"Antón Tovar viviu un tempo de hostilidade contra a lingua e a pesar diso mantivo o seu desexo de ser poeta galego"

Antón Tovar © Museo da Limia

Antón Tovar foi unha das opcións propostas para protagonizar o Día das Letras Galegas de 2025, nunha terna de finalistas que compartiu con Enrique Labarta Pose e coa candidatura colectiva do cancioneiro popular. O poeta ourensán, finado hai vinte anos, non foi finalmente o elixido, pero o seu nome mantense para os vindeiros anos como unha das propostas máis sólidas para protagonizar a celebración das Letras, impulsada polo Museo da Limia e por académicos como Xesús Alonso Montero.

"No poeta Antón Tovar únense esas dúas razóns que están sempre enriba da mesa á hora de decidir a quen se lle concede o Día das Letras: por un lado a obra, a súa creación, e polo outro o seu compromiso coa lingua"

Tovar naceu na Pereira (Rairiz de Veiga) en 1921 e finou en Ourense en 2004, deixando sete poemarios en galego e seis en galego e formando parte da chamada Promoción de Enlace, que serviu de enganche entre os autores e autoras da Xeración de 1936 e a posterior Xeración das Festas Minervais. Viviu, polo tanto, os anos máis duros da ditadura franquista, un tempo no que -malia crecer nunha familia franquista- militou no Partido Comunista e sufriu a represión, sendo expulsado do seu posto no Ministerio de Facenda que gañara en oposición, por mor do seu activismo político.

Comezou a escribir en castelán nos anos 50, pero posteriormente pasou ao galego, influído por Ramón Otero Pedrayo -que lle deu clase no Bacharelato en Ourense- e sobre todo por Vicente Risco. Pasou por Compostela e por Salamanca, onde na procura de respostas á súa espitirualidade ingresou nos Xesuítas, unha experiencia moi negativa da que naceu unha crise de fe e que o marcou para o resto da súa vida, chegando a estar varios meses interno nun psiquiátrico.

Antón Tovar © Museo da Limia

A súa é unha poesía pesimista e existencialista, que procura respostas sobre a identidade e sobre o mundo. En 1962 publicou o seu primeiro poemario en galego, Arredores, ao que seguíu Non (1967) e unha Poesía galega completa (1974). Xa na Democracia, gañou o Premio da Crítica con Calados esconxuros (1980) e publicou Berros en voz baixa (1990), A nada destemida (1991) e Cadáver adiado (2001). O pasado ano Xerais publicou unha Antoloxía poética, con prólogo de Xesús Alonso Montero, nunha edición a cargo de Delfín Caseiro, presidente do Museo da Limia, con quen falamos.

Por que Tovar? Que é o que o fai merecedor de ser homenaxeado no Día das Letras Galegas?

"Tovar sente dende o primeiro momento que el está en débeda coa lingua galega. El nace na Pereira, nunha aldea de Rairiz de Veiga, e dende neno vai moi a miúdo por alí. Para Tovar era unha riqueza moi grande a nivel humano e a nivel lingüístico, e neles atopa o modelo de persoa que el quere ser"

No poeta Antón Tovar únense esas dúas razóns que están sempre enriba da mesa á hora de decidir a quen se lle concede o Día das Letras: por un lado a obra, a súa creación, e polo outro o seu compromiso coa lingua, unha faceta que penso que nos últimos anos quedou un pouco diluída.

Tovar sente dende o primeiro momento que el está en débeda coa lingua galega. El nace na Pereira, nunha aldea de Rairiz de Veiga, e dende neno vai moi a miúdo por alí, onde estaba a familia da súa nai, e alí atopaba o mundo rural, un mundo moi vivo naquel tempo. A familia tiña unha tenda moi importante no lugar, unha especie de gran bazar onde se podía mercar de todo. Para Tovar era unha riqueza moi grande a nivel humano e a nivel lingüístico, e neles atopa o modelo de persoa que el quere ser. 

Daquela, pódese dicir que é aí na Pereira onde Tovar se fai poeta galego, aínda que realmente comezase a escribir máis tarde?

"El vai vivir nese tempo un ambiente de hostilidade contra a lingua galega e a pesar diso el mantén ese desexo de ser poeta galego"

Na casa de Antón Tovar eran castelanfalantes, xa que o seu pai viña de fóra, de Castela. Pero el conecta realmente con esa xente do campo e vaise sentir máis unido a eles. E posteriormente na súa obra déixase ver esa vertente social, cívica, de defensa desta xente. Sae sempre en defensa dos oprimidos, dos silenciados, dos que padecen inxustizas.

El probablemente comeza a escribir en castelán, aínda que non o sabemos. Pero introdúcese na creación en galego a raíz dos encontros que ten cos intelectuais de Ourense, sobre todo con Vicente Risco, que se dá a circunstancia que era da familia, pois a nai de Antón Tovar era prima da muller de Risco.

Estamos falando dun contexto moi negativo para o galego: os anos 40, 50..., un momento no que rompera todo, no que desaparecera a ilusión e as liberdades da etapa anterior. El vai vivir nese tempo un ambiente de hostilidade contra a lingua galega e a pesar diso el mantén ese desexo de ser poeta galego. Ao final a obra de Tovar en galego -sete libros- supera mesmo en número á súa obra en castelán -seis libros-. Non é que sexa unha cuestión cuantitativa, pero el séntese moito máis identificado como poeta galego que como poeta castelán, e así o expresa nos seus diarios.

Antón Tovar © Museo da Limia

Teñen impactos os seus primeiros libros?

Arredores tivera moi pouca difusión, pero o libro Non foi unha especie de manifesto poético, unha maneira de rebelarse (de aí o 'non') contra unha realidade que negaba a persoa, que negaba as liberdades, que negaba o progreso. É un libro que vén complementar o Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro. É un libro co que a mocidade máis activa da época, a mocidade universitaria, se sente moi identificada, ven neste libro referentes que estimulaban esa rebeldía.

Tovar foi definido como o poeta do pesimismo. É realmente así? O pesimismo e o existencialismo marca a súa obra?

"El é un pesimista confeso, maniféstao así nos diarios. Tovar di "como non vou ser pesimista co mundo que hai?". E niso inflúe tamén a vida que lle tocou vivir, que non foi unha vida doada. Eu o que destacaría na súa creación é sobre todo esa capacidade de reflexión e análise sobre a condición humana"

El é un pesimista confeso, maniféstao así nos seus diarios. Tovar di "como non vou ser pesimista co mundo que hai?". E niso inflúe tamén a vida que lle tocou vivir, que non foi unha vida doada, así que por forza el tiña que ser pesimista. Eu o que destacaría na súa creación é sobre todo esa capacidade de reflexión e análise sobre a condición humana, sobre o ser humano, esa necesidade que ten de entender a vida e a existencia. Por iso a súa poesía é unha reflexión continua e unha pregunta continua sobre o sufrimento, a mortalidade e o futuro.

Reflexiona tamén sobre a existencia de Deus, sobre as relacións humanas... É unha poesía moi profunda que pescuda no interior humano, preguntándose sobre a propia identidade. É unha poesía que non ten caducidade, que segue vixente, porque estes interrogantes sempre están aí. Na súa poesía está a necesidade vital de atopar respostas e para el é un desafogo existencial.

A súa vida estivo moi marcada pola relación coa Relixión e, sobre todo, por unha etapa moi negativa que viviu internado nos Xesuítas en Salamanca. Que sucedeu?

"El recoñece que o erro máis grande que cometeu na súa vida foi ir ao internado dos xesuítas de Salamanca. Di que alí sufriu unha castración espiritual e unha opresión tan grande que o que pasou neses lugar o condicionou para o resto da súa vida"

Toda a súa vida estivo moi condicionada polos episodios de crise psicolóxica que padece, vai a consultas psiquiátricas dende moi novo e mesmo chega a estar internado nun sanatorio psiquiátrico. El recoñece que o erro máis grande que cometeu na súa vida foi ir ao internado dos xesuítas de Salamanca. El, ao rematar o Bacharelato, vai a Compostela coa intención de facer Filosofía e Letras, pero alí non se acaba de atopar. El ten unha ansia espiritual que nese momento el identifica coa relixión e agárrase a iso porque pensa que é o que mellor responde a esa inquedanza. E por iso vai a Salamanca, pero para el foi un auténtico tormento. 

Di que alí sufriu unha castración espiritual e unha opresión tan grande que o que pasou neses lugar o condicionou para o resto da súa vida. De entrada, saíu cunha crise de crenza e de fe e ao pouco de saír de aí foi ingresado durante meses nun psiquiátrico. Aí nace un novo Tovar, que vai ter estes trazos de home pesimista, atormentado e angustiado. 

Convértese nunha especie de Lobo Estepario, como o describe Hermann Hesse naquela obra, ou próximo a estes personaxes atormentados de Dostoievski. Ten menos relacións sociais, vive oculto, encerrado... Tamén tivo problemas de carácter laboral, pois foi despedido de Facenda, onde traballaba. E tivo desgustos amorosos, tamén.

Unha imaxe da comarca da Limia © Turgalicia

A pesar de todo isto, ti destacas nalgún artigo que Tovar "era moi dado á risa"? Parece algo contraditorio con todo o anterior...

El gustaba moito de rir. Para el, a risa tamén ten o seu misterio. El necesita rir como liberación contra esa vida que lle tocou e procura momentos de distensión para saír dese pozo no que está. Mesmo ten un poema que comeza dicindo “Deume a risa, deume a risa”, un texto co que gañou o primeiro premio dos Xogos Florais de Guimarães de 1960. Tiña tamén un cartafol no que ía gardando textos e noticias que tivesen que ver coa risa e de cando en cando volvía a el, supoño que para pasar un tempo agradable.

De igual xeito, malia este pesimismo vital, foi un home comprometido social e politicamente, nun tempo no que esta militancia tiña consecuencias persoais importantes, como el mesmo sufriu, verdade?

"A pesar de que a súa familia era franquista, el tiña un sentimento completamente antifranquista. E milita activamente no Partido Comunista entre 1962 e 1972. E despois, aínda que deixa de militar, segue a sentirse comunista. Toda a súa poesía social está na liña de defender aos que padecen"

El non é alleo á realidade social, política e económica do momento. Dende o primeiro momento, dende o primeiro poemario que publica en castelán, El tren y las cosas (1960), ou o primeiro poemario en galego, Arredores (1962), todos os seus textos teñen dous eixos temáticos: a poesía intimista, da introspección e, polo outro, a liña cívica, social, de compromiso coa realidade. 

Para el o ambiente desa época, en Ourense, era moi opresivo, marcado pola presenza dos curas e dos militares, había medo a todo... Antón posiciónase dende o primeiro momento do lado das vítimas, do lado das persoas que padecen. Xa lle impactara moito o que escoitaba sendo adolescente na tenda da súa familia, na Pereira, sobre as persoas que asasinaban no Alto do Furriolo. E a pesar de que a súa familia era franquista, el tiña un sentimento completamente antifranquista. E milita activamente no Partido Comunista entre 1962 e 1972. E despois, aínda que deixa de militar, segue a sentirse comunista. Toda a súa poesía social está na liña de defender aos que padecen. 

Colócase sempre no lado dos máis débiles, polo tanto?

"Hai tamén na súa poesía unha defensa continua da natureza e da paisaxe. Pódese dicir que foi un adiantado ao seu tempo, nesta defensa do medio ambiente, cun certo panteísmo e un certo franciscanismo. A lingua, que permaneceu viva no ámbito rural, era tamén outro motivo para sentirse próximo a estes lugares"

Si, a ese sentimento, que para el é basico, pódese ligar tamén a relación que mantén cos seus cans e, en xeral cos animais e coa natureza. El sente un paralelismo vital existencial entre o can e el e dende sempre foi un gran defensor de todos os animais, sobre todo dun can co que convivira e ao que dedicou un poema co que gañou o seu primeiro premio literario. 

Hai tamén na súa poesía unha defensa continua da natureza e da paisaxe. Nese sentido pódese dicir que foi un adiantado ao seu tempo, nesta defensa do medio ambiente, cun certo panteísmo e un certo franciscanismo. A lingua, que permaneceu viva no ámbito rural, era tamén outro motivo para sentirse próximo a estes lugares. 

Antoloxía Poética de Antón Tovar © Xerais

O pasado ano publicastes en Xerais unha Antoloxía Poética de Tovar, prologada por Alonso Montero e dende o Museo da Limia realizastes varios actos de difusión e de reivindicación da súa obra e da súa figura. Como vai este proceso de divulgación? É Tovar máis coñecido e recoñecido?

"Estamos seguros que hai un Día das Letras destinado a Antón Tovar. Casares é o narrador da Limia por excelencia e Tovar é o narrador poético que mellor retrata a realidade da Limia"

Sempre organizabamos actos en relación a Tovar, coincidindo co seu aniversario. E nun deles participou Alonso Montero, que tiña unha relación especial e moi próxima con Antón Tovar, pois fora editor e prologuista de moitos dos seus libros, compañeiro de militancia... Para el é unha das voces líricas máis importantes da literatura galega da segunda metade do século XX. E de aí saíu a idea de publicar esta Antoloxía

A nosa intención era facer unha selección dos seus poemas en lingua galega que non fose excesivamente extensa, que non se fixese pesada, pensando en dalo a coñecer sobre todo nos centros de ensino. Eu creo que moita xente descubriu a Tovar e a importancia da súa obra a raíz desta Antoloxía e por iso estamos moi satisfeitos. Cando se lle conceda o Día das Letras, é seguro que haberá unha reedición desta Antoloxía.

Chegará esta homenaxe, este Día das Letras Galegas dedicado a Antón Tovar?

"A súa é unha poesía que fai pensar, que esperta o pensamento e poetiza toda a realidade que nos circunda. É unha poesía que pescuda no interior humano, preguntándose sobre a propia identidade. É unha poesía que non ten caducidade, que segue vixente, porque estes interrogantes sempre están aí"

Estamos seguros que hai un Día das Letras destinado a Antón Tovar. Quédanos esperar esa designación. Non sabemos se haberá fortuna este ano, pero é o grande obxectivo do Museo da Limia. Casares é o narrador da Limia por excelencia e Tovar é o narrador poético que mellor retrata a realidade da Limia. Nós, na Limia, sentímolo moi próximo, moi identificado coas nosas vivencias. 

Creo que a súa é unha poesía que fai pensar, que esperta o pensamento e que está plenamente vixente, que poetiza toda a realidade que nos circunda. Ademais, nos últimos anos foron homenaxeados varios dos autores e autoras que morreron no mesmo tempo que Tovar: Manuel María, Luísa Villalta, Xela Arias, hai máis ou menos 20 anos. Tovar deixounos hai xusto dúas décadas, é un momento máis axeitado para recuperalo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.