con respecto e cariño, que non é moitas veces como se trata na tele o mundo rural.

"Non tiñamos ningún referente televisivo en canto a comedia"

Pero si, claro, xurdiu ese momento cómico, como hai outras cousas divertidas como o xeito de colocarse a xente na discoteca por parroquias. Iso non o inventamos. Contáronnolo varios dos entrevistados. Igual que o do cemiterio, que era onde ían as parellas. Confiabamos en que Miguel e Patricia ían funcionar ao nivel da comicidade, pero non nos interesaba que fose iso todo o tempo. A personaxe de Cristina é como a bisagra entre os pais, a que lles dá cancha aos outros dous personaxes para que triunfen. É unha personaxe máis comprometida, nese sentido.

Filla e nai representan distintas xeracións, e como puido cambiar o pobo entre a discoteca e o supermercado. Ás veces a nai dille que pensa demais, pero no fondo enténdense. A nai advírtea de que vivir en Muros non é romántico.

Non queriamos facer unha obra nostálxica. A filla quere reconstruír, revivir, un momento que non viviu, que é cando se coñecen os pais. A filla volve a Muros, onde naceu, valorando o lugar, as súas raíces, pero a nai dálle o contrapunto. A nai si pasara pola vida na vila, que non era igual para unha persoa de 50 anos que para unha de 20 e pico. A filla recupera o diario da súa adolescencia e ten a ilusión de crear, de escribir. A nai ten unha visión máis realista. O pai está máis a favor da filla, entrégase máis ao proxecto dela, levan tempo separados…

"Non queriamos facer unha obra nostálxica. A filla quere reconstruír, revivir, un momento que non viviu"

E están tamén o compañeiro da filla e o avó.

O avó ten pouca participación escénica pero é moi importante, porque é a conexión da filla. Os pais estiveron polo mundo. A nai coida do avó, polo que sae tamén o tema dos coidados e as mulleres, pero a filla é ao avó a quen se agarra máis nese intento de volver enraizarse. O avó fora fotógrafo e ela quere ser cineasta. O avó fixera a foto dos pais na discoteca. O compañeiro da filla, Fidel Vázquez, está como personaxe e ademais é o técnico que move todo desde a mesa. Os subtítulos, por exemplo.

Por que os subtítulos? Ao principio, sen eles non se entende o que din os actores.

É un xeito de marcar que hai unha cuarta parede, que se quere que o público actúe como espectador. Por iso non hai interacción con el. E por iso ao principio os actores falan entre eles, sen proxectar a voz para o público, que cando chega ve que xa está pasando algo. O de poñer os subtítulos é tamén unha maneira de suxerir que é o documental que está a facer a filla. Que é unha mirada cinematográfica o que queremos. No cinema, facer unha película coma esta, de tanta proximidade, en versión orixinal, ten prestixio. No teatro non se acepta a versión orixinal.

Pois nós non queriamos renunciar a esa autenticidade, e sabiamos que non iamos traducir a obra para levala fóra. Os subtítulos permiten seguir a obra fóra, e ademais facilitan as cousas ás persoas con problemas auditivos. Porque ademais é unha obra pensada para toda a cidadanía: xente maior e xente nova. Á xente maior está a gustarlle…

© Matteo Bertolino

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.