Xosé Constenla: "A raizame antropolóxica da propiedade da terra impediu que a especulación fose aínda peor"

Xosé Constenla © Luis Soto

O espazo non é un simple escenario. Desta premisa parte o ensaio O colapso territorial en Galiza, (Galaxia) de Xosé Constenla, o ensaio gañador do último premio Ramón Piñeiro. Un libro para afondar nas causas, e posibles solucións, das agresións ao medio natural e patrimonial, a crise demográfica ou o desequilibrio na distribución da poboación da comunidade. Conversamos co seu autor.

En que sentido David Harvey enche un oco que deixara O Capital de Marx e por que e importante na túa investigación?

Isto ten que ver coa xénese do colapso territorial. Trátase dun proceso de decantación que comeza no ano 2000 ou 2001, estando na facultade. Cae nas miñas mans un número da New left review no que aparecía unha entrevista titulada Reinventar la geografía.  Foi o meu descubrimento de Harvey pero tamén doutra cuestón importante: que a xeografía collía no universo do marxismo e da teoría social crítica achegando un valor esencial a partir da lóxica espacial do capitalismo. Nunca me falaran del (aínda) na facultade. Hai que ter en conta que a separación entre xeografía física e humana e, sobre todo, o peso da xeografía rexional e, moitas veces, descritiva, foi e segue a ser unha particular eiva da xeografía como ciencia social na universidade española.

"A separación entre xeografía física e humana e, sobre todo, o peso da xeografía rexional e, moitas veces, descritiva, foi e segue a ser unha particular eiva da xeografía como ciencia social na universidade española"

Harvey trataba de fuxir do fetichismo do espazo ao tempo que criticaba a hexemonía historicista e economicista das teoría social crítica. A importancia de Harvey reside en que, ao longo da súa obra, é posíbel descubrir o traballo que Marx deixou unicamente bosquexado por non ser el quen escribe, sobre todo, o terceiro tomo de O Capital que ía estar dedicado ás cuestións espaciais e ao comercio internacional: a xeografía do capitalismo ou a súa lóxica espacial. Profundando na idea de desenvolvemento xeográfico desigual pero actualizándoo constantemente coas novas formas de imperialismo e expansión cíclica do capital que deixa atrás a acumulación primitiva.

"A importancia de Harvey reside en que, ao longo da súa obra, é posíbel descubrir o traballo que Marx deixou unicamente bosquexado por non ser el quen escribe, sobre todo, o terceiro tomo de O Capital"

Finalmente, cómpre sinalar que achegarse a Harvey naquela altura dos 2000 non foi doado. Na facultade non había ningún dos seus libros. Estaban algúns artigos, a maioría en inglés. Por outro lado, as traducións dos anos 1980 estaban descatalogadas e, por exemplo, La condición de la postmodernidad, estaba editada por Amorrortu Editores, unha editorial arxentina con pouco distribución peninsular. Iso cambia cando a espacialidade toma relevancia nas cuestións políticas relacionadas coa globalización e o altermundismo. Harvey converteuse nun referente co seus Espacios de Esperanza e El nuevo imperialismo

Durante moito tempo, explicas, as ciencias sociais tenderon a considerar o espazo como mero escenario. O tempo era a dimensión considerada importante, de xeito que se buscaban causas históricas, políticas, económicas, sociais ou culturais, pero non territoriais, para explicar os fenómenos sociais. Que é o que fai mudar tanto isto a partir dos anos 80 do século XX? Como xorde o predominio do espazo sobre o tempo propio da cultura visual posmoderna?

As sociedades industriais e mercantís xurdidas a partir da segunda metade do século XIX apousentaron o seu predominio na teima de querer acurtar o tempo de produción e distribución das mercadorías. A mecanización e a tecnoloxía, así como a evolución dos medios de transporte e das infraestruturas xogan así un papel relevante no que Marx chamou “a aniquilación do espazo mediante o tempo”. Das tres grandes forzas produtivas; isto é, terra, traballo e capital, a que menor importancia obtivo por parte da maquinaria capitalista foi a primeira, porque foi considerada un mero escenario ou, no mellor dos casos, unha fonte (ilimitada) de recursos.

"Das tres grandes forzas produtivas; isto é, terra, traballo e capital, a que menor importancia obtivo por parte da maquinaria capitalista foi a primeira, porque foi considerada un mero escenario"

Así se desenvolveron os grandes procesos de urbanización e crecemento demográfico do longo século XX. Porén, sobre todo a partir da crise do petróleo de 1973 (que foi unha crise de hiperacumulación), o sistema busca unha solución nun novo proceso de expansión territorial, desprazando excedentes de capital a periferias non capitalistas. Este feito foi acompañado de dous procesos moi importantes: o xurdimento dunha conciencia ecolóxica a nivel mundial, preocupada polos límites da biosfera, e, sobre todo, o peso das novas demandas culturais e sociais da clase media asalariada instalada nos parámetros do estado do benestar.

"A preocupación espacial situouse nun primeiro plano pero máis como unha cuestión estética, de pantalla ou de simulacro"

O ocio cultural (de masas) e o turismo convértense en prácticas masivas dunha sociedade que demanda lugares acaídos para as súas lóxicas de reprodución social. A preocupación espacial situouse nun primeiro plano pero máis como unha cuestión estética, de pantalla ou de simulacro. Este “xiro espacial” (e cultural) foi aproveitado polo movemento posmoderno; primeiro para empregalo como argumento falaz como crítica contra a modernidade e; segundo, para converter ao espazo nunha mercadoría máis do sistema capitalista a través do crecemento das cidades ou da súa reforma, da aparición de grandes contentores culturais e lúdico-deportivos ou da transformación da paisaxe física de lindes litorais e dorsais montañosas.

"Neste proceso a mercadotecnia, a publicidade e a competición entre territorios convértense nun terreo de xogo fundamental para un sistema que buscaba unha solución espacial á súa crise"

Neste proceso a mercadotecnia, a publicidade e a competición entre territorios convértense nun terreo de xogo fundamental para un sistema que buscaba unha solución espacial á súa crise. Nesa lóxica, o cinema, por exemplo, e o audiovisual supoñen un soporte fundamental. Para entendelo poderiamos lembra a portada do libro de Guy Debord (La sociedad del espectáculo) no que aparece o público nunha sala con lentes de visualización 3D, como máquinas devorando imaxes ao tempo que constitúen unha imaxe en si mesma.  

Harvey explica que o capitalismo crea espazos. Neyrat engade que eses espazos son non lugares. Espazos móbiles, ao servizo da produción, en constante mutación para a súa destrución, unha vez que xa non serven. Cal é o significado, neste contexto, de proxectos como a Cidade da Cultura?

Ao fío do que acabamos de falar, hai que ter en conta que o urbanismo foi un agudo mecanismo para o desenvolvemento do capitalismo. Neste sentido, as grandes infraestruturas culturais son un exemplo evidente da aparición de espazos artificiais para o simulacro e para a acumulación de capital. Inadaptados contentores á marxe das lóxicas sociais que son as que outorgan identidade colectiva aos lugares e simboloxía espacial. A Cidade da Cultura é o expoñente máis próximo da voracidade espacial da posmodernidade e do capitalismo tardío.

"A Cidade da Cultura é o expoñente máis próximo da voracidade espacial da posmodernidade e do capitalismo tardío"

Entra na lóxica da competencia entre territorios e tamén na da mercatilización cultural e da especulación espacial da sociedade do benestar.  Penso que calquera que sube alí, vai máis cunha intención crítica; recoñecer a desfeita como despois dunha catástrofe, que cunha intención “en positivo”. Porén, o dramatismo do enorme custo e do estratosférico investimento, xunto coa degradación ambiental que supuxo e coa fenda territorial manifesta nas fotos aéreas, van deixar paso a un paulatino proceso de asimilación. 

"Cando a principios do século XX a cidade industrial era un lugar espantoso para medrar, ninguén podía pensar que décadas máis tarde a turistificación ía ser de novo unha maquinaria excepcional de expulsión das persoas da cidade"

Iso non lle quita nin un grao de crítica, pero cando a principios do século XX a cidade industrial era un lugar espantoso para medrar, cunhas condicións de salubridade ínfimas, ninguén podía pensar que décadas máis tarde, despois da súa rehabilitación, a turistificación ía ser de novo unha maquinaria excepcional de expulsión das persoas da cidade. Que quero dicir con isto?. Pois que o que lle dá contido a un lugar, a pesar das súas condicións materiais, son os usos sociais espontáneos. Noutras palabras, a Cidade da Cultura precisa o contrario dun desafiuzamento, é dicir, unha reapropiación. E a administración débese decatar que non pode liderar tal proceso, se cadra, nin acompañalo. Se cadra, terán que pasar 100 anos e que antes aconteza un proceso de abandono.

"A Cidade da Cultura precisa o contrario dun desafiuzamento, é dicir, unha reapropiación"

O sistema xera mais capital do que pode absorber. Unha saída posible é o que Harvey chama solución espacial, que é buscar novos lugares nos que colocar o capital (como acontece con China, por exemplo). Mais, como atopar lugares ata entón situados fóra das relacións capitalistas é cada vez mais difícil, outra opción é o que Harvey chama acumulación por desposesión: un sector non capitalista da sociedade é transformado nun sector capitalista. En que sentido este concepto pode axudar a explicar a rápida transformación do agro en Galicia?

A acumulación por desposesión pode comprenderse como o resultado espacial do que Schumpeter chamou a “destrución creativa”. Destruír unha parte dunha cidade para volver construíla, beneficiando así ás empresas que operan no proceso e desposuíndo e expulsando a quen alí vivía. Non se desposúe unicamente dunha vivenda (que pode ser substituída por outra na periferia), senón de toda unha lóxica de vida comunal e dunha experiencia espacial. Dalgún xeito, isto sucede tamén co agro galego.

"Non se desposúe unicamente dunha vivenda (que pode ser substituída por outra na periferia), senón de toda unha lóxica de vida comunal e dunha experiencia espacial"

Cando a lóxica do capitalismo converte as parcelas agrarias en bens cun valor de cambio cunhas expectativas maiores que as que ofrecía o valor de uso (en confluencia con outros motivos de carácter político e cultural), o que se destrúe é a forma de vida campesiña e con ela unha paisaxe e unha cultura territorial. Permanece no entanto a fragmentación da propiedade pero o capitalismo reconcentra a poboación en ámbitos urbanos até case o abandono de ámbitos rurais cada vez máis amplos do territorio. A desposesión entón maniféstase na inexistencia de vida humana no agro e no monte, na deshumanización, na aniquilación dos usos sociais do espazo.

"Cando a lóxica do capitalismo converte as parcelas agrarias en bens cun valor de cambio cunhas expectativas maiores que as que ofrecía o valor de uso, o que se destrúe é a forma de vida campesiña e con ela unha paisaxe e unha cultura territorial"

As forzas de acumulación poden, entón, campar tranquilas nun territorio sen poboar, porque sen xente non haberá quen o protexa dos grandes movementos especulativos e depredadores. Porén, curiosamente, os procesos de acumulación por desposesión atopan na Galiza a súa “espada de Damocles”, na propia raigame antropolóxica da propiedade privada. A “querencia polo terruño” e a desconfianza paralizaron en boa unha desfeita territorial maior.

"A “querencia polo terruño” e a desconfianza paralizaron en boa unha desfeita territorial maior"

A economía precapitalista desenvolvida en Galiza durante séculos tivo, segundo explicas, no réxime de agras (un xeito de organizar o espazo) o seu "capital espacial fixo". Pero co paso ao capitalismo tardío, con terciarización da economía e progresiva desaparición da clase media, sen pasar pola fase de capitalización industrial, e tendo en conta o que Beiras chamou colonialismo interior, o anterior capital fixo non é substituído por outro, rompendo o equilibrio do sistema. Cales son as consecuencias disto?

O colapso do territorio. Víñase dunha organización territorial na que cada elemento do sistema (parcelas, monte, aldeas e viario) funcionaba en termos de solidariedade, simbiose e reciclaxe. Tratábase dun territorio cunha complexidade elevada pero feble dende o punto de vista orgánico. Cando a mediados so século XX se asiste ao despregamento las leis do mercado e, concretamente, cando o valor de cambio substitúe ao valor de uso, trócase o rol que cada elemento xogaba, comezando a competiren uns cos outros. O resultado é un sistema menos complexo, máis homoxéneo e artificial e sobre todo, menos comprensíbel para as persoas.

"Víñase dunha organización territorial na que cada elemento do sistema (parcelas, monte, aldeas e viario) funcionaba en termos de solidariedade, simbiose e reciclaxe"

O colapso territorial constitúe o resultado da influencia que exerce a lóxica do capitalismo en combinación cunha serie de factores de tipo político e cultural. Nesta situación, emerxen dous procesos que tenden a reducir de xeito dramático a complexidade do territorio: por un lado, a diminución da humanización do espazo; isto dos usos sociais sobre o espazo (non só en termos demográficos); por outro, a perda da biodiversidade e o establecemento dunha paisaxe que resulta unha plasmación de determinados intereses empresariais.

"Hoxe temos un territorio menos lexíbel e moito máis desequilibrado, cun mundo urbano de escaso peso e liderado e un rural en vías de extinción, canto máis interior é"

Dalgún xeito, a perda de biodiversidade é consubstancial da diminución da humanización.  En definitiva, hoxe temos un territorio menos lexíbel e moito máis desequilibrado, cun mundo urbano de escaso peso e liderado e un rural en vías de extinción, canto máis interior é. Son as consecuencias da inexistencia dun “capital espacial fixo” ou se se quer, dun modelo de país en termos territoriais que favoreza unha determinada identidade e uns valores de ben común. Porén, a acumulación e a desposesión non precisa de xeralo para seguir aniquilando e depredando o país.

O colapso sería o contrario do estado de equilibrio do sistema. O sistema novo comeza a operar sen substituír as forzas do anterior, que introducen desorde nel. En que sentido foron as demandas de Nunca Mais ou de Galiza non se Vende expresión da loita contra os efectos dese colapso, contra a destrución do territorio provocada polo capitalismo? Como entroncan, nese sentido, aquelas demandas coas máis recentes sobre xentrificación, turistificación, desafiuzamentos ou pobreza enerxética?

Nunca Máis e Galiza Non se Vende, coido que foron as primeiras plataformas cidadás que situaron o territorio na axenda da loita política e social. Plataformas amplas e diversas que entenderon que a defensa do territorio vai máis alá da súa protección ecolóxica. O territorio danos de comer, vehicula a nosa identidade, nutre a reprodución social e cultural. O exterminio do territorio significa o exterminio de nós mesmos e iso compréndeno e por iso son movementos masivos. É certo que xorden despois de procesos catastróficos ou de ameazas reais de destrución da biosfera, pero iso non lles restas valor porque conseguiron que as forzas políticas no seu conxunto, tivesen que reaccionar.

"O territorio danos de comer, vehicula a nosa identidade, nutre a reprodución social e cultural"

Despois do 2010, as loitas “espaciais” cambian en boa medida a súa escala, dando lugar a unha amálgama diversa de conflitos locais en barrios, fragas, praias, ríos, camiños e prazas. Son a expresión do dereito ao territorio que reclaman as persoas e que insisten en ser protagonistas e autoxestionar os espazos que cohabitan; dende a limpeza e a seguridade até a peonalización e a planificación urbanística. Neste sentido, organizar a participación a esta escala resulta moito máis áxil e eficaz que a unha escala rexional (en termos xeográficos).

"Debemos ter en conta que o dereito á cidade é só o principio dun proceso de transformación máis amplo: o dereito a ser como queremos ser"

Penso que as forzas políticas tomaron nota pero ás veces penso que iso pode quedar en simples xestos ou en procesos de apropiación por parte da administración. Debemos ter en conta que o dereito á cidade é só o principio dun proceso de transformación máis amplo: o dereito a ser como queremos ser. Finalmente, dicir, que a preocupación debe ser constante. Non nos debemos mobilizar só canto un problema afecta ao noso barrio ou á nosa rúa. A día de hoxe os problemas que nomeas afectan de xeito directo a boa parte da poboación galega. Constitúen a expresión máis plausíbel dos procesos de desposesión e de expulsión. Merecen resposta contundente pero artellada en rede dun xeito máis rexional que local.

A lóxica do mercado non muda unhas mentalidades moi asentadas na propiedade privada: só alimenta as expectativas de lucro. O papel regulador do Estado poucas veces se orienta cara a certa idea de colectividade (como co Banco de Terras ou a concentración parcelaria), senón máis ben a favorecer a iniciativa privada. De que xeito estes factores, xunto á perda da cultura do territorio (antes considerado fonte de recursos a protexer), favorecen a especulación inmobiliaria ou os incendios forestais? Que outros factores causan, en relación co territorio, os segundos?

Comentaba antes que a propiedade da terra ten unha raizame moi antropolóxica en Galiza. En boa medida isto impediu que os procesos especulativos fosen aínda maiores do que son. Galiza posúe unha da taxas máis baixas en canto a movemento de terras se refire. Porén, isto non frea as aspiracións e as expectativas. O que si opera é unha sorte de conduta submisa que forma parte dunha regulación que ven da época franquista. Foi o primeiro ministro de vivenda de Franco, un tipo chamado Jose Luis Arrese, falanxista e arquitecto, que dixo “queremos un país de propietarios, non de proletarios”.

"A propiedade da terra ten unha raizame moi antropolóxica en Galiza. En boa medida isto impediu que os procesos especulativos fosen aínda maiores do que son"

Isto en Galiza xa o tiñan feito. Grazas a lei do solo de 1956 conseguiron ademais liberalizar a práctica construtora con medidas favorecedoras da especulación e o crecemento inmobiliario. Por tanto, o que emerxe é un país disposto cunha elevadísima fragmentación parcelaria como soporte do que se coñece como a diseminación residencial. Un xeito de ocupar o territorio nada tradicional en contra do que se pensa e que chegou de xeito non planificado senón inducido (polas leis do mercado). Este feito xunto cunha serie de prácticas urbanísticas extremadamente laxas e permisivas, foron xerando un territorio cun nivel de desorde importante, con edificacións por calquera lado (moitas sen rematar), ubicadas no medio de eidos produtivos e mesmo nas parcelas máis fértiles.

"Foi necesario artellar un territorio no que cada propietario quería chegar a súa casa cos conseguintes puntos de luz e todos os demais servizo"

En paralelo, multiplicáronse as vías de comunicación. Foi necesario artellar un territorio no que cada propietario quería chegar a súa casa cos conseguintes puntos de luz e todos os demais servizos. Tal nivel de desorganización, que se ben está máis localizado na franxa atlántica, dá lugar a unha patoloxía que José Manuel Naredo denomina “parasitismo” e que pode ser unha das causas importantes, xunto co abandono e a falta de xestión, de catástrofes relacionadas cos incendios forestais, pero tamén coas crecidas fluviais ou coa conxestión turística no litoral.

O desequilibrio territorial de Galiza (entre ámbito rural e urbano, urbano e periurbano e litoral e interior), leva á homoxeneización do espazo e a perda do "conflito urbano". Case a metade da poboación galega desenvolve a súa vida nas grandes cidades. Por que a xestión dos fluxos de mobilidade diarios son hoxe un dos grandes retos urbanos? De que xeito os problemas de acceso á vivenda, a elitización dos centros ou a crise do comercio tradicional son expresión de mudanzas nas relacións de poder nesas cidades homoxeneizadas?

Debemos fixarnos en como usan as persoas o territorio. Hoxe en día, os mercados laborais ampliaron o seu radio. A mobilidade laboral de base diaria sinala a multiplicación de desprazamentos interurbanos cada vez de maior distancia. O aceso a un vehículo privado é hoxe máis común que hai 20 ou 30 anos e as infraestruturas melloraron de tal xeito as conexións que un estudante da USC de Boiro (por exemplo), antigamente con total seguridade alugaba un piso en Compostela durante o curso, pero hoxe xa non.

"Mudaron as lóxicas tamén porque o mercado de aluguer está pasando por unha etapa especulativa e no noso lugar de vida, se cadra temos a posibilidade de habitar unha vivenda familiar"

Mudaron as lóxicas tamén porque o mercado de aluguer está pasando por unha etapa especulativa e no noso lugar de vida, se cadra temos a posibilidade de habitar unha vivenda familiar. Hoxe dependemos máis dos fluxos, do movemento, mesmo para introducirnos en circuítos culturais aos que non temos aceso nas nosas cidades. Deste xeito, intensificáronse os itinerarios xa non só a concellos limítrofes e núcleos dormitorio (que xa non o son tanto), senón entre cabeceiras comarcais e as cidades e entre as cidades mesmas, aumentando así o que se denomina a poboación vinculada, con todos os problemas de xestión derivados.

"Semella urxente aplicar algún tipo de "misión pedagóxica” que trate de dinamizar a vida da cidade, conciliar nos conflitos e explicar claramente por que un propietario non pode ter vivendas en desuso, sen ocupar"

En segundo lugar, o universo urbano galego, con todas as súas fraquezas, non permaneceu á marxe das lóxicas globais. Así e todo, en Compostela por exemplo, o prezo da vivenda resistiu os peores anos da crise económica. Estamos diante de corpos urbanos de tamaño pequeno cun tecido social pouco cohesionado e extremadamente polinuclear, nas que é difícil exercer un liderado alternativo. Ademais, penso que a día de hoxe fai falta un operativo de arbitraxe e implicación de todos os actores involucrados nos gobernos da cidade.

Mesmo semella urxente aplicar algún tipo de "misión pedagóxica” que trate de dinamizar a vida da cidade, conciliar nos conflitos (de ruído, de turistificación ou de limpeza e seguridade) e explicar claramente por que un propietario non pode ter vivendas en desuso, sen ocupar. No canto disto, é moi habitual ver poñerse aos gobernos de canto, ben por problemas competenciais, ben porque no dá réditos electorais.

O motor da mudanza, dis, non poden ser só os expertos e a xestión política, pois a sociedade civil ten moito que dicir. De que xeito pode articularse a participación desta na construción doutros modelos de cidade? Que pensas, ao respeito, dos procesos de participación abertos polos gobernos locais das Mareas?

Se cadra, debemos comezar a escoitar en serio o que teñen que dicir algunhas novas soberanías. As cidades e a sociedade no conxunto téñense organizado até o día de hoxe ao calor de postulados como o patriarcado, o catolicismo, a heterosexualidade... o “home branco” que traballa e trae os cartos á casa, digamos. Porén a practica urbanística – con moito esforzo- atende hoxe a outras olladas mancomunadas e autoxestionadas. Familias diversas na procura de fogares compartidos, a cidade da nenez, das mulleres, dos discapacitados... colectivos que son quen de trasladar os coidados cos que artellan os seus espazos de decisión ao lugar xeográfico que usan e ocupan.

"As cidades e a sociedade no conxunto téñense organizado até o día de hoxe ao calor de postulados como o patriarcado, o catolicismo, a heterosexualidade... o “home branco” que traballa e trae os cartos á casa"

Refírome a soberanías motivadas polo ben común e pola cooperación, polo coidados micro e non pola competición e o individualismo. Artellar esta constelación non resulta doado e supoño que o primeiro será preguntarlles polas súas demandas e preocupacións. Recollelas e cartografalas. Deixar constancia da súa existencia, importancia e protagonismo. A partir de aí poda que emerxa un xeito de actuar a outra escala.

"Vexo un certo déficit de planificación e sobre todo, non sei se fixeron a pregunta de que cidade ou concello imaxina e queren construír"

As Mareas abordan esta cuestión con respecto e hai que poñer en valor o que levan feito. Penso que, en xeral, foron quen de trasladar que non chegaron ás institucións para “mangonear” e roubar, nin para propiciar o “pelotazo” e os intereses privados. Porén, en ocasións, boto en falta algo máis de permeabilidade e penso que sobra certa imaxe de autosuficiencia. Enfróntanse a problemas de calado fondo e espectro amplísimo, con actores pouco ou nada colaborativos en cidades con enorme diversidade morfolóxica no social e no xeográfico. Iso hai que entendelo. Pero ao mesmo tempo, vexo un certo déficit de planificación e sobre todo, non sei se fixeron a pregunta de que cidade ou concello imaxina e queren construír. E dende aí, que país imaxinan e queren construír.

Algo máis que queiras comentar?           

Unha cuestión final relacionada co colapso territorial e a educación que ten ver coa necesidade de iniciar un proceso de profundo cambio no ensino das ciencias sociais dende as etapas infantil e primaria até os niveis superiores. Seguimos ensinando xeografía e historia de xeito que resulta moi sinxelo reproducir as condutas que nos trouxeron até aquí. O estudo de listados de capitais e nomes de lugares e cordilleiras en mapas segue a resultar útil, pero non do xeito non que pode entenderse unha formación socialmente útil. Neste sentido, pode que resulte centrarse na aprendizaxe dos procesos da contorna próxima: por que arde o monte? Por que hai conxestión viaria?. Que motiva a polución urbana? Por que no meu barrio non hai cines? A que se debe a crecida do río da vila en abril? Por que hai derrubamentos nos cantís? Que os nenos descubran in situ as respostas a estas e outras preguntas, se cadra facilita tamén algunha saída no futuro para o colapso.

Capa do libro © Galaxia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.