Antón Tovar, a voz da soidade

Antón Tovar © Museo da Limia

A Pereira (A Limia), á vista o Pico do Mediodía, patria da infancia gozosa, faise acobillo permanente para o poeta atormentado

A Pereira (A Limia), á vista o Pico do Mediodía, patria da infancia gozosa, faise acobillo permanente para o poeta atormentado; despois, tamén o han de ser o mar da Lanzada de namorar e o case mítico Monte Alegre da mocidade e dos magostos das bebedeiras. No seu primeiro poema galego, publicado na revista literaria Posío (1951-1954), “cando eu morrra”, Antón Tovar monifesta o seu desexo de ser soterrado no “lagar oceánico da Limia”, terra e paisaxe íntimas e amadas, ás que retorna decote.

No ano 1966, o escritor gañaba o premio “Amor Ruibal” co ensaio “Xoán XXIII e a Terra”, publicado no xornal La Hoja del Lunes de Ourense, no que subliña a “galeguidade” do papa humilde e de cuxa encíclica “A Paz na Terra” salientaba estas palabras; “Amade a terra. Especialmente a súa lingua, cultura, tradicións e recursos e iniciativas económicas.”

Antón Tovar © Museo da Limia

O poeta é moi consciente de que o erro de ter entrado no internado dos xesuítas de Salamanca condicionou a súa vida para sempre, ao provocar a confusión, o sufrimento, a tortura (“o terrorismo espiritual que capa as almas”)

O poeta é moi consciente de que o erro de ter entrado no internado dos xesuítas de Salamanca condicionou a súa vida para sempre, ao provocar a confusión, o sufrimento, a tortura (“o terrorismo espiritual que capa as almas”). A doenza mental neurose obsesiva (mal dos nervios) vaise facer compañeira do existir. Para Tovar, a vida é unha fatalidade. Vaise impor o pensamento obsesivo a respecto da existencia do eu (ego) e da liberdade humana (“A miña libertade non existe e eu non son”), así como da (non)-existencia de Deus; a miúdo máis pesadelo que reflexión, que atormenta, que tortura, igual que o crecente pavor á morte, ao nada. O seu confesional Diario sin datas. Farangullas (1987) ábrese con esta contundente afirmación: “Temos que afacernos a vivir sen a palabra Deus. Cousa que resulta dolorosa. Pero non temos outra saída.”

Así e todo, o escritor confesa que el sempre foi moi dado á risa e que tiña unha carpeta na que ía gardando recortes e chistes e anécdotas riseiras. Co vibrante poema “Deume a risa” gañara o primeiro premio dos Xogos Florais de Guimaraes do ano 1972. E dinos verbo da composición: “Cando a fixen animábame un pulo de rebrincos e pinchacarneiros que se alongou deica ó ritmo.”

Catro mulleres foron determinantes na súa existencia. Tres foron agarimo, conforto, mananciais de afecto e tenrura. A súa nai, Raquel Bobillo Fernández, prima da muller de Vicente Risco, á cal o autor dedicou os dous primeiros libros publicados, un en español e outro en galego: El tren y las cosas (1960), Premio Marina da Deputación de Ourense en 1959, e Arredores (1962). A asistenta Susa, Xesusa Blanco Fernández, como unha segunda nai, que levou á casa a fala e as historias de San Miguel do Campo, á que dedicou o libro Non (1967) e que foi protagonista de varios poemas. A terceira foi a Tucha, Antonia Mirayo, que chegou á vida do escritor en 1968 desde o Atlántico para ser luz, amparo e inspiración até o seu pasamento no 2000, á que lle dedicou o sensual O vento no teu colo (1974) e o radical Cadáver adiado (2001), o seu último poemario, e con presenza en moitas composicións. A cuarta foi Elvira Carballo, que despertou a paixón do mozo e provocou intenso mal de amores; así e todo, dedicoulle o libro castelán La barca (1973) con ben explícitas palabras: “A Elvira, aquel desvanecido / y viejo amor / mi destrucción.”

Antón Tovar © Museo da Limia

Tovar declaraba que a súa vocación poética e a súa materialización era algo que se lle impuña desde dentro. Así define as súas creacións: “Son esconxuros, calados esconxuros contra o medo, calados esconxuros que van buscando o alicerce doutra vida onde non hai enfermedade, nen vellez, nen morte.”

Tovar declaraba que a súa vocación poética e a súa materialización era algo que se lle impuña desde dentro. Así define as súas creacións: “Son esconxuros, calados esconxuros contra o medo, calados esconxuros que van buscando o alicerce doutra vida onde non hai enfermedade, nen vellez, nen morte.” O libro Calados esconxuros (1980), obra antolóxica, Premio da Crítica, aglutina os dous lirismos da súa poesía: o lirismo introspectivo, reflexivo, que procura no interior; e o lirismo social, que canta os obxectos e os seres vivos que acompañan a nosa existencia, cun posicionamento crítico e comprometido coa causa dos desherdados e dos humildes. 

Os poemarios Berros en voz baixa (1990), Premio de Creación Losada Diéguez, e A nada destemida (1991) reinciden nas angueiras e nas contestacións de sempre. Un novo libro de memorias, Diario íntimo dun vello revoltado (2001) revisita coa mesma honestidade a inquedanza e a angustia existencial, desde a perspectiva do tempo final. O pensamento faise palabra poética (nace no inédito Diccionario Ideolóxico Galego), espiritualizada, verso reflexivo ou confidencial relato da súa atormentada existencia, interior e exterior, así como da escura e represiva sociedade urbana pola que transitan os tolos do mundo, como o Emilio, e os cans doentes abandonados, cans sen dono, non como os seus benqueridos Sil, Morito ou Lister. Tovar fala nalgunha ocasión dun libro de poesía política, comunista (A fouce e o camiño), que nunca se publicou e no que entraría o poema “O Furriolo”, en memoria dos inocentes asasinados no alto do Furriolo nos anos da represión.

Desde o Museo da Limia (Vilar de Santos) véñense acometendo múltiplas actuacións a prol da obra do escritor, tal que unha Antoloxía poética (2023), con espléndido prólogo de Alonso Montero

No texto (“Autopoética ou o que sexa”) que introduce Poesía galega completa (1974), edición do profesor Xesús Alonso Montero, editor e prologuista de moitos libros do poeta, Tovar declara: “O “Nouturnio” de Curros sempre foi para min unha meta, un punto ideal. Aquil “Nouturnio”, ó que por moitos análisis que se lle fixeran , contiña un último fondo que se negaba a ser analizado. (…) Na solaina da Pereira teño pensado eu moitas veces, cómo podería chegar a faguer un poema de semellante valor.”

Xa nos agasallara tamén cunha obra narrativa, A grande ilusión e outros contos (1989), con once relatos de inspiración autobiográfica que falan de moitas das obsesións que o desacougan e o torturan.

Presentación da Antoloxía de Antón Tovar no Museo da Limia © Museo da Limia

Este é o momento de as institucións, públicas e privadas, se implicaren na causa para difundir e potenciar o legado artístico dunha das voces máis singulares e auténticas da literatura galega contemporánea

A obra poética castelá apenas ten difusión (a galega tampouco tivera moita), o que provoca as queixas silandeiras do escritor. No 1987, A Deputación de Ourense reúne nun volumen os poemas casteláns: Poesía en castellano (1955-1973), que inclúe cinco títulos: Barro de nadie (inédito), El tren y las cosas, El ladrido, La Lanzada e La barca. Dez anos despois, Tovar aínda publica un novo libro en español: Los versos de mi camilla. 4 formas (1997).

Desde o Museo da Limia (Vilar de Santos) véñense acometendo múltiplas actuacións a prol da obra do escritor, tal que unha Antoloxía poética (2023), con espléndido prólogo de Alonso Montero. Este é o momento de as institucións, públicas e privadas, se implicaren na causa para difundir e potenciar o legado artístico dunha das voces máis singulares e auténticas da literatura galega contemporánea.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.