Xiao Berlai: "Vivir afastado dos demais pode ser un xeito de rebeldía"

Berlai © Berlai

"Na casa onde habitava não havia luz elétrica. Estava cheia de/ goteiras... várias em cima da cama./ A casa onde habitava tinha portas e janelas rotas e varios/ cartões queriam evitar o frio do inverno./ Quero crer que no último sonho abraçou-se tanto a ela que já/ ninguém os pôde separar". Así remata o libro-banda deseñada que acompaña ao CD 'Desconhecido' (Axóuxere), o primeiro disco da banda de "indie rururbano", como eles mesmos se definen, Berlai. 'Desconhecido' é a historia dun amor prohibido. Dunha vida á que se renuncia por non poder amar. Non como un xeito de chantaxe, senón de rebeldía. Contra unhas convencións sociais que eran, tamén, un xeito de represión. E que reproducían a desigualdade.

De entrada, a historia dun home que se deixa morrer por amor pode semellar demasiado dramática e algo tópica. Mais o voso protagonista atopa se cadra, na decisión de abandonarse, un xeito de rebeldía…

Ao principio non tiña unha idea concreta. Eu nunca compuxera nada con letra, ademais. Pero morreu meu tío, cheguei do tanatorio, empecei a tocar e a cantar… Foi algo espontáneo, que pasou no 2010. Quedou aí, gardado nun caixón, e retomei a historia tres anos despois. Non quería caer no ñoño: esa era unha das cousas das que tiña medo. E interésame a idea da rebeldía, si, por iso escollín o tema do ‘Far West’: o apache que decide vivir afastado…

A orixe do seu problema é a negativa da súa familia a aceptar a súa relación cunha muller que non é “de boa familia”, precisamente. É un xeito de falar do clasismo e das diferenzas sociais na Galicia rural. Eran propietarios, máis grandes ou máis pequenos. Non podías casar con calquera… O matrimonio concertado non fica tan lonxe.

Era unha casa do rural máis ou menos “rica". E, pensaría el, xa que son o herdeiro e o que vos importa é a casa, pois aí vos queda a casa. Creo que está ben rescatar historias do rural que, non, non quedan tan lonxe. E ese clasismo tamén se repite en sociedades máis "modernas". Penso por exemplo en ‘Match Point’ de Woody Allen…, nas relacións premeditadas cun fin…. Non, non está tan lonxe. Ademais, eu queríalle moito a meu tío, e hai moitos máis casos coma o del: homes, sobre todo, que viven sós, deixándose de todo. Sexa polo motivo que sexa.

"Hai moitos máis casos coma o del: homes, sobre todo, que viven sós, deixándose de todo. Sexa polo motivo que sexa"

A banda deseñada veu despois do CD?

Eu tiña xa todo rematado, os arranxos feitos… Son profesor de música e pregúntolles aos alumnos se escoitan música e como. A maioría fano mentres realizan outra actividade, coa música como acompañamento. O que eu quería, dalgunha maneira, era obrigar a quen escoite o disco a sentar. Tamén se pode escoitar o CD só, pero é mellor que se escoite o CD mentres se le a banda deseñada. Falei con Ernesto Torterolo de facer un álbum ilustrado, coa idea de que os deseños dialogasen coa música. Nun principio ían ir só as letras das cancións, pero despois vimos que se precisaba unha pequena narración.

"Tamén se pode escoitar o CD só, pero é mellor que se escoite o CD mentres se le a banda deseñada"

Hai unha sorte de identificación entre ti e o teu tío, a nivel de imaxe. Saídes vós, os membros do grupo, na banda deseñada. Teu tío é presentado coa túa imaxe. Como se fose un mozo de agora.

Eu quería contar a historia en primeira persoa. Nas arias cántanse os sentimentos e nos recitativos cóntase a acción. Hoxe facer recitativos non ten moito sentido. O que quería era contar os sentimentos, facéndoo do xeito máis vivo posible. Hai un paralelismo entre o meu tío e eu porque eu póñome, neste traballo, na pel del. Por iso está na banda deseñada, por exemplo, o detalle das botas ao final. Porque, aínda que o tío non estea, témolo incorporado no noso andar… Gustoume xogar co flashforward, tamén, para achegar a historia ao momento actual.

"Hai un paralelismo entre o meu tío e eu porque eu póñome, neste traballo, na pel del"

Por que se chama ‘Descoñecido’?

Como falabamos antes, hai bastantes homes en Galicia que viven sós en condicións semellantes a como viviu meu tío. Non nos deixaba entrar na casa. Cando estabamos alí ficabamos na eira pero non entrabamos na casa. El tiña un punto de humor erótico, ese tipo de humor que é tan habitual no rural. Mais, detrás desa capa, non me deixou ver o que había, non me deixou coñecelo, e iso que o intentei. Por iso hai cousas que sei del polo que me contou a familia.

El mantense afastado, mais a súa actitude non é a da chantaxe emocional de quen se fai dano porque non pode ter o que quere. Non pide nada a ninguén. Ata avanzada a historia non sabemos realmente en que condicións vivía nin que gardaba…

É a súa rebeldía, si. Vivir afastado dos demais pode ser un xeito de rebeldía. El deixa correr o tempo. Esa actitude que moitas veces identificamos como oriental, e que eu creo que está presente nos galegos. Non hai chantaxe, non. El vive afastado e non pide nada a ninguén. Dáballe igual ter os cartos en sacos de plástico porque para el non eran algo demasiado útil.

"El vive afastado e non pide nada a ninguén"

Hai bichos na banda deseñada e nas letras das cancións. Símbolo do illamento, o deterioro, a soedade… Por que tanto insecto?

A min gústanme os bichos. Non mato as arañas cando entran na casa. Os bichos acompáñano a el na súa soedade. O vagalume entra dentro do seu corpo, é a súa busca… No momento en que el toma a decisión de abrirse, liberarse, solta o paxaro… Os bichos serven, así, tamén, para contar a historia. Ernesto é biólogo, ademais.

Na web definides a música como “indie rururbano”. Que é iso? Na banda deseñada hai tamén detalles que nos falan da intersección entre o mundo rural e o urbano: a bolsa de plástico do Familia no medio do millo, a parada de bus de Caixa Galicia onde el se ispe…

Indie rururbano porque, por un lado, é indie, música difícil de definir que toca moitos paos: pop, rock, electrónica, indie, tradicional… Rururbano porque é o encontro entre o rural e o urbano, é a sucidade na paisaxe bucólica: a bolsa do Familia, por exemplo. Escollemos o supermercado Familia polo dobre sentido, coa familia del. Tamén saen na banda deseñada dous CDs, e un é de Fía na Roca, de onde veño… Hai xogos dese tipo, si.

"Rururbano porque é o encontro entre o rural e o urbano, é a sucidade na paisaxe bucólica"

Tamén se pode ver na banda deseñada unha imaxe do ‘De catro a catro’ de Manuel Antonio. Como xa dixestes, conxugades o lirismo co realismo sucio, o obsceno, o cru… Aínda que non teñen que ser termos opostos. O corpo está moi presente no libro. O impacto no corpo da dor producida pola perda.

O lírico e o obsceno, si. O sexo, tratado directamente, como se fai no rural, e como seguramente se facía máis aínda antes do franquismo. E a poesía, -non sei se lera a Manuel Antonio-, porque meu tío facía rimas curtas, pareados… Meu tío e meu avó, en realidade. É, si, un lirismo sucio, obsceno, no que o sexo está moi presente. Dun xeito máis sutil, como cando entra a través de partes da letra de ‘Unha noite no muíño’, ou máis "a saco", de xeito máis cru. Sen que iso quite o lado máis romántico, lírico….

Tamén fora, o seu, un amor de xuventude. Dunha etapa vital na que o amor se vive, se cadra, doutra maneira.

E noutra época, na que a decisión de buscar parella era, a maioría das veces, definitiva, e condicionada pola presión social. E  a decisión que tomou el foi quedar con ese amor que el escollera, aínda que non llo aceptasen. Non quixo máis amores.

E símbolo diso é o xersei azul, único detalle de cor da banda deseñada.

O xersei e os ollos del. O azul nace dos seus ollos, que eran dun azul impresionante. O xersei é metáfora dun amor prohibido e non superado. Tamén é o azul da bandeira galega…

Antes citabas a canción que compuxeches, en parte, con anacos da letra de ‘Unha noite no muíño’. Hai unha versión tamén do himno galego. Supoño que hoxe ninguén se asustará por ningunha versión do himno -ou si-, mais a vosa é curiosa…

A partir dese paralelismo que facemos entre o saloon americano e a taberna galega, gustounos a idea de tocar o himno coa pianola. Xurdiu como unha broma do pianista, pero acabou indo no disco. É como unha pianola do Far West que ao final arde. Pásase do carballo ao piñeiro, do piñeiro ao eucalipto e despois ao lume. Como o noso monte. Coma el, que se deixa ir, que se deixa morrer. É a imaxe do deterioro, do que se vai deturpando…

"A partir dese paralelismo que facemos entre o saloon americano e a taberna galega, gustounos a idea de tocar o himno coa pianola"

A banda Berlai xorde por iniciativa túa, mais tamén están Pablo Pérez, Iago Mourinho e Bruno Couceiro. No proxecto, financiado por crowdfunding, colaborou ademais moita máis xente…

É iniciativa miña, si. Eu son Xiao Berlai e chamámonos Berlai. Houbo moita xente que colaborou desinteresadamente no proxecto. O crowdfunding serviu para a prevenda do traballo e tamén para a promoción do propio grupo. Estou moi agradecido a todos: os colaboradores, os mecenas…

Algo máis?

Temos o concerto de presentación o día 30 de novembro en Santiago, na sala Riquela, ás 21:30 horas. Teremos a Ernesto debuxando en directo, ademais. A banda, ademais, é versátil: tocamos outros temas, ademais dos deste disco.

Imaxe da banda deseñada © Ernesto G. Torterolo/Berlai

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.